Mecanismos de adaptación social en contextos de violencia estatal masiva. O caso de Galicia (1936-1939) en perspectiva comparada (Proxectos de Grupos Emerxentes)

Duración: 2012-2015 Proxectos de Investigación Guerra Civil Historia Social Violencia Política

Antonio Miguez Macho (IP)
Referencia: 2012-PG190-I
Entidade financiadora: Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Secretaría Xeral de Universidades
Orzamento: 99.200 euros
Duración: 2012-2015

RESUMO


A represión e a violencia de retagarda na Guerra Civil española ten sido analizada desde diversas perspectivas nas últimas décadas. Con todo, existe moita menos investigación no que respecta ás actitudes da “xente corrente” mentres estes procesos de violencia traumática sucedían. Esta cuestión particular relaciónase con inquedanzas que trascenden a propia dinámica da Guerra Civil española e refírense a como determinados contextos de violencia poden mudar a natureza dunha sociedade democrática e dos seus cidadáns. Proponse con este proxecto investigar e analizar o carácter e características principais dunha sociedade sacudida por certo tipo de violencia masiva a partir do mellor coñecemento dos comportamentos das súas xentes, alén das dicotomías vítimas e verdugos. Tomarase como caso de estudo o de Galicia entre 1936 e 1939, empregando unha perspectiva comparada que inclúa o contraste das experiencias vividas noutras rexións de de España, Europa e América que viviron situacións de violencia estatal masiva equiparables.

Empregarase para realizar a análise unha perspectiva tanto biobiográfica como socioestructural.  No que respecta á aproximación biobiográfica, refírese a unha metodoloxía de estudo caso-por-caso para estudar a un número singificativo de procesos de adaptación persoal, profesional e económico de diversos individuos ao novo contexto que se xenera no contexto da violencia. Polo que se refire á dimensión socioestrutural da análise, farase un estudo tanto das políticas públicas encamiñadas a facer posible esta adaptación da cidadanía ao novo contexto, mecanismos ideolóxicos e discursos, como a nivel da Sociedade Civil, as organizacións e iniciativas que se desenvolven neses anos. Resulta esencial neste proxecto o concepto de “adaptación”, como unha chave explicativa fundamental para entender alén de consideracións de tipo moral e político, as actitudes da xente corrente neste tipo de contextos.

Dun xeito máis concreto, o proxecto pescudará en diversas fontas existentes e que xa foron empregadas con outros fins, como Arquivos Militares e Civís, arquivos provinciais e municipais, Arquivos xerais da administración, do exército e da Guerra Civil, fontes hemerográficas, fondos documentais privados, memorias e dun xeito singular, fontes orais, das que se dispón dun patrimonio xa creado nos últimos anos por diversos proxectos de investigación adicados ao tema do estudo da Guerra Civil e da Represión franquista. Ao tempo, o proxecto creará un novo fondo documental e biográfico de consulta, a través da creación dunha base de datos que reflicta a análise e os resultados que se obteñan.