
Rafael García Ferreira
Doutor en Historia Contemporánea
ORCID: 0000-0002-9880-743X
Rafael García Ferreira (Santiago de Compostela, 1990), é Doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese “Violencia, persecucións e relato na conformación do poder golpista en Santiago de Compostela, 1936”, cualificada con Sobresaínte Cum laude.
Durante a súa etapa predoutoral foi investigador contratado nos proxectos “Procesos de construción e destrución da cidadanía. Práctica xenocida, memoria e xustiza transicional en perspectiva comparada”, e “Transnational and multidisciplinary networking on the memorial public policies promoted by the European Observatory on Memories”. Formou parte do Grupo de Investigación HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX), co que aínda colabora, e tamén participou noutros proxectos de investigación financiados en convocatorias competitivas. Foi tamén parte do equipo de investigación de diferentes contratos de I+D con entes públicos, nos que desenvolveu tarefas propias da investigación no seu campo e a elaboración dos informes de resultados finais. No ano 2021 foi o encargado das tarefas de investigación e documentación dentro do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática para Galicia, posto en marcha pola Secretaría de Estado de Memoria Democrática e a Xunta de Galicia. Nos anos 2022 e 2023 desenvolveu un proxecto propio como investigador principal, financiado pola Deputación da Coruña.
As súas liñas de investigación e publicación centráronse na II República e no golpe de Estado de xullo de 1936, así como en diferentes procesos e consecuencias asoaciados a este. Puxo atención non so ao estudo das vítimas e dos perpetradores da violencia xerada tras a sublevación, senón a outras cuestións como os diferentes espazos empregados para esa violencia ou aos procesos militares sumarísimos, sobre os que analizou as súas características, linguaxe, implicacións e responsabilidades. Traballou a cuestión da espacialidade da violencia para a documentación previa á intervención arqueolóxica de diferentes fosas galegas tendo en conta a súa localización, características e posibilidades de estudo e intervención. A súa participación en contratos de I+D con administraciónes e asociacións estivo relacionada, fundamentalmente, co ámbito da memoria; a este respecto, as súas aportacións máis recentes están directamente relacionadas coa Lei de Memoria Democrática de 2022, co seu cumprimento e actuación necesarios para elo.
Tamén participou en diferentes congresos e seminarios de carácter nacional e internacional, así como en actividades de divulgación e transferencia de coñecemento a través da documentación, organización e difusión en diferentes exposicións organizadas polo grupo HISTAGRA. Actualmente desenvolve a súa investigación no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).
Últimas publicacións
-
Os alcaldes e as corporacións da II república en Santiago de Compostela
Rafael García Ferreira, Conchi López Sánchez, Antonio Míguez Macho -
Sagas empresariais de Santiago
Miguel Cabo Villaverde, Rafael García Ferreira -
Introducción
Miguel Cabo Villaverde, Rafael García Ferreira -
The Lavacolla Concentration Camp in its Context
Rafael García Ferreira