Investigadores do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática de Galicia en Vilagarcía

Os investigadores do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática de Galicia estarán en Vilagarcía o día 12 de xaneiro

 

O próximo mércores día 12 de xaneiro @s investigador@s do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática de Galicia manterán unha xuntanza no concello de Vilagarcía coa alcaldía ás 09:45 h. e ás 13 horas na Sede de O Faiado da Memoria, coas familias d@s asasinados en 1936 e enterrados na fosa común do cemiterio municipal.

 

Historiador@s, arqueólog@s, o forense e xenetistas darán conta dos traballos que nos meses de setembro a decembro levaron a cabo en relación aos enterramentos irregulares que os golpistas de 1936 realizaron no cemiterio municipal de Vilagarcía de Arousa. Explicarán as tarefas de documentación, exhumación, análises forenses e xenéticos que neses meses se realizaron e que, algún deles, aínda se está a levar a cabo.

 

Nunha primeira xuntanza, estarán no Concello nunha entrevista co alcalde, para agradecerlle o apoio á escavación que se levou a cabo no recinto funerario. Tras esta primeira xuntanza, trasladaránse á sede de O faiado da Memoria onde poderán amosar a investigacións ás familias d@s asasinad@s, amais de agradecerlle a súa colaboración e plena disposición a colaborar nas tarefas de pescuda. 

 

Por último, amosaranse os avances na investigación e unhas primeiras conclusións á espera da análise definitiva dos restos aparecidos que está a ser levad aa cabo polo forense Fernando Serrulla e o equipo de medicina legal de Ángel Carracedo.

 

Nas diferentes tarefas que se levaron a cabor colaboraron o grupo HISTAGRA, coordinado polo catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, o grupo SÍNCRISIS, do que forma parte, como coordinador do equipo de arqueólogos, o profesor José Carlos Sánchez Pardo;  o antropólogo forense, Fernando Serrulla, do IMELGA, e o equipo do xenetista Ánxel Carracedo. Os traballos arqueolóxicos están levados a cabo por Tempos Arqueólogos.

 

O apoio da sociedade civil, da asociación O Faiado da Memoria -que amablemente nos cede o local para manter esta xuntanza, amais dun apoio total desde o comezo dos traballos- e do pobo de Vilagarcía foi fundamental para que os traballos iniciados ao amparo do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática chegase a bo porto.