O Proxecto de Investigación “Mecanismos de adaptación social en contextos de violencia estatal masiva. O caso de Galicia (1936-1939) en perspectiva comparada”, dirixido polo profesor Miguez Macho incrementa os fondos bibliográficos da U.S.C.

O Proxecto de Investigación “Mecanismos de adaptación social en contextos de violencia estatal masiva. O caso de Galicia (1936-1939) en perspectiva comparada”, que dirixe o profesor Miguez Macho do departamento de Historia Contemporánea e América, realizou unha compra de fondos bibliográficos para a Biblioteca de Xeografía e Historia da U.S.C. Unha compra de máis de cincuenta publicacións relativas á práctica xenocida, á violencia a ao autoritarismo, con referencia a España e, fundamentalmente, a Europa e América Latina. Entre as obras que se mercaron referentes ao caso europeo están: The Business of Genocide: The SS, Slave Labor, and the Concentration Camps de Michael T.Allen, Mirrors of Destruction War, Genocide, and Modern Identity de Omer Bartov, Genocide before the Holocaust de Cathie Carmichael ou An uncompromising generation: the Nazi leadership of the Reich Security Main Office de M. Wildt. Para o caso latinoamericano adquiríronse, entre outros títulos;  Vital Connections. Politics, Social Security and Inequality in Chile de Silvia Borzutzky, Vida Precaria. El poder del duelo y la violencia de Judith Butler, A lexicon of terror. Argentina and the legacies of torture de Marguerite Feitlowitz ou Hasta que la muerte nos separe. Poder y prácticas sociales genocidas en América Latina de Daniel Feierstein e Guillermo Levy.

Nelas os diversos autores analizan os conceptos de xenocidio, violencia, holocausto ou nazismo, e a práctica violenta que a través da acción de goberno se levou a cabo en moitos estados europeos e latinoamericanos. Como afirma o doutor Feierstein: “Durante a segunda metade do s. XX, América Latina experimentou numerosas experiencias de aniquilamento de masas de poboación, a maioría delas inscritas no mesmo patrón, o que se deu en chamar a Doutrina de Seguridade Nacional, unha reformulación dos escenarios do conflito internacional desenvolta fundamentalmente polos Estados Unidos e consistente na crenza de que a rexión latinoamericana era un dos ámbitos privilexiados da loita contra o comunismo, e que esta loita non tiña fronteiras territoriais senón ideolóxicas”. Os ensaios céntranse no século XX, están elaborados  por destacados expertos internacionais e ofrecen unha posta ao día, da historia xeral así como unha análise dos múltiples casos de xenocidio e actos de violencia estatal masiva: xenocidio armenio, o terror stalinista e nazi, o holocausto ou as políticas represivas en América, Asia e África.

Deste xeito, a biblioteca da Facultade de Xeografía e Historia incrementa os fondos relativos a estes temas e, deste xeito, os investigadores do proxecto así como os estudantes universitarios teñen un material esencial á hora de achegarse este período da historia máis recente.