Knowledge networks in rural Europe since 1700. Conclusións

O congreso Knowledge networks in rural Europe since 1700 tivo lugar na cidade belga de Leuven entre o 27 e o 29 de agosto de 2014. Nel, déronse a coñecer, e debateuse sobre os avances que desde a historia se están a levar a cabo no sector agrícola e no agro.

Algunhas conclusións:

O seminario Knowledge networks in rural Europe since 1700, celebrado en Lovaina entre o 27 e o 29 de agosto, abriu coa benvida do vicerreitor da Universidade de Lovaina, seguida dunha interesante ponencia do profesor Jan Douwe van der Ploeg (Universidade de Wageningen) sobre o concepto e o funcionamento das redes de coñecemento na Europa contemporánea. O ponente fixo fincapé nos cambios que tiveron lugar na segunda metade do século XX, cando esta transmisión pasou de articularse como un proceso de converxencia a outro de diferenzación, do que participaron as granxas estimadas máis viables dacordo coas esixencias modernizadoras da época. A esta sesión séguea outra central no conxunto do seminario, a cargo de Ives Segers e Leen Van Molle, da Universidade de Lovaina, sobre os diferentes marcos teóricos para o estudo das redes de coñecemento (“Introduction.  Knowledge networks in rural Europe. Theories, concepts and historiographies”), coa que se propón abrir unha reflexión conxunta ó respecto. Nas sesións da tarde, coordinadas polo profesor Paul Brassley (Universidade de Exeter), debátense as propostas de Janken Myrdal (Universidade de Uppsala) sobre “Agricultural literature in Scandinavia and Anglo-Saxon countries c. 1700-1800”; James P. Bowen (Universidade de Liverpool) titulada “Local perspectives of weaher and climate in the British Isles since 1700 and the diffusion of knowledge with reference to the parctice of agricultre and everyday rural life) e as dos membros de Histagra Beatriz Corbacho, Lourenzo Fernández Prieto e David Soto, que levou por título “How peasants adopt new technologies. Peasant know-how and learning by farming during the socio-ecological transition in Galicia (Spain), XVIII-XXth centuries”.

No segundo día (xoves 28 de agosto) do Seminario Knowledge networks in rural Europe since 1700, tiveron lugar as Sesións 2 e 3, conducidas respectivamente por Marteen Duijvendak, da Universidade de Groningen e Marijn Molema, da Posthumus and Fryske Akademy de Leeuwarden. A Sesión 2 estivo adicada á construción de redes de coñecemento en diferentes países europeos (Hungría, os Países Baixos, Italia e Inglaterra) entre o final do século XVIII (baixo o influxo da Ilustración) e os comezos do século XX, con particular atención aos efectos que no desenvolvemento destes redes de coñecemento e dos seus instrumentos (organizacións agrarias, prensa e escolas agrarias, sociedades científicas no eido da agronomía, etc.) tivo a crise agraria finisecular e as respostas dadas a esta de 1880 en adiante. O debate xirou arredor das posibilidades de actuación autónoma que estas dinámicas top – down de transmisión de novos coñecementos e técnicas agrarias deixaron (ou non) aos labregos como destinatarios finais do coñecemento agrario... Habería que destacar desta sesión a intersante contribución feita por Peter Moser, dos Archives of Rural History, en Berna, acerca da introdución dos libros de contabilidade (book keeping) nas granxas suízas durante os séculos XIX e XX, e as súas implicacións tanto sobre as formas de traballo agrícola como na “nova racionalidade” da distribución de tempos (traballo – descanso) e espazos (establo - vivenda).

A terceira Sesión do Seminario foi temáticamente máis heteroxénea. Contou con aportacións procedentes dos Países Baixos (sobre as redes de coñecemento femininas e as súas aportacións as familias labregas europeas nos séculos XIX e XX); Francia, acerca da relación na inmediata posguerra (1945 – 1955) entre os labregos, as firmas comerciais e as Direccións provinciais dos servizos agrarios (DGS) polo que fai á recepción por parte de aqueles de novidades tecnolóxicas como os herbicidas ou nova maquinaria agrícola; e España, cunha análise do Servicio de Extensión Agraria (SEA), dende o punto de vista dos seus fundamentos teóricos, a práctica da transferencia de tecnoloxía sobre o terreo e a contextualización internacional do SEA na corrente de modernización agraria do momento. Esta última ponencia: “New knowledge for a modern agriculture: The Agrarian Extension Service in Francoist Spain (1955 – 1975)” foi presentada polos Investigadores de HISTAGRA Daniel Lanero e Alba Díaz – Geada, en colaboración con Miguel Cabo, suscitando un interesante debate posterior arredor dos itinerarios e contextos de aplicaión da Revolución Verde.

O último día do congreso adicouse en exclusiva á presentación de investigacións de doutoramento en curso realizadas en diferentes universidades europeas e estadounidenses: Amberes, Utrecht, Groningen, Utrecht, Fribourg, Leuven, Uppsala e Colombia (EEUU). O debate foi variado e diverso, como as propostas presentadas, que versaron sobre a difusión do coñecemento sobre o esterco en Flandres, as investigacións sobre as pragas de insectos na Ilustración francesa, a instauración da disciplina veterinaria en Holanda e as súas conexións con prácticas previas no referido ó gando vacún ou o desenvolvemento de centros de selección de gando porcino no mesmo país. Outras propostas achegáronse ó eido da integración cultural de minorías sociais nos programas de formación agraria e tamén ás implicacións coloniais de desenvolvemento dun coñecemento agrario "científico" en Europa, concretamente no caso do Congo belga, ou no caso da exportación de coñecemento agrario sueco á Etiopía de Haile Selassie mediante a "Chilalo Agricultural Development Unit".

Os membros de HISTAGRA, Lourenzo Fernández Prieto, Miguel Cabo Villaverde, Daniel Lanero Táboas, Alba Díaz-Geada e Beatriz Corbacho González, estarán presentes no congreso cos seguintes traballos:

Beatriz Corbacho González e Lourenzo Fernández Prieto (xunto a David Soto Fernández da Universidade Pablo de Olavide): How peasants adopt new technologies. Peasant know-how and learning by farming during the socio-ecological transition in Galicia (Spain), XVIII-XXth centuries.
Miguel Cabo, Alba Díaz-Geada e Daniel Lanero: New knowledge for a modern agriculture: The Agrarian Extension Service in Francoist Spain (1955 -1975)