Wencelao González Garra e a trama civil do golpe de estado de 1936

Artiaga Rego, A. (2021): "Wencelao González Garra e a trama civil do golpe de estado de 1936", en Artiaga Rego, A.; Balboa López, X.L:; Fernández Prieto, L. e Rico Boquete, E. (eds.),  Á volta do tempo. Estudos de Historia Contemporánea, Vigo, Xerais, p. 15-54

Segundo o detallado relato do axudante civil do xeneral Mola, Félix Maíz (1976: 240-243), non foi ata os primeiros días de xullo de 1936 cando acabou de pecharse a trama conspirativa do golpe de estado en Galicia. Os sondeos sobre o posible apoio da VIII División do Exército, con sede na Coruña, encargados o mes anterior ao comandante González Salom, antigo axudante do xeneral en África, foran acollidos con certa indiferencia: "De color gris, mi general... Cierto que existen civiles y militares que quizá puedan decidir en un momento dado, pero... mis impresiones, vamos a dejarlas... en un terreno frío". Tal foi a resposta transmitida a Mola sobre o grado de implicación das guarnicións galegas na trama