XV Congreso de Historia Agraria da SEHA. Congreso Internacional Vellos e novos mundos: os desafíos globais da Historia Rural
No mes de xaneiro de 2016 a SEHA, xunto ao ISCTE-IUL e o Rural RePort organizan o XV Congreso de Historia Agraria e o VI Encontro Rural Report en Lisboa (Portugal). Forma parte do comité organizador o coordinador de HISTAGRA Lourenzo Fernández Prieto.
O Congreso está aberto á participación de especialistas de calquera país e área disciplinar, así como calquera época histórica. Xa está aberto o período para a presentación de propostas de sesións. Haberá dous tipos de sesións: plenarias e paralelas. As primeiras deberán incidir sobre as temáticas centrais do congreso, privilexiar a diversidade nacional e institucional dos participantes e dos estudos de caso. As paralelas terán un enfoque máis específico.
Nos últimos anos, a Historia Rural abandonou, tanto o seu foco analítico predominantemente nacional e local, como unha perspectiva interpretativa demasiado centrada en Europa e en Occidente. Trátase dunha evolución moi positiva que se reforza neste congreso ao escoller como temática central a relación entre os vellos e os novos mundos. Esa relación entre civilizacións e culturas de diferentes partes do globo ten producido ao longo dos últimos 500 anos múltiples efectos na agricultura, a propiedade, oos recursos naturais e nas sociedades rurais. Ten sido responsable da circulación de persoas, plantas, animais e enfermidades; da transferencia de técnicas, saberes, institucións e normas xurídicas; do cambio de hábitos alimenticios; de novos usos do chan e da transformación da paisaxe; de procesos de apropiación extensiva de dereitos de posesión, de uso e de propiedade; de alteracións nos mercados de produtos y de factores (terra, traballo, capital) a unha escala global.
Ligazóns de interese:
http://lisbon2016rh.wordpress.com/
http://www.iscte-iul.pt/
http://histruralpt.wordpress.com/
http://www.seha.info/