Onte inda servos, hoxe xa donos. Independencia e Guerra Civil en Irlanda 1916-1923.
Bruno Esperante Paramos*
Da experiencia do proceso de independencia de Irlanda, que para o ano 2016 cumpriranse os cen anos do seu inicio, espero extraer algunhas reflexións que serán, canto menos, interesantes na medida en que ao lector ou lectora lle resultarán coñecidas debido aos ecos que este proceso tivo, nas súas tácticas e estratexias con outros procesos independentistas na actualidade.
Como tantas outras veces na historia, a unión fixo a forza unha vez máis alá polo ano 1916, cando distintas sensibilidades políticas do independentismo irlandés, dende os socialistas-marxistas até os conservadores católicos e tradicionalistas tiveron a ben chegar a un acordo para firmar unha declaración de independencia pactada. Algúns líderes destacados eran Thomas J. Clarke, Thomas McDonagh, P.H. Pearse ou James Connolly. O obxectivo era proclamar a República de Irlanda e a independencia unilateral do Imperio Británico. Para logralo, erguéronse en armas en distintos lugares estratéxicos da cidade de Dublín durante o coñecido Easter Rising de 1916. O levantamento durou uns dias e fracasou. Os principais líderes da revolta foron executados e outros, levados á prisión ou ao exilio.
A vía da insurxencia armada por si soa resultou inviable. Ao remate da I Guerra Mundial, o Reino Unido proclamou eleccións xerais para finais de 1918. Nesta ocasión, unha segunda xeración de independentistas escolleron a cita electoral para convertelas nun plebiscito pola independencia. De novo, a acumulación de forzas diversas baixo unha marca electoral común foi a estratexia elixida. Desta forma foi como conseguiron converter ao Sinn Féin, un partido moderado e non expresamente independentista —nin moito menos republicano senón que apostaba por un proxecto de monarquía dual como no Imperio Austro-Húngaro— nunha forza política abertamente independentista e republicana. A vía da fronte electoral dou os seus froitos ao conseguir 73 dos 105 escanos irlandeses. Un total do 46,9% dos votos emitidos na illa. Cos resultados electorais na man, o seguinte paso foi non ocupar os escanos en Wesmister e quedarse en Dublín, onde baixo a lexitimidade dos votos adquiridos proclamaron o Dáil Éireann (parlamento irlandés).
O que sucedeu logo da proclamación do First Dáil en 1919 ate 1921 foi unha guerra aberta entre o Imperio Británico e os independentistas irlandeses. As novas figuras do independentismo, quizais os máis coñecidos como Eamon de Valera ou Michael Collins, dedicáronse á construción dunha propia administración irlandesa. Naceu desa maneira o IRA (Irish Republican Army), xunto cun poder executivo, lexislativo e xudicial en todo un exemplo histórico de creación e lexitimación dunha nova legalidade. Chegados a este punto, deberíamos ter en conta que todo este proceso foi sustentado basicamente por só un partido, o Sinn Féin, os deputados electos conformaron o primeiro parlamento irlandés que representaban, polo menos, distintas sensibilidades políticas, máis a esquerda ou máis a dereita, pero sempre dentro do campo loxicamente independentista. Ao marxe deste proceso, e totalmente eclipsados pola evolución tan acelerada dos acontecementos quedou o que antes era o partido hexemónico da illa dende 1880, o Irish Parlamentary Party.
Por outra parte, Michael Collins ainda que ministro de Finanzas do goberno irlandés, tivo tamén un papel destacado nos servizos de intelixencia do IRA en Dublín. Unha das súas vitorias máis sonadas foron as acción de contraespionaxe levadas acabo contra axentes de intelixencia británicos que operaban nesta cidade. Xunto a estas accións, outras derivadas da aplicación de tácticas de guerrilla como as sabotaxes ou as emboscadas posibilitaron unha vitoria moral, pero non real e de campo aberto contra o exército británico.
