A cen anos da fundación das Irmandades da fala

Miguel Cabo Villaverde
 

O centenario da fundación das Irmandades da Fala ten dado lugar a diversas iniciativas, entre elas dous congresos celebrados recentemente en Santiago dos que ademais está prevista a publicación de actas. O primeiro deles, O contexto internacional das Irmandades da Fala. As nacionalidades na Europa de Entreguerras: de imperios a nacións (6-7 outubro), foi coordenado por X.M. Núñez Seixas no Consello da Cultura Galega con maioría de investigadores estranxeiros e servíu para lembrar unha vez máis as limitacións de tentar comprender as IF, ou xa postos calquera aspecto da historia galega contemporánea, á marxe do seu contexto como mínimo europeo. http://consellodacultura.gal/evento/200480

Seguíulle unhas semanas despois no Museo do Pobo Galego o simposio Repensando Galiza: As Irmandades da Fala (1916-1931), que convocou entre o 17 e o 19 de novembro a especialistas de moi diversos campos de estudo e que pode tomarse como aliciente para algunhas reflexións como historiador http://www.museodopobo.gal/web/expo-actividades.php

As miñas impresións son obviamente parciais posto que non puiden asistir á totalidade das sesións nin ó debate de clausura, pero si me gostaría salientar algúns aspectos na medida en que a convocatoria aberta de comunicacións ofrece unha radiografía de qué aspectos das IF concentran a atención do mundo académico galego cen anos despois da aparición daquelas. En total presentáronse corenta e oito comunicacións en oito seccións que cubrían todos os rexistros imaxinables (Ideoloxía, lingua, xénero, artes, relacións exteriores..). Pois ben, delas unicamente tres correspondían á sesión IV titulada Economía e sociedade, e delas en puridade unicamente unha (a de Manuel Roca O pensamento económico dos irmandiños centrada na obra de Peña Novo) ocupábase de cuestións económicas, o que non era o caso das de Dionisio Pereira e Eliseo Fernández (relacións das IF co anarquismo) e a miña propia (idem co agrarismo). En resume, que unha soa comunicación de corenta e oito contemplaba ás IF, un movemento con ambición de analizar e reformar de xeito global Galicia en todas as dimensións, dende o punto de vista da economía. Quedou por debater (e por buscar inspiración para as políticas actuais) o que se propuña dende as IF sobre o turismo (non sendo algunhas referencias no traballo de Alfonso Mato Descubrir a terra dun: camiñando cos homes das Irmandades, de NÓS e do Seminario ós receos de Risco ou Otero ante o fenómeno), as políticas sociais, as infraestruturas e comunicacións, a industria, a política arancelaria, o empresariado, etc.etc.

Matinando no resultado deste referendum informal creo que se poden rastrexar as causas en dous sesgos. O primeiro é o que sinalaba nos anos anteriores á fundación das IF un analista implacable e inclasificable, o coruñés Bartolomé Calderón, afiliado de primeira hora ás Irmandades e polémico infatigable hoxe a penas coñecido fóra do círculo da historia agraria (pola súa faceta de xornalista especializado en temas agrarios e en particular gandeiros). Calderón clamaba por exemplo en 1907 por un “regionalismo práctico” que deixase atrás o sesgo literario-filolóxico que o caracterizaba ata o momento: “Nuestro regionalismo se reduce á lloriquear en verso, á pedir limosna en cuartetos” (Prácticas Modernas 114, 15-X-07). E na mesma liña “El sentimentalismo puramente literario, el recuerdo del pasado muerto de la historia, de nada ó muy poco puede servirnos en la lucha contra el centralismo absorbente y vividor; sólo la expresión de nuestros medios naturales, la fuerza de nuestra vida local, el desarrollo de nuestra fuerza material y moral propias pueden darnos la confianza y energía suficientes para llegar al grado de cultura y civilzación que nos corresponde y de lo cual se nos priva” “ (PM 173, 1-IV- 10), de xeito que ““La primera bandera de nuestro regionalismo debería ser una corteza de pan” (PM 175, 1-V-10). Esto último era unha alusión á súa teima contra o proteccionismo que segundo el coartaba o potencial do país e que influiría nas posicións primeiro das IF e logo do Partido Galeguista. Sen dúbida as IF continuaron privilexiando aínda as cuestións culturais sobre as económicas. Con todo, con respecto á etapa rexionalista supuxeron un avance na liña desexada por Calderón, en boa medida mercede ó contacto co movemento agrarista e á asunción plena das conclusións das Asembleas de Monforte.

A segunda tendencia que está na orixe do desequilibrio no tratamento actual das IF é o predominio das achegas filolóxicas e literarias, sen dúbida necesarias pero que na súa abondancia supoñen o risco de desvirtuar a intención última das IF, que supuñan en definitiva o intento de pasar da fase do estudo á da acción política e de acceso ás institucións (superar a fase A nos termos de Miroslav Hroch que sería a etapa do rexionalismo), o que requería unha análise profunda da realidade do país en todas as súas facetas.

Dúas impresións sobre o simposio para rematar. A primeira o acerto de reservar unha sesión para as ciencias, con comunicacións adicadas á etnoloxía, a arqueoloxía, o S.E.G. etc. Dentro dela, Xosé Antonio Fraga (As Irmandades da Fala e a incorporación do galego no mundo da cultura científica) aportou unha dose de sa provocación moi necesaria para que estes actos non dexeneren nunha homenaxe acrítica. Para este experto na historia das ciencias cómpre non esquecer que nas IF militaban por unha banda algúns catedráticos de universidade conservadores que representaban as posicións máis inmobilistas no seo da institución en contra dos profesores máis novos e innovadores e pola outra que o seu principal teórico era Vicente Risco, que proclamaba o seu irracionalismo filosófico e a súa oposición á “ciencia materialista”. Ningunha das dúas circunstancias axudaba a que o diálogo entre IF e o mundo da ciencia e máis os avances no emprego do galego na producción e divulgación científica chegasen máis alá do que chegaron.

Por último, mencionar unha oportuna reflexión de Justo Beramendi nun turno de debate, e polo tanto condeada a non quedar recollida nas futuras actas do Simposio. Coa autoridade que ninguén lle pode discutir, Beramendi estrañouse do feito de que non se tivese presentado ningunha comunicación sobre historiografía, aproveitando para sinalar a contradicción de que malia basear na historia boa parte das súas reivindicacións e da súa visión do mundo nos anos das IF non se fixo ningunha aportación significativa no eido historiográfico (posto que non considera como tal a Historia sintética de Galicia de Ramón Villar Ponte de 1927).