Fame de Historia en Vilatuxe: a recuperación da Feira do Oito

Lourenzo Fernández Prieto

A veciñanza de Vilatuxe ven traballando hai catro anos en recuperar unha feira histórica local desas que esmoreceron dende os anos sesenta ao fío do éxodo e a revolución verde. Igual que coas mallas recuperadas dende hai xa vinte anos -cultivo do trigo incluído- por labregos xubilados das comarcas -hoxe gandeiras- de Meira ou a Mariña, tamén neste asunto hai unha mestura de pasado abandonado pero lembrado con lecer e festa relacionadas con formas de traballo e mercado esmorecidas. A diferenza neste caso é que os impulsores non son os vellos senón os novos que viven nas aldeas de Vilatuxe, en Lalín ou en Santiago. Aseméllase ben ao experimento de Xosé Luís Carreira Valín en Arqueixal e os Son d’Aldea que veñen celebrándose tamén dende 2011 en San Xoán de Albá (https://www.youtube.com/watch?v=NPcZ2i91E8c)

Non hai aquí intervención de técnicos culturais do concello, animadores socioculturais da Sociedade de Desenvolvemento Comarcal, nin expertos en agroturismo da Xunta, tampouco historiadores… Pero si hai moita fame de Historia e por iso nos interesa en Histagra. Certo que ambas experiencias son relativamente diferentes, pois na de Arqueixal -da que falaremos outro día- nótase a man de antropólogos e historiadores pero as dúas teñen todo en común: responden a unha ansia xeracional e ao tempo de hoxe. Impúlsana os que naceron nesas aldeas nos anos sesenta, cando aquel mundo rural morría ou era destruído con desprezo, os que estudaron e se formaron no BUP e nas universidades, leron Integral ou descubriron na cidade o medio ambiente ou o ecoloxismo máis moderno, sumaron dúas e dúas e recuperaron o aprecio por un agropasado –e un pais- no que se manexaba o medio sen destruílo, de slow & organic food, de vellos sabores e cheiros familiares que non queren perder, de “ecoloxía popular. “Recuperan o que queren e esquecen o que lles da a gaña, xaora, coma todas as sociedades e coma todas as Historias.

O resultado é unha feira, a IV, chamada dos Carballiños pola carballeira na que se celebra e non do oito porque agora é anual e faise o segundo domingo de maio. Entre as 11 da mañá e as 8 da tarde o visitante atopa moita xente pero sen abafar, unha exposición de coches de época do clube Toxo de Lalín para remontarse dos anos oitenta aos trinta; outra de autobuses históricos da empresa Cuíña: do Setra Seida ao Ford dos anos trinta pasando polos Pullman. E despois todo o que un atoparía nunha feira: cabalos, xatos, porcos, mozos e mozas paseando na hora da sesta, garda civil, postos de venda de latóns, navallas e louza, queixos, chourizos.. o normal. Pero todo está organizado: os grupos de gaiteiros, gaiteiras e pandereiteiras da bisbarra, afiadores coas súas rodas de exposición, o barbeiro que atende os días de feira, os xogos dos nenos que os nenos de hai medio século aínda lembran. E logo está quen vai vestido de época, cada quen escolle a época que quere, a maioría son da aldea en calquera momento do século XX: homes con pucha, camisa, chaleco e zocos, mulleres de negro ou de alivio con pano e mantel…Aínda fan recreacións como a do asalto dos fuxidos ao coche de liña de Silleda ao Carballiño aló polos altos do Irixo nos anos corenta.

Non hai ren da impostura comercial e estandarizada das feiras medievais nin a espectacularidade lonxana e irrecreable do Lucus Augusti. Tampouco inchables, tómbolas, nin altofalantes entoleantes. Despois de comer o polbo nunha das polbeiras da Estrada un repara que está a gusto coa temperatura de maio, moito que ver, sempre algún coñecido e o máis importante pódese falar porque non hai máis boureo que o da xente nin outro balbordo que o de quen canta e toca instrumentos sen amplificación.

Vilatuxe convertérase nun espazo historiográfico e antropolóxico do rural galego contemporáneo pólos traballos de Raúl Iturra. Alí fixo el a súa observación participante para un ensaio de antropoloxía histórica que en realidade chamouse antropoloxía económica da Galicia rural. Para aqueles nenos el é o antropólogo chileno que estivo por acó. Pero algo de interese polo seu debeu de deixarlles aquela presenza.. teño para min.