Na morte de Michel Tournier

Miguel Cabo

 

Ven de falecer Michel Tournier (1924-2016), que coa súa segunda novela Le roi des aulnes (O rei dos ameneiros, en referencia a un poema de Goethe) de 1970 obtivo o premio Goncourt e fixo unha notable contribución á confrontación dos franceses coas pantasmas do seu pasado precipitadamente agochadas debaixo da alfombra. Fíxoo dende a desmesura, adoptando a óptica dun personaxe inverosímil situado nas marxes da sociedade e que ve desfilar diante dos seus ollos (como vira o propio Tournier nas súas viaxes pola Alemaña dos anos trinta na súa mocidade) acontecementos históricos ós que a penas presta atención, concentrado nas súas obsesións persoais. 

A creación literaria de Tournier chámase Abel Tiffauges, do que se nos describe a infancia e adolescencia desgraciadas nun internado. De físico xigantesco e marxinado pola súa carencia do que un psicólogo actual denominaría habilidades sociais, desenvolve un interese entre enfermizo e inocente pola infancia, unha sorte de pedofilia sublimada que lle leva a fotografar a menores e a espertar as suspicacias dos seus veciños. Arrestado, é posto en liberdade para ser mobilizado en 1939. Durante a drôle de guerre, Tiffauges é asignado a unha unidade de comunicacións con pombas e a novela adquire tintes que lembran as aventuras do soldado Svejk. Só preocupado polo benestar das súas pombas, o xigante é feito prisioneiro e posteriormente acaba sendo asignado a traballos forzados en Alemaña. Tras múltiples peripecias, entre as que se inclúe ser garda forestal nunha das reservas de caza do non por real menos grotesco Göring, remata convertido en encargado da intendencia dunha Napola (escola paramilitar nazi de elite) establecida no castelo de Kaltenborn (actual Polonia). Entre estes adolescentes destinados a formar parte do liderazgo do Reich dos mil anos Tiffauges é, paradoxalmente, feliz, consagrado ó coidado de quen ós seus ollos non eran senón rapaces alleos aínda á contaminación da vida adulta. Tournier pon fin ao seu relato coa hecatombe do asalto soviético á fortaleza, no que o xigante leva ó límite o rol autoatribuído de protector dos menores.

Le roi des aulnes trae á mente outra novela máis recente, tamén voluminosa e tamén distinguida co Goncourt, As benévolas de Jonathan Littell, irmanadas pola desmesura dos personaxes centrais. No caso do estadounidense un oficial SS franco-alemán, perfectamente amoral e homosexual reprimido, Maximilian Aue, que se abre camiño no trasfondo do Holocausto e o salvaxismo da fronte oriental. Personaxes excesivos creados pola imaxinación de ámbolos dous escritores para presentar ao lector unha realidade non menos inverosímil pero que tivo efectivamente lugar e dende aquela os historiadores tentamos, sabendo que nunca teremos respostas satisfactorias de todo, explicar.