Os fusilados. 40 anos despois de outros 40 anos.
Lourenzo Fernández Prieto
Por fin, no programa de Javier del Pino na Cadena SER do sábado 26 de mañá, fálase dos fusilamentos de 27-IX-1975. Un magnífico programa que empezou co Ministro de Información, León Herrera Esteban, lendo no “parte de Radio Nacional” as condeas a morte despois da tétrica musiquiña aquela; tamén entrevistou a Magda Oranich (avogada de Txiqui) e presentou unha gravación de Marc (o outro avogado) que conta como o fusilaron, tiro a tiro, e como lograron facerlle a foto. Tamén participou Carlos Fonseca, autor de Mañana cuando me maten, o maís recente libro sobre o asunto.
A grande incógnita é porque os escolleron a eles 5 entre os 11 condeados a morte ao mesmo tempo e porque o réxime quería fusilalos, e quen do réxime. Non chega con facer historia das vítimas para entender o pasado. Podemos renovar a premisa logo de escoitar o programa. En agosto de 1975 aprobouse unha lei antiterrorista que foi aplicada retroactivamente nos catro xuízos militares que se seguían –entre moitos outros-: 2 en Madrid contra membros do FRAP, dun escollen a Baena e do outro a Sánchez Bravo e García Sanz; un en Burgos, onde escollen a Otaegui, e outro en Barcelona onde escollen a Txiqui. Escollen porque non só había máis xuízos en curso senón moitísimas persoas en múltiples causas abertas por atentados.
Non só aplicaron a nova lei (dunha ditadura: un estado de non-dereito) retroactivamente senón que todas as confesións foron obtidas –como era norma- con torturas. Nese mesmo mes de agosto e, coa mesma lóxica, en Ferrol mataron a X.R. Reboiras de 3 tiros polas costas. Os procesos aceleráronse sen garantía ningunha, sen aceitar as probas da defensa, incorporando novas testemuñas, contravindo as lóxicas procesais que mal que ben viñan sendo seguidas na Ditadura. No mes de setembro fixéronse os xuízos, impuxéronse as sentenzas, foron ao Consello de Ministros xuntas e confirmáronse 5. Ao día seguinte fusiláronos. Os avogados tiveron para preparar o último recurso entre as 12 da noite (cando recibiron as notificacións) e ás 4 da mañá.
Vai sendo hora de facerse preguntas que nunca se fixeron para poder pensar outras explicacións que nunca se deron. O réxime non respondeu á crecente conflitividade –como se adoita a afirmar con causalidade simple – senón que a viña provocando dende o peche de todo ensaio de apertura en 1969. Nese fío de man dura contra unha xeración contestataria que xa non tiña medo nin lembranza das atrocidades que coñeceran seus pais, en 1974 xa agarrotaran a Puig Antich e a Heinze. A reacción do réxime, dende o asasinato de Carrero en decembro de 1973, era unha resposta desconcertada que remitía en todo á súa orixe: a facer o que hai que facer, o que houbo que facer en 1936. Os que o viviron lembran a esperanza xornalística da apertura e do espírito do 12 de febreiro. Os feitos son máis teimudos que as sensacións e as esperanzas. Por iso, todo lembra a 1936, non só na aparencia e na sensación de desoncerto senón, fundamentalmente, nas formas, nos procedementos e nos procesos militares. Só muda o número de fusilados.
A foto fíxoa nun descoido Marc, o avogado e parella de Magda Oranich, e publicouse ao día seguinte en todos os xornais do mundo e a onda de antifranquismo medrou e medrou ate o infinito… Determinou o futuro inmediato e o fracaso político do “bunker” que aínda deu moita guerra ate hoxe. A estratexia do franquismo sen Franco presentouse imposible despois disto e das súas consecuencias. O PSOE e o PCE que non permitiran aos seus avogados participar nas defensas dos encausados nestes procesos, tiveron axiña interlocutores dentro do réxime para encauzar unha saída que excluíse as armas.