A ubicuidade das armas do débil: A propósito dunha novela de Hans Fallada
Miguel Cabo Villaverde
O oficio de historiador adquire en moitos casos a dinámica de obsesións sucesivas, e no meu caso sufrín nos anos anteriores un interese se cadra desmedido pola obra de James C. Scott. Como é sabido, o seu achádego máis exitoso, mesmo demasiado cabería dicir dado o uso abusivo que se ten feito do concepto, foi o das “armas do débil”, mecanismos de loita a pequena escala de baixo risco que adoptan colectivos subalternos (no seu estudo de caso os labregos malaios) fronte ao Estado ou os grupos dominantes contra os cales sería contraproducente unha resistencia aberta.
O resultado foi un monográfico de Historia Social (nº77, 2013) coordenado xunto con Ana Cabana e aínda que xa disposto a pasar páxina non puiden evitar aplicar a óptica de Scott a unha novela que casualmente merquei nunha viaxe a Múnich. Trátase de Jeder stirbt für sich allein, de Hans Fallada (pseudónimo de Rudolf Ditzen, 1893-1947), publicada en 1947 e a penas coñecida fóra de Alemaña (onde mesmo foi adaptada ao cine e ao teatro) até que recentemente foi protagonista dun éxito editorial en inglés e traducida conseguintemente a moitas outras linguas, entre elas o castelán co título de Solo en Berlín.
Si, trátase dunha novela, material que os historiadores tratamos con xustificados receos, pero fagamos dúas matizacións. A primeira que Fallada se encadra no movemento literario da época de Weimar denominado Neue Sachlichkeit (nova obxectividade), que en contraste co expresionismo buscaba tratar temas sociais cun enfoque sobrio, diríamos case documental, e cun estilo contido que tentaba que a propia presentación dos feitos levase a cabo o labor de denuncia e concienciación sociais que se propuña como obxectivo último. Nesa liña fora precisamente Fallada o autor dun dos libros emblemáticos desta tendencia, Kleiner Mann –was nun? (1932, Pequeno home, ¿e agora que?) sobre os avatares dunha parella de clase obreira. A segunda, que Fallada tivo acceso ó expediente xudicial do caso que reconstrúe na trama.
Os protagonistas son os Quangel (os Hampel na vida real), un matrimonio berlinés de clase media baixa sen ningún compromiso político previo a 1933 e que aceptan o réxime nazi sen estridencias nin unha adhesión entusiasta senón como cidadáns de orde. Serían o que na bibliografía alemana se denomina Mitläufer. Todo cambia sen embargo cando en 1940 reciben a fatídica carta que lles comunica a morte en combate do seu único fillo. A partir de entón os Quangel desencántanse do sistema e nun momento dado o home decide actuar contra el, pero ¿Que pode facer un modesto encargado de fábrica arisco e con poucas amizades fronte a un poder despiadado e aparentemente omnipotente? Otto Hampel comeza a distribuir postais con mensaxes de denuncia contra o nazismo e a guerra, que deposita en escaleiras de edificios, e axiña a súa dona involúcrase no que semella so un xesto inútil, aínda que serve para deixar traslucir a existencia dun “discurso oculto” fronte a propaganda oficial.
Durante dous anos os Quangel proseguirán coa súa peculiar protesta, que ilustra perfectamente os puntos fortes, as debilidades e as lecturas historiográficas ás que pode dar lugar o concepto de “armas do débil”. Como as que empregan os campesiños de Scott, a súa principal vantaxe é que non necesitan organización e que os riscos son mínimos, polo que a súa represión resulta complicada (Fallada introduce unha vertente de novela policíaca co seguimento das investigacións policiais que se toman moi en serio o desafío). Pola contra, os seus efectos son limitados, ningún réxime caerá por unhas postais subversivas, ou por chistes sobre os seus líderes ou por escoitar determinada música, outros exemplos de armas do débil que algúns historiadores alemáns teñen posto sobre a mesa no seu intento de ampliar o concepto de resistencia. Cando por fin son descubertos tras un descuido, o comisario revélalle a Otto Quangel que a meirande parte das súas postais foran entregadas á policía polas primeiras persoas que as atoparon, temerosas de ser consideradas cómplices. En abril do 43 ambos son executados, sen que as súas 300 postais tivesen acurtado nun so segundo a vida da dictadura.
Fallada presenta un sinfín de personaxes secundarios: uns conspiradores comunistas un tanto amateurs, o comisario Escherich que acaba desenvolvendo unha particular fascinación polos esquivos distribuidores de slógans derrotistas, informantes, zafios nazis camisas vellas que recollen os froitos da súa militancia e un longo etc. En conxunto un fresco das actitudes sociais fronte a un réxime que máis alá do emprego despiadado da violencia nunca podería terse imposto sen tecer unha rede capilar de complicidades das que o día tráxico da morte do fillo os Quangel decidiron desmarcarse.