Ramón Villares gaña o Premio Trasalba polo seu labor na cultura galega
O investigador de HISTAGRA Ramón Villares gaña o Premio Trasalba
O Padroado da Fundación Otero Pedrayo acordou conceder o Premio Trasalba 2026 ao membro de HISTAGRA Ramón Villares, en recoñecemento á súa traxectoria intelectual e ao seu compromiso continuado coa cultura galega. A decisión foi adoptada pola Comisión de Goberno da entidade, que salientou a súa «entrega á causa oteriana» e os moitos anos dedicados á investigación da Xeración Nós desde a historia e a xeografía, asi como ao ensaio Fuga e retorno de Adrián Solovio (Galaxia, 2018), considerado pola Fundación como unha das obras clave para achegarse hoxe á figura e ao pensamento de Ramón Otero Pedrayo.
Ramón Villares Paz (Cazás-Xermade, 1951) é Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987. Director do Departamento de Historia Contemporánea (1983-1986), Decano da Facultade de Xeografia e Historia (1986-1990) e Rector Magnifico da Universidade de Santiago (1990-1994), membro fundador e Presidente Presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea (1996-2002) e Director en Galicia da Universidad Internacional Menendez Pelayo, UIMP (1997-2005). Tamén é Membro Numerario da Real Academia Galega e Investigador Honorario do Instituto de Ciências Sociais (U.Lisboa) (desde 2011). Membro do Consello Editorial de Marcial Pons, Ediciones de Historia (Madrid) e membro do Consello Asesor de revistas como Historia Social (Valencia), Ler História, Análise Social (Lisboa), Ayer, revista de Historia contemporánea (Madrid). Pertence aos patronatos do Museo do Pobo Galego, da Fundación Luis Seoane, da Fundación Otero Pedrayo e da Fundación Juana de Vega. Foi Presidente do Consello da Cultura Galega, desde 2006 a 2019.