MILITARES MESTRES, MESTRES MILITARES
MILITARES MESTRES, MESTRES MILITARES
Xosé Amancio Liñares Giraut
Historiador
BOLETIN OFICIAL DEL ESTADO Página 4829 ORDEN de 6 de julio de 1940 por la que se nombran para los destinos que se indican a los Oficiales del Ejército que han sido admitidos en el Concurso al Magisterio Nacional. Ilmo. Sr.: Vista la clasificación verificada por el Ministerio del Ejército de los Oficiales que han solicitado tomar parte en el concurso de ingreso en el Magisterio Nacional, así como los antecedentes facilitados por la Oficina de Depuración de este Departamento y los documentos que figuran en los expedientes de cada peticionario, Este Ministerio, en cuuplimiento de lo dispuesto en el artículo sexto de la Ley de 26 de enero último (B. O. del 7 de febrero), ha resuelto: Primero. Nombrar Maestros propietarios provisionales, con el sueldo anual de 4.000 pesetas, de las Escuelas que se indican y para realizar las prácticas y pruebas a que se alude en dicho precepto, a los Oficiales que se relacionan a continuación, los cuales causarán baja en el Ejército, pasando a las Escalas que les corresponda, al tomar posesión de su nuevo cargo. (!!!)
VER A ORDE DO BOE: https://www.boe.es/datos/pdfs/BOE//1940/194/A04829-04853.pdf
Moi listos foron aqueles prebostes da ditadura franquista na extensión do réxime vencedor da Guerra do 36 a todos os recunchos, capilarmente. A intelixencia e a loxística empregadas para o mal. Moi ben montaron o aparato represivo sobre os vencidos, coidando todos os detalles. Medios non lles faltaron. Sabíanas todas. Velaquí un exemplo, que vén sendo só unha pinga de todo o que se fixo nesta liña ou frecha facha tan retorcida. A eficacia fascistoide acadouse baixo o cobertor das ás da aguia imperial, dos uniformados co xugo e coas cores azul falanxista, verde castrense e da garda civil, gris da policía armada e púrpura eclesiástica. Así foi, si. É verídico. Para a súa maior efectividade e contundencia, éxito e gloria. Sen piedade, sen perdón ou reconciliación cos perdedores. “Paz de cuartel, paz de preso, paz de pobo asoballado, paz de pau e tente teso...” era a letra dunha melodía galega nos anos da Transición, tamén denominada “restauración democrática” ou posfranquismo.
Buscando información na Rede sobre outra cuestión diferente dabondo desta tan ignominiosa, encontrei por pura casualidade esta Orde do Boletín Oficial del Estado, BOE, nº 194, pp. 4829-4853. Son 25 páxinas atestadas con tales nomeamentos. É unha disposición datada o día 6 de xullo de 1940, nos momentos iniciais da posguerra, e cando había que asentar por todos os medios a pax do franquismo triunfante e exultante. Conviña prepararse e programar o inicio do curso 1940-1941, cun país aínda arrasado polas calamidades do conflito civil armado, provocado -manu militari- polos golpistas sediciosos e quen os seguiran, erguéndose contra o goberno e o réxime republicanos. Comezo da Orde 6 de xullo. BOE, Nº 194. Verán de 1940 Botando unha ollada coidadosa á ben nutrida listaxe de novos mestres de Primaria achegados desde os postos de Oficiais da milicia franquista
En cada unha destas 25 páxinas rexístranse uns 70 nomes, apelidos e destinos profesionais. Conteinos. Así que o total desta Orde, debeu adxudicar escolas a uns novos 1.750 militares docentes. ¿E aínda habería máis incorporacións militares ó Maxisterio, en ordes do BOE precedentes ou posteriores? Un tema para pescudar, que descoñezo... Era lóxica a situación de baleiro e urxencia educativa: precisábanse cubrir aqueles postos de traballo desertos, como estrugas amargas dos expedientes de depuración, retirada da condición de funcionarios do Ministerio de Educación, expulsión das aulas con multas a maiores, cárcere, exilio, torturas, mortes por paseos ou fusilamentos tras a celebración de consellos de guerra ou xuízos sumarísimos. Coas vistas xudiciais-farsa dos tribunais militares -tan adustos, tan vingativos-, prescindírase ou fixéranse desaparecer tantos e tantos mestres e mestras que exercían honradamente o seu traballo nas escolas da Segunda República. ¡Barbarie! Uns foran educadores só ata o nefasto 18 de xullo de 1936 (nos territorios sumados xa de entrada ó franquismo), e outros deica marzo de 1939 (nas áreas que resistiran, loitando ata a derrota final en prol do violado sistema republicano). Xuízos nos anos da guerra e que non cesaron (coma o raio do poeta Miguel Hernández) coa paz da posguerra, tan deturpada e falsaria.
