A reforma agraria en Portugal. Cando o futuro estaba na memoria
Telmo Otero.
Investigador Grupo HISTAGRA
Pode estar o futuro na memoria? É isto posible? Se a memoria é o que xa pasou como pode ser parte do futuro? Non son preguntas pouco suxerintes as que nos formula a profesora Paula Godinhoa raíz do caso da Reforma Agraria Portuguesa, un fito dos triunfos históricos na consecución de dereitos do campesiñado europeo.Dende este punto de vista que non pode ser máis atractivo para os historiadores,preténdese poñer en perspectiva os procesos que se están dando no mundo rural a día de hoxe e cara o futuro.
Non podemos explicar isto sen saber de onde partimos. O traballo de Paula Godinho foi realizado na freguesía do sur portugués do Couço, un espazo rural que antes da reforma agraria estaba rexido por estruturas latifundarias cunha marcada diferenciación social entre os grandes propietarios moitos absentarios, os “feitores” encargados de administrar os terreos e as produción agrarias, e os traballadores do campo cun emprego temporal. A diferenciación social estaba tan marcada que non só atinxía ós bens senón tamén ó cultural e ó cotidiano. É así que a veciñanza estaba definida pola diferenciación entre propietarios e campesiños, proliferando situacións como que o cura só facía misa para as familias propietarias de terras.
Partindo desta situación, tanto a Revolución do ano 1974 que derrocaría a ditadura de Salazar como a Reforma Agraria que se daría nese marco, debémolos considerar como acontecementos concretose definidos no tempo, pero que alcanzan unha transcendencia que vai moito máis alá para quen os viviron. A Revolución partiría do control dos sectores estratéxicos da economía: ocupación das fábricas, nacionalización da banca, toma dos transportes e dos medios de comunicación e creación das unidades colectivas de produción…. pero tamén daría pé a unha vontade de acción cívica coa creación das Campaña de Acción Cultural. Esta foron promovidas contando cos propios militares pero tamén con outros grupos profesionais como artistas, universitarios, veterinarios, médicos… que ían polas zonas rurais realizando iniciativas de dinamización cultural e levando a cabo labores sanitarias como a distribución de vacinas. Igualmente tamén se puxo en marcha un proxecto de mellora de vivendas no que participaban os arquitectos.
En canto á propia Reforma Agraria, o punto clave da mesma é que se deu unha apropiación a gran escala das terras máis non se fai reparto das mesmas, senón que os campesiños organizaríanse en cooperativas. As “tomas de terra” serían lexitimadas coa Lei do 14 de abril de 1975 durante o IV Goberno Provisional,no que tería un papel protagonista Fernando Oliveira Baptista como Ministro de Agricultura, máis o groso das ocupacións daríase entre agosto e setembro. A realidade é que a iniciativa deste proceso correspondería máis ós propios campesiños que á intervención estatal, de forma que esta sería realizada de acordo ós requirimentos das condicións locais. E o proceso alcanzaría cifras moi estimables de nada menos que o 49% do territorio dos distritos do sur de Portugal, mentres que moitos dos propietarios marcharían cara España.
O caso particular do Couço destaca xa pola pegada anarquista traída polos traballadores cataláns dende a época da explotación da cortiza, que despois sería fagocitada polo partido comunista. Do que significou a Reforma Agraria para esta zona da boa conta a memoria daqueles que a viviron,e esta móstrase en pequenos actos pero moi significativos: os campesiños recordaban o que supuxera entrar nas casas dos propietarios e coller as súas roupas, ou o que supuxo para unha veciña comprar unha neveira que podería pagar co tempo porque tería un salario continuado. Efectivamente a Reforma non só supuxo o acceso á terra “A terra para quen a traballa” senón tamén a conquista dunhas condicións xustas para os traballadores, con salarios continuados no tempo, un horario de traballo establecido, Seguridade Social…. Pero aínda máis ca isto, os campesiños conquistaron os espazos públicos e as asembleas, e aprendían a decidir por si mesmos nas cooperativas, falábase de que “o paraíso está ó pé”, sendo neste marco rural onde se deu o proceso de invención da democracia en Portugal.
Por máis que a Reforma Agraria perdese forza para o ano 1977 de forma parella á perda de influencia do Partido Comunista nas esferas de poder da capital, mentres os anteriores donos volvesen ocupar moitas terras, co que nos debemos que daré co que hai de vitoria nas derrotas: xa que naquel momento a efectos prácticos consolidáronse máis de 500 cooperativas e aseguráronse 45.000 postos de traballos de campesiños, sen esquecer que se estableceu un salario rural a nivel nacional, as melloras sociais…. Agora ben, sobre todo, o que non se lle quitará ós campesiños é ter experimentado a autorganización sen patróns, aprendendo a confiar en sí mesmos e nas decisións que toman.
Pódennos ensinar algo entón estes feitos? A día de hoxe a zona é explotada de forma intensiva por traballadores emigrantes do Nepal, que están aquí de forma temporal e traballan como man de obra barata e sen dereitos; o acceso á terra e ós camiños é privado tamén. Cabe preguntarse entón sobre procesos do pasado neste momento no que a agricultura e a produción de alimentos vai acompañada da extensión das desigualdades. Non hai tampouco moitas diferencias por exemplo entre os traballadores “sen terra” do Brasil coa situación previa á Reforma Agraria. Por iso, que a día de hoxe “as revolucións non están de moda” e incluso como ocorre neste caso do Couço comeza a perderse a memoria dos logros pasados, tanto porque falecen os que os viviron como porque as políticas públicas para a súa conservación e ensinanza non son as adecuadas. Polo tanto, tendo en conta a deriva dos procesos de explotación da terra e dos traballadores cabe preguntarse se nesa memoria que se perde, encóntrase a fábrica dun porvir xusto para as comunidades e tamén viable para a terra.