HISTAGRA organizou unha xornada de traballo de campo no Poboado Mineiro do Fontao (Vila de Cruces)

O Investigador de HISTAGRA Daniel Lanero Táboas organizou o pasado 10 de novembro, no marco do curso que imparte no Máster Interuniversitario en Historia Contemporánea da USC: “Cultura, Política e Sociedade no Fascismo”, unha xornada de traballo na que as/os estudantes desta materia visitaron o Poboado mineiro e o Museo da Minería de Fontao (Vila de Cruces).
Coa guía das Bolseiras da Deputación Provincial de Pontevedra, Almudena Bouzón e Mirian Rodríguez, realizaron unha visita ás instalacións do poboado (vivendas dos traballadores, dos capataces e dos técnicos, escolas, igrexa e cinema) que os arquitectos César Cort Gómez – Tortosa e Joaquín Basilio Bas proxectaron e executaron, respectivamente, para a empresa Fomento Hispania S.A. na segunda metade dos anos cincuenta, e que constitúe unha mostra senlleira da reactivación do movemento arquitéctónico moderno en Galicia despois da Segunda Guerra mundial.
A saída de campo completouse coa proxección no antigo cinema do Poboado dun audiovisual sobre os anos do zénit da explotación de wolfram no Fontao: A luz do negro e coa visita ás diferentes instalacións museísticas.
Esta actividade enmarcouse nas accións formativas do Proxecto de Investigación da Xunta de Galicia: Políticas públicas de vivenda e actitudes sociais da poboación en España: unha visión a longo prazo (1900 – 1990), do que supuxo unha das súas primeiras actividades.