Aldara Cidrás Fuentes

Aldara Cidrás Fuentes

Doutora en Historia contemporánea
curriculum

ORCID: 0000-0003-3572-5039

 

Aldara Cidrás Fuentes (Vigo, 1994) é doutora en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela (2023). Na súa tese “A xudicialización da violencia golpista. Unha mirada transversal á administración de xustiza entre 1930 e 1942”, valorada con sobresaínte cum laude e mención internacional, analizou a administración de xustiza con finalidades bio e necropolíticas ao servizo do bando sublevado durante a guerra civil española. A principal novidade da súa investigación foi, entre outras, incluír o estudo da xurisdición ordinaria no universo de violencias do golpe e propoñer un marco teórico-conceptual que permite entender o rol xogado polo sistema xudicial na estratexia rebelde. Malia que a súa especialidade son os estudos histórico-penais, a teoría política e os estudos culturais, as súas liñas de traballo son máis amplas, abarcando de forma poliédrica os procesos de violencia masiva, violación dos dereitos humanos e terrorismo de Estado: os seus contextos de xeración, as prácticas violentas que neles se desenvolven, o abano de actitudes sociais e os elementos estruturais nos que proliferan, os traumas que estes pasados xeran e a súa posterior xestión mediante políticas de xustiza (pos)transicional. A súa metodoloxía de análise caracterízase polo coidado uso de ferramentas interdisciplinares, o interese polas humanidades dixitais e a atención na perspectiva de xénero. Na actualidade está a desenvolver tamén o proxecto de investigación de divulgación “Compostela (etno)gráfica” (@compostela_etnografica), que estuda o patrimonio gráfico e as dinámicas xentrificadoras a través de lugares de memoria urbanos. Sobre todo isto ten integrado diversos proxectos de I+D+i, participado en numerosos congresos e escrito en publicacións de alto impacto, cumprindo tamén tarefas de organización e coordinación. Compaxinou a súa experiencia docente e investigadora na USC como investigadora visitante en Princeton Unviersity (2019) e investigadora residente no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (2023). Á parte da súa produción científica, colabora habitualmente con medios de comunicación e participa de forma asidua en diversas actividades de divulgación de coñecemento histórico para un público máis xeral, crendo na necesidade da transferencia de resultados das investigacións académicas como base dunha sociedade máis plural e democrática.

 

Outra información relevante:

  • Actualmente traballando nun proxecto de comisariado de exposición para o Consorcio de Santiago.
  • Membro do grupo de investigación Histagra dende o 2016 e colaboradora do CISPAC.
  • Experiencia como correctora peer-review e membro do comité de redacción da Revista Historia Autónoma (2024).
  • Premio Extraordinario de Fin de Mestrado (interuniversitario, 2017).
  • Diploma en Docencia Universitaria pola USC (2021).
  • Título Cambridge de inglés: C2 – Proficiency (2016).
  • Membro da Asociación Internacional de Literatura y Cine Españoles Siglo XXI (dende o 2023), Asociación Española de Investigación de Historia de las Mujeres (2022), a Red Ibérica en Defensa del Patrimonio Gráfico (2022), a Red Internacional de Estudios sobre Estados de Excepción y Terrorismo de Estado (2021), a Asociación de Historia Contemporánea (2017) e a Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica (2015).
  • Bolseira da Fundación Barrie de la Maza e Amancio Ortega (2010).
  • Experiencia profesional en arquivos, exposicións e escavacións arqueolóxicas.

 

Dúas das súas últimas publicacións son:

Cidrás, Aldara (2024): “¿Lawfare como warfare? Unas reflexiones históricas sobre la administración de justicia golpista en la guerra civil española”, Revista Jueces para la Democracia. Información y Debate, no. 109.  

Cidrás, Aldara (2024): “Terrorismo de Estado y subjetividades femeninas, del Cono Sur a la península ibérica: una introducción”, en Cidrás, Aldara (coord.): Terrorismo de Estado en clave de género. Violencias sexuadas y gestión de pasados traumáticos en el Cono Sur y la península ibérica, Córdoba, Lago Editora.  

Documentos

messages.latest-publications