HISTAGRA organiza Agrobiodiversity Summer School 2026 no CISPAC
Agrobiodiversity Summer School, unha acción formativa sobre a sustentabilidade dos sistemas alimentarios
O CISPAC impulsa esta iniciativa sobre agrodiversidade na que intervén persoal do grupo de investigación Histagra
Xa está en marcha en Santiago de Compostela unha nova edición da Agrobiodiversity Summer School, un curso de formación internacional centrado na agrobiodiversidade e na sustentabilidade dos sistemas alimentarios que conta con case 30 participantes procedentes de oito países. A iniciativa está impulsada polo Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), do que forma parte a USC, en colaboración co grupo de investigación Geography of Food da Zurich University of Applied Sciences (ZHAW) e o Research Institute of Organic Agriculture (FiBL), e conta con financiamento da Stiftung Mercator Schweiz.
Esta é a primeira ocasión na que esta acreditada formación repite o seu emprazamento, xa que o CISPAC foi tamén institución coorganizadora e sede da edición que tivo lugar en 2022. Lourenzo Fernández Prieto, David Soto Fernández ou Stefania Barca, membros do grupo de investigación Histagra da USC e do CISPAC, forman parte do equipo organizador e do profesorado da escola xunto con persoal investigador da ZHAW, do FiBL, da Universidade da Coruña ou da Universidad Pablo de Olavide.
O estudantado, principalmente de mestrado e con ámbitos de formación moi diversos —ciencias ambientais e humanas, agronomía, sistemas alimentarios, estudos rurais e da sustentabilidade, entre outros—, vén de realizar nos últimos meses unha fase preparatoria de cara á formación presencial que agora comeza. Ata o 13 de setembro, as persoas participantes asistirán a unha serie de sesións formativas e realizarán traballo de campo con actores locais en diferentes puntos de Galicia, cun enfoque de aprendizaxe aplicada, colaborativa e situada. Desde unha ollada interdisciplinaria, a escola de verán busca fomentar o intercambio internacional e alimentar a discusión e o pensamento crítico a respecto dos retos sociais e ambientais que presentan as paisaxes, o territorio e os sistemas de produción e consumo.
O programa compaxina aulas e sesións de traballo en grupo cunha serie de visitas a experiencias de interese: o proxecto de horta e inclusión social de Entrelampo (Santiago de Compostela), o modelo multifuncional de Granxas de Lousada (Irixoa), a empresa vitivinícola de capital familiar Terra de Asorei (Meis), a agrupación de marisqueo a pé de Muros, a comunidade de montes de Baroña (O Porto do Son) ou a explotación láctea de Casa Bértolo (Friol). Estas experiencias cobren distintos aspectos en termos produtivos e ambientais, pero tamén sociais, xa que se trata de pequenas explotacións familiares, proxectos cooperativos e mesmo montes veciñais en man común.
A diversidade dos agroecosistemas e a riqueza dos saberes históricos que contribúen a explicala, así como as problemáticas sociais e ambientais que ameazan esa diversidade, son algunhas das liñas de traballo que ocupan un lugar central na axenda científica do CISPAC. Estes aspectos, xunto coa singularidade das interaccións entre o ser humano e a natureza que caracterizan o territorio, fan de Galicia un laboratorio moi apropiado para a formación sobre agrobiodiversidade e para a exploración de novas vías para a sustentabilidade a escala global.