80 anos da guerra civil e 40 dun relato petrificado sobre o pasado incómodo*

Lourenzo Fernández Prieto

 

Este ano cúmprese o 80 aniversario do golpe de estado que nos cambiou o pasado en 1936. Hai mes e pouco fixéronse os corenta da morte de Franco e o meu colega Gil Andrés chamoulle a fin da corentena. A Historia é o que nos queda sen saber do pasado, o que non reparamos que pasa cando esta a pasar e a memoria —fragmentaria e interesada— do pasado que vivimos ou nos contaron. Vai sendo hora de converter en pasado a guerra pero facelo require superar os eufemismos nos que a envolveron até agora mesmo. Sabemos que o franquismo compartiu coas ditaduras dos anos trinta o gusto polos eufemismos, pero por xurdir dun golpe de estado e unha guerra civil foron aínda máis sofisticados e, como aínda durou trinta anos despois de 1945, os rodeos acabaron por descoñecer o orixinal. Explicouno ben Orwell en 1984.

A vixencia dos eufemismos vémola aínda no último libro de Pérez Reverte, La Guerra Civil contada a los jóvenes. O primeiro en saír para aproveitar a efeméride. Un cóctel inzado da memoria construída no franquismo que empeza co tópico “atraso de séculos”, incompatible co Nóbel de Cajal ou o autoxiro, e segue co enfrontamento no parlamento republicano e nas rúas entre radicais de signo distinto (fascistas e comunistas). Nin o atraso foi tanto nin revoltas e incidentes que alteraban a orde pública foron, como demostrou González Calleja, nada comparable á violencia terrorista e os asasinatos da Transición. Presenta Reverte a sociedade dividida en forzas opostas e maniqueas: obreiros e campesiños na esquerda e burguesía, terratenentes e exército na dereita. Imposible entender así algúns dos partidos maioritarios da época como Izquierda Republicana ou o Partido Republicano Radical. A igrexa católica simplemente desaparece de escena.

A banalidade de “se trataba só dun golpe de estado” é chocante pero aínda menos que a errada idea de que “boa parte dos xefes e oficiais do exército sublevouse contra a República”. De ser así quedarían sen significado os xefes leais fusilados: todos os de Galicia e África. Xa tampouco serve para explicar as “atrocidades cometidas” recorrer á coñecida mestura de antropoloxía de palleiro e maldición eterna: “todos os rancores acumulados estalaron nos dous bandos” e “o odio, a barbarie e a incultura manifestáronse por todas partes”. Como non serve igualar os dous bandos en heroísmo e represalias, nin ponderar numericamente os asasinatos en cada zona, nin ocupar o que descoñecemos con lugares comúns: Guadalajara, Brunete, Belchite, Teruel, Ebro, Guernika e os inevitables mapas en azul e vermello que definen territorios e habitantes.

Precisamos un novo relato dese pasado que remate co vello relato construído para a reconciliación entre franquismo e antifranquismo. Xa está abríndose camiño empurrado pola historiografía dos netos. Tan evidente é a necesidade dun novo enfoque que mesmo cólaselle a Reverte cando deixa marxe para a dignidade de moita xente que se “amosou humanitaria e compasiva”. Algo que xa presentaron na literatura autores como Fernán Gómez, M. Rivas ou S. de Toro. Os historiadores non nos queixamos de intrusismo,  oxalá puideramos, máis ben da falta de interese e ambición por mudar o relato social ao fío do novo coñecemento. Mais o novo relato do pasado vese vir. 80 anos é bo momento para que trunfe.

* Unha versión deste texto pode lerse en La Voz de Galicia (5/1/2016)