Fernando Alsina e o seu 'diario de guerra'
GURRIARÁN, R. (ed.) (2015): Fernando Alsina e o seu 'diario de guerra', Santiago de Compostela, Alvarellos Editora
Fernando Alsina González foi un destacado cirurxián na Compostela da primeira metade do século XX. Fundador do Sanatorio San Lorenzo (1920), alcalde de Santiago por un ano (1929), sería un dos asinantes en 1933 do famoso manifesto de apoio ao Estatuto de Galicia. Foi, ademais, consogro do escritor Ramón del Valle-Inclán. Entre setembro de 1936 e febreiro de 1937 estivo en diferentes puntos da fronte de guerra no bando franquista, nos que exerceu labores cirúrxicas. E deixou escrito un detallado diario que agora, oitenta anos despois, ve por fin a luz. A recuperación deste documento —na que participaron activamente tres dos netos do doutor Alsina: Fernando López Alsina, Xaquín del Valle-Inclán Alsina e seu irmán Pancho— é todo un exercicio de memoria histórica. Da memoria dun home conservador, católico, que apoiaba a Franco, pero cuxa peripecia persoal está chea de matices, de afinidades galeguistas, e de complexos episodios profesionais e persoais.