Abaixo as ditaduras

Jorge Pereira, N. et al. (coord..) (2023): Abaixo as ditaduras, Tomiño, Concello de Tomiño

Este texto pretende dar a coñecer eses sucesos traumáticos que se viviron en Forcadela nos primeiros días da represión da sublevación franquista. Non se trata dunha historia total —esa queda para outro lugar—, senón un medio para nos achegarmos dalgunha forma á ferida que magoa as xentes da parroquia e que estas haberán de perpetuar mentres a memoria dos sen tumba, dos sacrificados non se repare. Este texto é un texto de historia mais tamén de memoria. Pretende recoller o crisol de voces que, con xenerosidade e valentía, me ofreceron ao longo destes anos, dende que en 2008 Mario Rodríguez me falou de Josefa García Segret, de Hipólito Gallego e de Leandro Cal Álvarez, dende que o Mario me confiou a memoria da familia e me honrou co seu exemplar de Abaixo as ditaduras. A esa entrega responde este texto, coa vontade de cumprir o compromiso co amigo e con todas as persoas que me abriron as portas da memoria.