HISTAGRA e Mazarelos levan En loita á Facultade de Historia cun debate sobre memoria oral e movemento estudantil

HISTAGRA e Mazarelos levan o documental En loita á Facultade de Historia cun debate sobre memoria oral e movemento estudantil

 

 

HISTAGRA e Mazarelos organizan o vindeiro mércores 13 de maio, ás 19.00 horas, na Aula 8 da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, a estrea da proxección do documental En loita acompañada dun debate baixo o título “Quen conta a historia recente? Mulleres, memoria e loita estudantil”.

 

A proxección do documental terá lugar o mércores 13 de maio, ás 19.00 horas, e irá acompañada dun coloquio coas historiadoras María Fernández Blanco (GRUPO HISTAGRA-CISPAC) e Raquel Fernández Reguera sobre o valor das memorias e experiencias das mulleres como fonte para a investigación histórica.

 

 

A actividade propón unha reflexión arredor da memoria oral, da transmisión da historia recente e do papel das mulleres nos movementos estudantís e asociativos durante o tardofranquismo e os primeiros anos da democracia. A partir da proxección de En loita, o encontro abrirá un espazo de conversa sobre a memoria oral como ferramenta e sobre o lugar das experiencias das mulleres no movemento estudantil galego.

 

No coloquio participarán as historiadoras María Fernández Blanco (HISTAGRA-CISPAC), autora de Transición en feminino: das organizacións da ditadura franquista ao feminismo antifranquista e democrático (1960-1989); e Raquel Fernández Reguera, autora de O movemento feminista organizado en Galicia durante a transición (1975-1983). A sesión será presentada por David Miguel Rodríguez Martínez, historiador e director do proxecto En loita.

 

Esta iniciativa, seleccionada no marco da VII Edición dos Premios Luisa Villalta da Deputación da Coruña, parte dos testemuños de mulleres que participaron no movemento estudantil galego para pensar a historia recente desde a memoria oral e as experiencias en primeira persoa. 

A actividade está organizada pola cooperativa Mazarelos e conta coa colaboración da Área de Igualdade e Xénero da Deputación da Coruña, o grupo de investigación HISTAGRA, o CISPAC, a Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación Memoria e Cinema.

 

 

Documentos