Unha tregua foi acordada en xullo de 1921 e as negociacións comezaron entre irlandeses e británicos. Para finais dese ano e a raíz das negociacións en Londres creouse o Irish Free State. Isto non significaba a independencia radical e plena do Imperio Británico. De feito, Irlanda compartiría a cabeza do Estado (George V, Rei do Reino Unido) co resto de países da Commonwealth como Canadá, Australia ou a Unión Sudafricana. Amais diso, foi aquí neste momento onde se estabelece a división de Irlanda do Norte co resto da illa. Argumentábase para iso, o apoio maioritario que nas eleccións de 1918 recibira o Irish Unionist Alliance, partido dos irlandeses protestantes do Ulster que nunca apoiaran a independencia. Estes dous feitos provocaron unha fisura dentro do independentismo irlandés. Por unha parte, estaban os que apoiaban o tratado como un primeiro paso para a independencia plena da illa e, por tanto o Irish Free State, entre os cales figuraba Michael Collins e, por outra parte, os contrarios ao tratado, os republicanos radicais entre os que se atopaba Eamon de Valera.
A división dentro do nacionalismo irlandés enfrontaba así aos “pro-tratado” e aos “anti-tratado” nunha loita polo poder entre 1922 e 1923. Algúns líderes que alcanzaran fama durante a loita de independencia faleceron nesa guerra. Entre outros, as dúas mortes que quizais deixaron unha carga simbólica maior para a posterioridade serán as de, por unha parte, Michael Collins (pro-tratado) ao falecer o 22 de agosto de 1922 nunha emboscada contra unha partida armada do IRA “anti-tratado” cerca da cidade de Cork. A súa morte habería que sumarlle en abril do seguinte ano, a de Lyam Linch (anti-tratado) importante mando militar do IRA que alcanzara fama durante a guerra de independencia. Como Collins, este último falecía tamén nunha escaramuza producida a súa vez contra as forzas “pro-tratado”.
Esa guerra civil remataba en maio de 1923 coa vitoria dos “pro-tratado”, pechándose así o proceso de independencia aberto en Irlanda dende o Easter Rising de 1916. Na actualidade, si unha persoa visita Dublín poderá ver en moitos pubs tradicionais da cidade referencias da historia recente de Irlanda, con especial atención ao proceso de independencia, colgados nas paredes en forma de retratos dos líderes que a fixeron posible, ou tamén manifestos, proclamas, bandeiras ou fotografías dalgún fenian (soldado nacionalista irlandés). A memoria da independencia consérvase moi viva na cidade. Por outra parte, tamén se conserva e se exhibe a memoria da guerra civil. Pero o seu tratamento é diametralmente oposto ao que se lle dá aínda hoxe en día en España e ao seu particular enfrontamento civil. Carteis “pro-tratado” e “anti-tratado” colgan das paredes dos pubs e, en moitos casos, compartido espazo. Incluso retratos de Michael Collins e Lyam Linch, ambos enfrontados entre si e mortos na guerra, hoxe comparten parede nos pubs de Dublín entre música folclórica e pintas.
Os cadros coas súas fotografías sitúanse xuntos, representando así unha boa conciliación da memoria. Naturalmente, noutros ámbitos as divisións daquela guerra civil maniféstanse na actualidade. Na esfera política, a dereita do país está ocupada por dous partidos, o Fine Gael, herdeiro da tradición “pro-tratado” e gañadores da confrontación bélica e, por outra, o Fianna Fáil fundado polos “anti-tratado” en 1927, anos despois de perder a guerra e aceptar o xogo político do Irish Free State. Non en van, nos anos trinta estes últimos dominarían a escena política da illa con Eamon de Valera como presidente, o cal, acabaría proclamando a República de Irlanda e abandonando a Commonwealth definitivamente en 1949.
…
* Bruno Esperante Paramos (A Baña, 1988) é licenciado en Historia, Máster en Historia Contemporánea e actualmente contratado FPI no Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC.