Xa non queda Europa para moitas

Xa non queda Europa para moitas

 

Daniela Ferrández

Investigadora do Grupo HISTAGRA


Empurraba con forza a década dos dez cando a miña moza máis eu visitamos Viena, onde moraba un amigo dos bos. O capitalismo low cost e as vantaxes de Schengen permitían, en certa medida, que dúas estudantes sen recursos percorreran o continente de punta a punta en escasas horas. Pechábamos séculos de historia, de fronteiras e de conflitos, nunha bola de neve, eses pequenos frascos decorativos que representan un conxunto homoxéneo capaz de mudar radicalmente de imaxe só con axitalo. En apenas uns días podías atravesar a fronteira entre os dous Berlíns mentres saudabas aos actores que representaban o antigo punto de control, agora como atracción turística, tomar unhas fotos de pelo desecado en Auschwitz e pagar pouco por un xantar en Praga.


E é que, a nova Europa que cantaba e bailaba ao son dos mercados e das academias de inglés, sabía vender moi ben a súa propia versión do soño americano. Non importaba que foses unha estudante precaria, que fixera falta combinar bolsas con fins de semana na hostalería para poder rematar un curso, que as saídas dispoñibles para moitas carreiras de letras foran a explotación en cadeas de comida rápida e supermercados: bastaba cun par de voltas no London Eye para saborear o mel. Ese doce que lle prometeron á clase obreira se conseguía esforzarse o suficiente para chegar á Universidade.

 


No caso da licenciatura en Historia da Universidade d´Alacant, onde eu estudei, o relato da nova identidade europea era unha constante que se nos transmitía como quen transmite a unha campesiña como debe sementar as patacas. Falábasenos dunha sorte de irmandade metafísica entre o primeiro mundo, reforzada coa fin da Historia de Fukuyama, capaz de enterrar as disputas políticas do pasado para se converter nunha especie de elisio para as súas habitantes, agora cidadás. As materias estaban predispostas para iso, xa que remataban unha visión cronolóxica e occidental do percorrido das sociedades do pasado nunha troncal chamada “historia de las instituciones de la Europa Comunitaria”, unha especie de moralexa que debíamos levarnos a casa cando nos licenciáramos.


Sen embargo, mentiría se non recoñecera que, naquel tempo, como neste, non faltaban voces que nos alertaran da forma esférica dese imaxinario comunitario con sede monetaria en Frankfurt, agochadas entre toda esa propaganda de unidade desinteresada. Pasou nos tempos de Bolonia e a Estratexia Europea 2020 onde aseguraban que a entrada de empresas na Universidade e os créditos ECTS deixarían a moitas estudantes da clase obreira sen a súa volta na roda londinense, algo que se materializou despois coas políticas de recortes na crise.


Este axuste da esfera apartou a moitas dese idílico soño, mentres que a outras só nos apartaba unhas ducias de quilómetros das grandes metrópoles europeas, facéndonos aterrar en aeroportos low cost cada vez máis afastados delas. Malia iso, o grosor das muros do Louvre, o British ou o museo de Pérgamo cada vez deixaba pasar máis os berros e os lamentos de tantas refuxiadas sirias afogadas no mar ou confinadas en auténticos campos de concentración. A parede da esfera, ese cristal que envolvía aquela bonita estampa invernal de mercados nadal e postos de glüwine , convertíase nunha reixa con concertinas disposta a ser reforzada.
Unha das cousas que máis lembro de Viena era pasear pola beira do Danubio desfrutando daquela tranquilidade de novembro. A tranquilidade da bola de cristal que nos chamaba a explorar os mundos no que aconteceron os grandes fitos da humanidade e do pasado, moitos dos cales, as súas augas foron testemuña. A tranquilidade que nos daba imaxinarnos algún día en Budapest, conscientes de que Szálasi non volvería a encher de sangue o río que neses momentos pisabamos.


Iso, que era do pouco que nos quedaba de aquela prometedora integración europea, hoxe non é máis que medo en min. Penso que, como historiadora desempregada que forma parte do colectivo LGTBI, teño motivos de abondo para asomar a cabeza fóra dos límites da bola de neve, estando cada vez máis preto de todo aquelo do que o primeiro mundo, supostamente, nos ía previr. Non me refiro só a ameaza doutra crise que nos acaba de pechar as portas -case, ata das tendas de alimentación-, a todas aquelas que xa non tiñamos traballo nin prestacións antes do covid, entre as que se atopa un 85% do colectivo trans, do que formo parte.


Refírome tamén a como a axitación da bola de neve europea converteu a calma nunha profunda tormenta, que levou a que aquel impoñente Danubio sobre o que eu paseei nun solpor de novembro fose testemuña, de novo, do xurdimento dun poder absoluto en Hungría. Un goberno, o de Víktor Orbán, que ás poucas horas de fortalecerse presentaba un proxecto de lei para cancelar o recoñecemento rexistral da identidade das persoas trans, deixando claro que a súa prioridade era asegurar a esfera en base a unha idea moi concreta de quen debía estar nela. A idea da Europa dos pobos institucionalizada nun paraíso democrático estremécese mentres berra de dor nas rexións polacas que dende fai pouco comezaron a declararse “libres de LGTB”. Perde sangue coa mesturanza do autoritarismo que trouxo a pandemia, e os discursos reaccionarios que medran entre a tristura de ver morrer á nosa xente. Suplica por unha antiga medicina baseada no antifascismo, que xa lle axudara fai tempo a superar a fenda do Reich. Agora, cando esa fina capa de neve artificial voa sobre as nosas cabezas, é o momento de anotar con claridade todo aquelo que quedou descuberto ante os nosos ollos e que evidencia os grandes déficits que trouxo consigo a receita amarga de antepoñer os mercados ás persoas. Cabe adestrar a memoria, porque todo isto tentará quedar de novo oculto cando repouse a fina capa de neve, e o noso mundo volva a parecer un pacífico mercado de nadal austríaco. Mentres que o dereito a vivir en dignidade estea supeditado a unha esfera cada día máis pechada, existirá en nós, en todas nós, o perigo de perdelo. O que hoxe ocorre coas persoas LGTBI en Polonia ou Hungría podería pasar mañá aquí, como alertaba Niemöller no seu célebre “primeiro viñeron polos socialistas, pero eu non dixen nada (...), logo viñeron por min, pero entón, non quedaba ninguén que dixera nada”.

 

Daniela Ferrández é doutora en Historia pola USC e investigadora do Grupo HISTAGRA. As súas liñas de investigación son o clientelismo político durante o primeiro tercio do século XX; a democratización da sociedade rural e a represión franquista. Máis, http://histagra.usc.es/gl/persoas/38/daniela-ferrandez