Que está a facer a UE ante a crise de refuxiados?
Virginia Díaz Hervella*
A primeira metade do século XX puxo de manifesto a necesidade de outorgar protección a aquelas persoas que se viron obrigadas a buscar refuxio máis aló das súas fronteiras, ante a imposibilidade de encontralo dentro dos seus propios Estados. Como consecuencia da persecución exercida polos nazis e fascistas e as secuelas devastadoras da II Guerra Mundial que xeraron o éxodo de miles de persoas fuxindo das guerras, a fame e a pobreza, apareceu a necesidade de establecer unha concreta regulación na materia, que finalmente quedou plasmada na Convención de Xenebra sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951) e o seu Protocolo, asinado en Nova York o 31 de xaneiro de 1967.
Hoxe, a situación volve a repetirse. De acordo co Alto Comisionado das Nacións Unidas para a Protección dos Refuxiados, o continente europeo asiste á peor crise de desprazados desde a II Guerra Mundial. Familias sirias, iraquís, afganas, libias, kosovares, eritreas, nixerianas ou somalíes escapan da guerra, o terrorismo e a represión.
A inestabilidade política, social e económica propias dos conflitos violentos desenvoltos nalgúns territorios de Oriente Próximo froito da Primavera Árabe, é o detonante deste gran fluxo de desprazamentos de persoas, feito que, unido ao crime organizado relacionado con estes movementos, desemboca no que os estados membros da UE os cualifiquen como unha ameaza á súa propia seguridade. Realidade que se endurece cola particular situación de Siria, país que sufre la ditadura de Bashar Háfez el-Ásad e os constantes golpes do grupo terrorista DAESH, que consegue difundir o terror por todo o mundo e consagrarse como o inimigo universal máis perigoso. Así as cousas, a radicalización, o sectarismo, a ascensión dos grupos yihadistas e a brutalidade dos acontecementos non fan máis que prolongar esta guerra civil, que non semella encontrar unha solución a corto prazo a causa dos intereses xeoestratéxicos das grandes potencias e ausencia de acordos e resolucións definitivas por parte da ONU e o seu Consello de Seguridade.
Todos estes factores están rompendo sociedades e comunidades que críamos estables, e o que é peor, poñen en perigo o respecto ao dereito á vida, un valor sen o que non pode existir civilización. O panorama é moito máis complexo que entón e as condicións das persoas desprotexidas máis graves, onde cobran un grande protagonismo os debates socio-políticos, que moitas veces contribúen a agravar os problemas.
Póñense de manifesto varias tendencias sociolóxicas desde institucións políticas, educativas ou culturais que teñen contribuído ao menosprezo dos estranxeiros fomentando o que podería cualificarse como unha nova forma de racismo: islamofobia.
Hoxe un refuxiado é polo xeral un musulmán, estigmatizado pola súa relixión e identidade, representando un símbolo de deshumanización na sociedade actual, como o foron os xudeus en Auschwitz. Sen embargo, estamos ante a onda máis heteroxénea das que ten vivido Europa pola variedade de países de orixe, pero tamén porque é a mellor formada e a que ten un índice educativo máis elevado. Ao contrario do que poda parecer, estes novos refuxiados non son os máis pobres dos seus países, de tal forma que si a súa integración é adecuadamente xestionada pode traer consecuencias moi positivas para a envellecida poboación actual europea. Sen embargo, até o momento, a Unión Europea vese desbordada ante esta chegada masiva de persoas, cuxas accións e toma de decisións por parte de los líderes dos principais estados implicados están lonxe de ser eficaces e satisfactorias. Móstrase a debilidade da política exterior europea, agravada pola crise da gobernanza do euro e empezan a verse resentidos o mecanismo de libre circulación de persoas e os valores europeos.
Até que punto a Unión Europea está capacitada para xestionar esta situación?
Sen dúbida dispón das ferramentas e os mecanismos para facer fronte a esta crise, como se ten demostrado no pasado levando a cabo diferentes operacións que conseguiron manter a paz e a seguridade internacionais, á vez que logrou neutralizar certos extremismos ideolóxicos. Por outra parte, o que impera na actualidade, é a falta de vontade política, de compromiso, responsabilidade individual e espírito solidario. En lugar de adoptar mecanismos resolutivos e integradores, apóstase por construír valados e revivir o antigo concepto de fronteira.
De nada serven as solucións individuais ao marxe de toda cooperación escudadas no vello concepto de soberanía. A acollida é responsabilidade de todos os países e en ningún caso ten que depositarse toda a carga nuns poucos, ou do contrario atoparémonos con solucións nacionais que provocarán o endurecemento das políticas de asilo dando lugar a posibles violacións de dereitos humanos.
Tanto a Unión, como os estados han de reformar a súa normativa en canto ao dereito de asilo, comezando por unha revisión do coñecido Regulamento de Dublín, que ao outorgar responsabilidade polo procesamento das solicitudes de asilo ao primeiro país de entrada na UE, ten xerado unha carga inxusta sobre os países nas fronteiras exteriores da UE como Grecia, onde o fluxo actual xera un colapso do sistema ante a insuficiencia de recursos. Ao ter feito tan difícil a entrada en Europa, creouse indirectamente un mercado para o contrabando, no que lonxe de paliar o problema, so se alimenta o auxe de organizacións delituosas que trafican co traslado ilegal destas persoas, poñendo en risco a súa seguridade. É necesario crear máis vías seguras e legais, así como a dotación dos recursos oportunos e a súa adecuada xestión.
Estamos nun momento histórico no que a acción debe pasar pola cooperación e a integración e na que todos os actores do conflito estean implicados.
En palabras de Garrigues Walter: “Nós, somos eles. Levantando valados cada vez máis altos non lles imos deter”.
En definitiva, non menos, se non máis UE.
…
* Virginia Díaz Hervella (A Rúa, 1989) é licenciada en dereito pola USC (2012) e máster en Práctica Procesal Penal (2014) e Gobernanza e Dereitos Humanos (2015). Colabora no Servizo Xurídico da Comisión española de Axuda ao refuxiado (CEAR) desde 2015.