I xuntanza do COMITÉ ASESOR ACADÉMICO EXTERNO (CAAE) do Proxecto do Censo estatal de Vítimas do Golpe, da Guerra e da Ditadura (1936-1977)

I xuntanza do COMITÉ ASESOR ACADÉMICO EXTERNO (CAAE) do Proxecto do Censo estatal de Vítimas do Golpe, da Guerra e da Ditadura (1936-1977)

 

 

O próximo martes día 7 de outubro terá lugar en Madrid a I xuntanza do Comité Asesor Académico Externo (CAAE) do proxecto CENOMI (Nomes, Noms, Nombres, Izenak) formado por especialistas de recoñecido prestixio historiográfico na violencia golpista, a guerra e o exilio e a ditadura. A súa función é a de servir de sustento metodolóxico e conceptual crítico nas decisións operativas do proxecto.


A reunión será inaugurada polo Ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Sr. D. Ángel Víctor Torres, o Secretario de Estado de Memoria Democrática, Sr. D. Fernando Martínez López, e o responsable da Investigación, o Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Lourenzo Fernández Prieto.

 

 

CENOMI: NOMES, NOMS, NOMBRES, IZENAK incluirá a todas as persoas que foron vítimas mortais da violencia exercida a partir do Golpe de Estado de1936 e ata o final do ano 1939 nesta primeira fase. O equipo principal que levará a cabo esta tarefa está instalado no CISPAC, Centro de Investigación Interuniversitario de Paisaxes Atlánticas Culturais, das tres universidades galegas (USC, UdC e UVigo). Está dirixido polo Catedrático de Historia Contemporánea da USC, Lourenzo Fernández Prieto e o Profesor e Doutor en Historia Contemporánea da USC Antonio Miguez Macho, a coordinación corre a cargo da doutora en Historia Contemporánea Cochi López Sánchez.


O proxecto constrúese sobre a metodoloxía de investigación histórica: crítica e análise de fontes, valoración cualitativa e cuantitativa da información. Tecnicamente, emprega a plataforma «Dédalo», un sistema informático de xestión e difusión da información do patrimonio cultural cunha acreditada traxectoria de máis de vinte anos de experiencia que o avala. Neste soporte traballa directamente o equipo de CENOMI para rexistrar a información derivada da busca de vítimas mortais no período que vai de xullo de 1936 a decembro de 1939. Como resultado da indagación, definindo a trazabilidade das fontes, a garantía de contraste das mesmas e o método de validación dos nomes, xeramos unha relación nominal de vítimas que inclúe, ademais —cando é posible—, múltiples datos biográficos das persoas identificadas: idade; profesión; lugar de nacemento, veciñanza, defunción...; ou tipo de suceso violento polo que foron vítimas.

 

 

Datos da Xuntanza:
Madrid, 7 de outubro de 2025
Palacio de la Condesa de Adanero. Calle de Sta Engracia, 7. 28010 Madrid
Horario: 15:30 a 20:00


Máis información:
histagra@usc.es

Documentos