
Uxía Otero González
Investigadora Posdoutoral Xunta de Galicia
ORCID: 0000-0002-7839-9870
Uxía Otero González (Cervo, 1992) é investigadora posdoutoral na Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Historia Contemporánea (2022) pola mesma institución. A súa tese de doutoramento, titulada «Domesticando corpos femininos no franquismo (1939–1975): a (re)modelación da feminidade normativa e a súa encarnación sartorial na transición dos cincuenta», obtivo a cualificación de Sobresaliente Cum Laude, Mención Internacional e Premio ICARUS en Artes, Humanidades, CC. SS. e Xurídicas.
A súa liña de investigación principal enmárcase nas coordenadas espazo-temporais da España franquista, con especial atención ás transformacións acontecidas ao abrigo da rehabilitación internacional da ditadura e a transición a unha sociedade de consumo a partir dos anos cincuenta. O seu aporte innovador reside en utilizar a vestimenta como unha ferramenta clave para analizar como as mulleres encarnaron e/ou transgrediron os discursos normativos de xénero. Este enfoque pioneiro conecta a historia de xénero sobre o franquismo cos estudos sartoriais ou fashion studies, un campo en auxe arredor do vestir e da moda que permite incorporar unha perspectiva transdisciplinar e transnacional.
O seu proxecto posdoutoral, «CostuMe(s), vestimentas e memorias sartoriais para unha historia (in)material en feminino da ditadura franquista (1939–1975)», está financiado pola Xunta de Galicia (Ref.: ED481B-2023-068). Este proxecto explora os lazos entre xénero, vestimenta, memorias e cultura (in)material na España do século XX. O título curto do proxecto é un xogo de palabras bilingüe que resalta precisamente as dimensións transnacionais da moda. En galego, a súa lingua materna, «costumes» significa hábitos ou prácticas comúns levadas a cabo por unha persoa ou unha comunidade. En inglés, «costumes» refírese a coleccións de artefactos de vestir, pero tamén a prendas típicas dunha cultura ou sociedade que invitan a explorar os vínculos entre identidades, folclore e nación. Ao escribir Me(s) con letra capital, este acrónimo tamén busca transmitir as dimensións heteroxéneas e plurais do (des)vestirse, en función das prácticas corporais e das memorias sartoriais, tanto persoais como xeracionais. A través da súa conta @costu_me_s, en Instagram, X e Bluesky, divulga o seu labor investigador (procesos, intereses e resultados) para conectar cun público máis amplo.
Actualmente é investigadora visitante na Universidade de Porto – Facultade de Letras (Portugal, xaneiro – decembro de 2025), onde afonda no enfoque comparado entre os réximes ditatoriais ibéricos do século XX baixo a supervisión do profesor Manuel Loff. En 2024, realizou unha estadía posdoutoral dun ano na Toronto Metropolitan University – School of Fashion (Canadá, xaneiro – decembro de 2024), onde traballou en estreita colaboración coa profesora Alison Matthews David arredor da historia da moda e os téxtiles. Amais, ampliou o seu coñecemento sobre as culturas (in)materiais que rodean a moda, principalmente a través da Fashion Research Collection (FRC), así como dunha colaboración didáctica coa profesora e directora de dito arquivo sartorial, Eve Townsend. De forma paralela, maximizou a súa estadía canadense colaborando con outro centro de investigación, o Northrop Frye Centreda University of Toronto – Victoria College (Canadá, setembro – decembro de 2024). Ditas estadías posdoutorais veñen a consolidar a dimensión internacional do seu perfil como investigadora que botou a andar como contratada predoutoral FPU, etapa na que realizou tres estadías breves nos seguintes centros de investigación: 1) na institución francesa Casa de Velázquez (Madrid, outubro – decembro de 2017), financiada polo Consello da Cultura Galega; 2) na Florida International University (Estados Unidos, outubro – decembro de 2018), baixo a supervisión de Aurora Morcillo, mentora e referente da historia de xénero e o franquismo coa súa obra En cuerpo y alma. Ser mujer en tiempos de Franco (2015); e 3) no Instituto das Ciências Sociais da Universidade de Lisboa (Portugal, outubro – decembro de 2019), baixo a supervisión de Anne Cova, experta en historia comparada e historia transnacional das mulleres.
Os seus resultados científicos foron presentados en máis de trinta congresos e seminarios internacionais. Ten sido ademais relatora convidada en distintas institucións de España, Portugal, Reino Unido, Francia e Canadá. Tamén realizou traballos de avaliación en distintas publicacións internacionais e publicou en inglés como autora única en revistas indexadas como o Journal of Nationalism, Memory & Language Politicso Journal of Religious History, sendo este último o artigo da revista que máis atención ten recibido segundo o Attention Score de Altmetric. Amais de aproveitar estadías e congresos internacionais para tecer redes de colaboración utilizando a moda e o xénero como fíos condutores, tamén desenvolve traballos en coautoría con outras investigadoras do grupo de investigación HISTAGRA que poñen o foco en Galicia: con Ana Cabana y Alba Díaz-Geada, repensando as mulleres rurais e campesiñas durante o franquismo; con Daniela Ferrández, abrindo camiño arredor das disidencias sartoriais de xénero e o crossdressing na primeira metade do século XX; e con Conchi López, reflexionando sobre a cultura material e as memorias sartoriais das fosas franquistas intervidas no marco do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática de Galicia (PMD, 2021–2024).
Últimas publicacións
-
-
-
Pensar las mujeres rurales «ser campesina» para la dictadura franquista
Ana Cabana Iglesia, Alba Díaz Geada, Uxía Otero González -