Cando a aldea aínda era o futuro. Retrato de grupo con Chayanov ó fondo
Miguel Cabo Villaverde
Nos meus primeiros pasos na investigación, cando un anda na procura de referentes teóricos, moitos compañeiros de fatigas descubrimos a figura de Alexander Chayanov (1888-1937), rodeada ademais dunha aureola tráxica pola súa execución nas purgas stalinistas. Dado a coñecer en Occidente fundamentalmente por Theodor Shanin, dende Galicia no economista ruso atopábamos unha lectura alternativa (e reivindicativa) da pequena explotación que nos fornecía cunha visión alternativa fronte ós paradigmas liberal e marxista. Tan contrapostos estes, coincidían en caracterizala como un resto do pasado que non tardaría en sucumbir ante a superioridade da gran explotación.
En 2014 apareceu unha obra que sitúa a Chayanov no seu contexto histórico e profesional e ademais non como unha figura quixotesca a contracorrente senón como membro dun colectivo de economistas, agrónomos e sociólogos que a cabalo do tardotsarismo e as dúas primeiras décadas da Unión Soviética se converteu na escola predominante nos estudos agrarios dese país. A autora é unha xove investigadora do Instituto Histórico Alemán de Moscú, Katja Bruisch, que bota man ademais de documentación só recentemente posta a disposición dos historiadores nos arquivos rusos. Trátase de Als das Dorf noch Zukunft war. Agrarismus und Expertise zwischen Zarenreich und Sowjetunion (2014, Böhlau Verlag, Colonia) [Cando a aldea aínda era o futuro. Agrarismo e coñecemento técnico entre Tsarismo e Unión Soviética]. (1)
Chayanov non estaba só. Todo o contrario, formaba parte dun colectivo integrado por economistas, teóricos do cooperativismo e agrónomos que partían da reivindicación da explotación campesiña como base para un discurso modernizador alternativo (“agronomía social”) e tamén como sostén do que hoxe chamaríamos esfera pública con vistas á evolución do zarismo nun sentido democrático. Este grupo organizado (a través de congresos e publicacións) de técnicos de vocación tecnocrática era daquela visto con reticencias polo goberno zarista pero como era indispensable para o avance da economía rusa foi fortalecendo a súa posición nos ámbitos académico, administrativo e ó servizo dos zemstvo. Tampouco era Chayanov unha figura illada no contexto internacional, como acreditan os intensos contactos con expertos doutros países europeos con ideas similares. O fluxo de ideas era particularmente intenso con Alemaña onde varias figuras deste grupo asimilaron as ideas do “historicismo económico”, segundo o cal non existía unha vía única de desenvolvemento para todos os países (verbigracia a británica) senón moitas en función dos condicionantes en cada caso, e non é casual que as obras de Chayanov se traducisen regularmente ó alemán e que fose convidado a ese país en repetidas ocasións.
A meirande parte destes técnicos oscilaba políticamente nun arco que iría dos democrático-constitucionais (Kadetes) ata os menxeviques, con influencias dos social-revolucionarios dos que sen embargo rexeitaban o romanticismo rural de raigame populista e a tentación da acción violenta. En 1917 acolleron esperanzados a revolución de febreiro e a instauración do goberno provisorio. O eserita e activista do cooperativismo Maslov mesmo asumíu o ministerio de Agricultura con Kerenski e Chayanov desempeñou un cargo dentro do mesmo.
Coa chegada ó poder dos bolxeviques iníciase unha nova etapa. O grupo ó que pertence Chayanov asiste á integración das cooperativas e das asociacións de todo tipo no entramado estatal (1920), cando eles as desenvolveran coa esperanza de que conformasen o núcleo dunha sociedade civil autónoma fronte ó Estado. Mesmo así, a NEP (Nova Política Económica) semellou disipar os peores temores e facilitou unha precaria simbiose posto que nin o Estado soviético podía prescindir dos seus servizos nin os “agrónomos sociais” se resignaban a deixar de influír na realidade fóra dos seus despachos.
A biografía colectiva que traza Bruisch ten unha fin tráxica cando cara a 1927 co control o poder por Stalin se inicia a ofensiva anti-NEP, colectivizadora e anti-kulak. Os expertos provintes da época tsarista ademais xa tiñan relevo, a diferenza de 1917, posto que ó igual que sucedía na oficialidade ou na burocracia agora xa se contaba con cadros novos de disciplinada obediencia. Nun par de anos, antes de que remate a década, toda unha xeración de técnicos é desaloxada da vida pública e académica e desaparece nas cadeas, ante os pelotóns de execución (caso do economista Kondratieff e do propio Chayanov, entre os máis coñecidos) ou no mellor dos casos degradados en destinos remotos ou cargos subalternos.
Chayanov e a súa xeración foron rescatados do esquecemento en Occidente nos anos sesenta no contexto do cuestionamento do paradigma modernizador, mentres na URSS houbo que esperar á era Gorbachov. Katja Bruisch realiza unha achega de enorme importancia ó coñecemento da súa figura pero sobre todo a contextualiza no seu marco histórico e humaniza ó autor daquela A organización da unidade económica campesiña que liamos apenas comezado o doutoramento coa sensación de que se escribira para nós.
1. Un texto previo, máis breve, da autora sobre Chanayov está disponible en inglés como “Historicizing Chaianov. Intellectual and scientific roots of the Theory of Peasant Economy”, en Dietmar Müller/Angela Harre (eds.): Transforming Rural Societies. Agrarian Property and Agrarianism in East Central Europe in the Nineteenth and Twentieth Centuries, 2010, pp 96-113.