Mañá dará comezo o coloquio sobre a propiedade da terra "A propiedade da terra: desde a historia para o futuro"

Con motivo do 30 aniversario da publicación 'La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936' do Profesor Ramón Villares Paz, a rede ReVOLTA organiza o Coloquio "A propiedade da terra: desde a historia para o futuro". As xornadas terán lugar entre os días 16 e 17 de novembro de 2012 na Casa do Saber en Lugo e na Casa de Cultura de San Salvador de Asma en Chantada.

A obra 'La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936' é referente no estudo do proceso histórico sobre a evolución da terra en Galicia. Está articulada en tres partes: unha primeira dedicada á análise do proceso de formación dos dominios, unha segunda parte onde se expón a contradición que leva consigo a permanencia do foro e doutros elementos propios do Antigo Réxime unha terceira parte na que se relata a rápida desaparición dun modo de organización da propiedade progresivamente consolidado ao longo do Antigo Réxime mantido durante o século XIX.

PROGRAMA

Venres 16

09:30 h
Benvida do coordinador da Rede, Lourenzo Fernández Prieto. Presentación do Coloquio.

10:00 h
O interese do estudio histórico da propiedade no contexto da revolución burguesa
Nas décadas de 1970 e 1980 un bo número de historiadores dedicaron o seu traballo a estudar os cambios da propiedade no contexto da revolución burguesa. Esta sesión trata de afondar nas razóns detrás das razóns dunha xeración de historiadores para estudar a propiedade. Por que a propiedade centrou todo un programa de investigación? Para que serviu e que aportou dende a perspectiva actual? Que conclusións sobre os procesos de propietarización, conquista e delimitación da propiedade?

Participantes: Ramón Villares Paz (USC), Ramón Garrabou Segura (Universitat Autònoma de Barcelona), Manuel González de Molina Navarro (Universidad Pablo de Olavide de Sevilla), Ricardo Robledo Hernández (Universidad de Salamanca), Jesús Millán García-Varela (Universitat de València) Moderador: Lourenzo Fernández Prieto (USC)

11:30 h - Descanso

12:00 h
Propiedade individual (minifundio), propiedade comunal (latifundio): mudanzas históricas no sentido da propiedade
A propiedade comunal non foi recoñecida pola Administración durante moito tempo. Cando por fin conta con respaldo legal son moitas as comunidades en estado de abandono por falta de veciños. Os arrendamentos e concesións a terceiros son en moitos casos unha nova fonte de ingresos que pode revitalizar a propiedade comunal, pero tamén son fontes de conflitos e a miúdo só unha pequena parte da renda total xerada chega ás comunidades. A sesión pode abordar a cuestión da propiedade comunal desde o punto de vista do seu papel no crecemento económico, a sustentabilidade e o mantemento de vida e a actividade no rural.

Participantes: Xesús Balboa López (USC), Luis Villares Naveira (maxistrado no Tribunal Superior de Justicia de Euskadi), David Soto Fernández (Universidad Pablo de Olavide de Sevilla), Ana Isabel García Arias (USC) Moderador: Xoan Carmona Badía (USC)

13:30 h - Fin da sesión

15:00 h
Sesión de campo (autobús): Visita a parroquias do concello e á vila de Chantada. A propiedade da terra en Galicia: fontes e datos
Sesión de campo en Chantada para falarmos, sobre o terreo, da dispoñibilidade de datos acerca da propiedade, a súa evolución pasada e o seu estado actual.
Condución da visita: Ramón Villares Paz (USC), Luis Guitián Rivera (USC)

22:50 h - Chegada a Lugo

Sábado 17

10:00 h
Onte e hoxe da propiedade e uso da terra: efectos territoriais e organización da produción. ¿Para que vale a propiedade da terra hoxe? (I)
Propiedade e uso da terra forman un binomio en constante evolución. Na Galicia actual, semella que a primeira representa un obstáculo para o correcto desenvolvemento do segundo, o que ten fondas repercusións nos planos económico, cultural e ambiental. Esta sesión trata sobre a situación actual da propiedade da terra en Galicia, a súa relación cos principais cambios da paisaxe en anos recentes, e cos obstáculos para a mobilización produtiva da terra.
 

Participantes: Eduardo Corbelle Rico (USC), Xoan Carlos Carreira Pérez (USC), Edelmiro López Iglesias (USC), Pegerto Saavedra Fernández (USC) Moderador: Xavier Simón Fernández (UdV) Moderador: Xavier Simón Fernández (UdV)

11:30 h - Descanso

12:00 h
A cuestión agraria: abandono, supervivencia e futuro das explotacións. ¿Para que vale a propiedade da terra hoxe? (II)
As aproximacións tradicionais ao problema da disociación entre propiedade e uso non foron capaces de frear o peche continuado de pequenas explotacións familiares. No momento actual, a inminente reforma da Política Agraria Común sitúa novos interrogantes ante o futuro destas explotacións, mais tamén novas oportunidades. Novos instrumentos e estratexias para a conciliación de propiedade e uso son posibles. Esta sesión trata sobre a necesidade de romper vellos esquemas e propoñer iniciativas innovadoras para a mobilización da terra como recurso.

Participantes: Xavier Simón Fernández (UdV), Francisco Ónega López (USC), Xaquín Fernández Leiceaga (USC), Francisco Xabier Barreiro Carracedo (presidente de la cooperativa Monte Cabalar, Rafael Crecente Maseda (USC) Moderador: David Miranda Barrós (USC)

13:30 h
Clausura das actividades da Rede de Agroecoloxía.

14:00 h - Fin das xornadas

Documentos