Os destinos profesionais adxudicados a esta oficialidade castrense sitúanse case todos en centros escolares de cidades ou vilas. ¡Eran xentes de orde e lealdade inquebrantable ó caudillo! Non se atopan na relación nomes de pequenas parroquias rurais. Seguramente esas prazas docentes do ensino primario nas aldeas -máis afastadas dos centros de poder, influencia e peso poboacional- quedarían para os mestres-as profesionais de verdade. Para quen procedían do estudo e probas selectivas ou oposicións, así mesmo controladas e peneiradas con sumo coidado, incluíndo informes previos de “boa conduta” -civís e eclesiásticos- sobre os esforzados opositores. Os exames superados polos estudantes de Maxisterio das Escolas Normais suporían destinos docentes menos relevantes, pois. Este estudantado universitario máis vocacional, que si se formara para o Maxisterio tamén debía, por suposto, xurar fidelidade patriótica ós principios xerais do chamado Movimiento Nacional e recibiren unha especie de CAP ou mestrado de profesorado. Procurábase con tanta cautela unha maior adhesión e adoutrinamento nos parámetros ideolóxicos do réxime, previo á toma de posesión da praza na escola outorgada. Case oitenta anos despois desa disposición oficial, demos co documento “usurpador” de toda esa tropa, tan revelador, a todas luces inxusto e mesquiño. Fragmento da Orde 6 de xullo. BOE, Nº 194. Verán de 1940 O termo preboste seica provén do latín praepositus: "xestor, encargado". Na Idade Media representaba unha posición ou dignidade frecuente nas abadías relixiosas. Durante o Antigo Réxime francés, os prebostes eran funcionarios elixidos polo rei absolutista destinados á administración económica e xudicial dos dominios que lles foran encomendados. Unha das acepcións da verba Preboste no Dicionario da Real Academia Galega é: "Persoa con autoridade e mando nunha profesión, ámbito social, etc."
Os prebostes do franquismo calcularon e executaron meritissimus todo o que tiñan que facer no asentamento e extensión da ditadura. Traballaron arreo na perversa intención de que os seus principios ideolóxicos chegasen perfectamente (?) á formación (?) da rapazada nas escolas públicas (e privadas, xaora). E para que tal labor de adoutrinamento se complementase montaron os campamentos estivais joséantonianos de camisas azuis e carácter militarote, ou durante todo o ano as actividades deseñadas e desenvolvidas pola OJE, Organización Juvenil Española, ou por "Educación y Descanso". Modelos adaptados dos fascismos italiano, alemán e portugués fornecían coa teoría, coa práctica e coa experiencia todas estas tarefas, durante o curso escolar e no tempo de lecer. ¡Arriba a disciplina irracional! Con nomeamentos arbitrarios coma estes, moitos membros desa parte do exército que gañara a guerra civil pasaron de oficiais castrenses a escolantes fieis e subordinados á ditadura, cando xa non eran necesarios tantos homes uniformados nos seus mandos intermedios. Os historiadores especialistas neste tema aprendéronnos que o exército español tivo nos séculos XIX e XX unha dimensión de oficialidade moi avultada, en comparanza co seu número de soldados, da tropa de base. Unha recompensa ós servizos emprestados. Máis reparto do botín da guerra. Amais, para termaren das necesidades militares e do asentamento pleno do franquismo estaba a mili obrigatoria, que tiña e retiña daquela á forza nos cuarteis a mocidade durante ¡tres anos!, como lle acontecera a meu pai cando lle tocou "servir á patria" na quinta de 1947. E non só foi isto: conserxerías de colexios, institutos, universidades. Por certo, no seu interior tamén se fixera “limpeza”/depuración do profesorado. Ademais, porterías dos xulgados e cárceres, hospitais, ministerios e outros centros oficiais, de edificios particulares urbanos, conserxerías de museos e bibliotecas... foron ocupadas sen concurso público (simple dedocracia) por membros das forzas armadas e corpos de seguridade do Estado cando lles chegaba a situación de xubilación temperá, ó redor dos cincuenta anos. Máis capilaridade e efectividade no control e fidelidade á ditadura, en moitos e variados destinos profesionais. Máis favores polos servizos e colaboración prestados coas ideas e armas ó réxime. Outro anaco da Orde 6 de xullo. BOE, Nº 194. Verán de 1940.
As xeracións máis novas, afortunadamente nacidas xa nunha xeira de liberdades democráticas, deben coñecer feitos así, tan impresentables. Non sempre foi igual no noso país. Aínda que nos anoxen certos erros actuais, sexamos críticos e inconformistas e pidamos melloras ou unha democracia con maior calidade e adiantos neste tempo que nos toca vivir. A ditadura sempre foi e é peor que a democracia. A pesar de todas as eivas, non era o mesmo ese Estado español -autoritario e arbitrario- que o sistema actual ("Estado social e democrático de Dereito"), xurdido coa Constitución de 1978 e co Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981. Ambos textos legais que nos amparan poden e deben ser revisados e actualizados, por suposto. Precisan aggiornamento. Mais arestora ofrécennos unhas garantías de dereitos e liberdades -tamén deberes-, que o franquismo ignorou adrede e con asañamento. Militares mestres e mestres militares. Vaia pasada. ¡Que penuria! Aqueles prebostes da ditadura franquista sabíanas todas.