A emerxencia dos comúns
Francisco García Quiroga*
A edición en castelán da obra Común, Ensayo sobre la revolución del siglo XXI dos franceses Pierre Dardot (filósofo) e Christian Laval (sociólogo) volve a por de manifesto a importancia dos comúns como un dos máis importantes fenómenos na contemporaneidade na que nos situamos. Na obra ademais de facer unha análise do significado dos comúns, que vai mais alén dos propio recurso en si mesmo; establecen unha completa teoría da necesidade de construir unha política do común.
E esta política do común, segundo os autores, pasa pola mudanza dunha política da representación a outra na que a participación sexa o eixo de acción desta política; a cuestión, inciden, é quen decide por nos? “ un dos aspectos máis fundamentais do retorno dos comúns, xa non se trata de apelar ao Estado en defensa das poboacións, senón en promover formas de control democrático sobre recursos comúns” (2014, 23).
A cuestión á que se apela é de se é posible construír alternativas ao capitalismo, e este pasa, segundo os autores , polos comúns, por esa praxe das propias comunidade de tecer colectivamente regras de autoxestión, de autorregular. Cren que “o común como un principio político. Non é invención nosa, despréndese das protestas contra o orde actual. Designa, de entrada, as líñas de fronte e as zonas das loitas nas que se xoga a transformación de nosas sociedade, traduce as achegas dos movementos hostís aos capitalismo e as formas das súas accións, nutre prácticas relativas á creación e o goberno dos comúns” (2014, 515). Para revocar ao liberalismo, so o poderemos facer, se somos quen de crear as nosas propias institucións, e para iso é preciso a autoinstitución da sociedade, producindo de forma colectiva o común, e isto pasa, inevitablemente pola substitución da competencia pola cooperación.
En Galicia existe toda unha praxe instituinte deses comúns en numerosos ámbitos, mais un nos que destacamos é no relativo ás comunidade veciñais dos montes veciñais en man común que foron quen de xestionar de fora colectiva eses montes. Mais repetimos a importancia aquí non radica no propio monte se non na propia capacidade destas comunidade de ir tecendo toda una serie de normas, de xerar unha gobernanza, que mantivo, na maioría dos casos, a sustentabilidade destes bens e toda unha rede de apoio mutuo e afectos entre a veciñanza.
Se o post gusta e interesa, nos seguintes post falaremos do traballo académico impulsado desde o propio grupo de investigación HISTAGRA en torno aos comúns, ou dende outros colectivos, que veñen a acreditar nesa emerxencia dos comúns coa que titulamos o post.
…………………………………
* Francisco García Quiroga (Ourense, 1982) é licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Tecnoloxías da Información e Desenvolvemento Económico pola mesma universidade. Ten estudado na Universidad de Granada, Universidade do Minho, Universidad de A Coruña e a University College of Cork. Combina accións de creación contemporánea coa investigación e ten publicado en revistas como Teknokultura, Derritaxes, Tempos Novos, La Descomunal e outros espazos. Asi mesmo co-coordina o proxecto Montenoso entre varios colectivos que pretende visualizar os montes veciñais en man común en Galicia, obtendo unha Mención de honra no Ars Prix Electronica 2014 (Austria). Participou na liña de traballo do procomún rural do Laboratorio del procomún do MediaLab Prado en Madrid co que impulsou Login: Gestión del procomún en el rural gallego.