A gripe española de 1918 na Coruña; os mortos e os ecos no presente

Empecemos por unha admisión: isto non é un artigo científico, senón o resumo dalgunhas notas que tomei hai tres anos, a partir de La Voz de Galicia, os plenos do Concello na Coruña e un expediente sobre a gripe que se conserva Arquivo Municipal da cidade[1]. Cando redactei o texto, escribín: “fue el punto y final de las epidemias que cíclicamente azotaban a la población coruñesa desde su fundación y que en los siglos XX y XXI, gracias a la mejora de la medicina y la higiene, no se han vuelto a repetir”. “ Isto vénseme á cabeza agora que estou cubrindo a pandemia do coronavirus desde un xornal da Coruña, e as medidas que vexo que se toman e non se toman confúndense coas de hai máis de cen anos. Advertidos os navegantes, continuemos. 

 

A primeira vaga de gripe chegou á Coruña en xuño e xullo, seguramente como parte da primeira cepa dese ano que apareceu en febreiro en Madrid e encamou a Su Majestad Alfonso XIII. Apenas tivo relevancia en xornais e actos plenarios. Era unha variante pouco letal. Unha nota manuscrita e anónima que figura no expediente, que eu atribúo ao inspector médico municipal, Aznar, menciona un par de mortos. Ese verán houbo outras preocupacións sanitarias, como o tifus exantemático, os rumores de cólera (que decimara á cidade unhas décadas antes), varicela e viruela nas aforas da urbe.

 

En setembro chegou á nova vaga á cidade, e esta si era a boa, ou a mala, segundo se mire. O primeiro caso, creo, foi nunha vivenda da rúa da Amargura, onde se hospedaba “un mozo llegado del cupo”, logo pasamos ao Campo da Leña, San Andrés, hospedaxes de emigrantes que esperaban a partir nun vapor, e logo (sempre segundo o autor que cremos Aznar) salta “a los barrios pobres”. O 26 chega outro barco, o Reina María Cristina, cun morto e tres enfermos. A finais de mes xa temos nove mortos na cidade, e 79 casos rexistrados.

 

O mes da morte foi outubro. O pico foron os días 16 e 17 de outubro, con 25 falecementos entre as dúas xornadas (para unha cidade de 47.000 veciños de dereito e entre sesenta e setenta mil de feito). Os mortos, segundo os apuntamentos de Aznar, serían uns 205, se ben a cifra, como logo veremos, deberíase revisar á alza. Seguindo a nota:

 

Octubre   
DíasEnfermosGravesFallecidos
7420  
8537 5
9876174
10697218
11793235
12827268
13911317
149323712
1969459
1610184916
1710075119
189715316
19955487
20876419
21835397
22831399
23796357
247953711
25726417
266864012
27593456
28462414
29407377
30383376
31322294

 

A finais de mes a enfermidade ía decrecendo de xeito natural, e en novembro foi esmorecendo:

 

Noviembre   
DíasEnfermosGravesFallecidos
1278235
2254242
3251231
4214212
5180203
6159193
7138172
894151
963132
1049111
113382
123072
132461
142150

 

As cifras anteriores son as que se foron rexistrando día a día e suman 232, ás que habería que engadir as nove de setembro, ou sexa, 241. Pero o expediente menciona unha valoración máis elevada, de 360 entre a poboación civil. O Médico Rodríguez, que pasou a gripe na Coruña ese ano e escribiu un libro sobre ela, fala de 600 mortos en outubro[2]. Xosé Alfeirán eleva a cifra,partindo de fontes xornalísticas que non podo comprobar actualmente, ás 569, contando non só os que aparezan como mortos por gripe senon tamén por outras afeccións respiratorias. Quedémonos con 360. Entre 1901 e 1915 a gripe era a quinta enfermidade infecciosa que máis mataba na Coruña, pero cunha media de 10 vítimas anuais[3]. Enrique Hervada, outro médico contemporáneo, e tisólogo do sanatorio de Oza, en Galicia morreron de gripe 20.314 persoas, contra un promedio anual de 500, ou sexa, unha multiplicación da mortalidade por 40[4].

 

Multiplicar as mortes por 36 arrepía, así que empregaremos unhas matemáticas máis positivas. A poboación de feito da Coruña (proxectada en base aos censos de 1910 e 1920) sería en 1918 dunhas 59.214 persoas. Aínda tomando a cifra de Alfeirán, non chegariamos ao 1% da poboación. Volvendo a 2020, isto é semellante como a mortalidade que tivo o coronavirus no trasatlántico Dream Princess ou a que se rexistra en Corea do Sur, e a que estiman algúns expertos que sería a real da actual epidemia se coñecésemos todos os casos[5]. Outro dato: en 1919 morreron 330 coruñeses de tuberculoso pulmonar. Unha traxedia, pero lonxe do colapso demográfico.

 

É un tópico, agora, dicir que a gripe de 1918 gañou o apelativo de española porque a prensa do noso país era máis libre para falar dela e libraba da censura, pero o certo é que o 27 de setembro o Gobernador Civil manda unha comunicación oficial negando que houbese gripe entre a poboación civil coruñesa, aínda que si 152 entre os soldados. A declaración do estado epidémico na provincia non chegará ata o 14 de outubro.

 

A medida que avanzaba a epidemia foron tomándose medidas, sobre todo por parte do Concello, que chegou a destinar medio millón de euros para cubrir os gastos extraordinarios (limpeza e desinfección, creación de novas camas hospitalarias, socorros aos afectados). Porén, as medidas de contención nunca chegaron a ser tan restritivas como as actuais[6], tomáronse nun punto moito máis avanzado da enfermidade (na Coruña, a declaración de estado epidémico chegou practicamente no pico da enfermidade), duraron menos tempo do que durarán estas aínda se só se prolongan un mes e, por usar un termo moi de moda agora, non aplanaron a curva.

 

Aínda así, como agora, había quen as incumpría coas excusas máis espúreas. A miña anécdota preferida dos coruñeses de 2020 foi a dos dous irmáns que se puxeron a beber nun parque saltándose o confinamento para celebrar que un saíra do cárcere; un deles, o non ex presidiario, enfrontouse á policía. Entre as de 1918, a da chegada o 2 de novembro dun vapor con tres mortos e varios infectados pola gripe; un lote de mantas dos enfermos foi vendido de tapadillo polo cociñeiro de a bordo a dous coruñeses emprendedores que as intentaron revender pola cidade. A gripe española, en fin, chegou ao seu carácter catastrófico e logo desapareceu cando a poboación adquiriu inmunidade de grupo polo elevado número de infectados que desenrolaran anticorpos.

 

Poderíanse engadir bastantes cousas sobre a gripe de 1918 na cidade, como o papel que tivo para impulsar e estender algúns proxectos hixiénicos e a ollada que permite dar aos servizos sanitarios da época, sorprendentemente avanzados na cidade da Coruña (que daba, entre outras cousas, servizo médico gratuíto aos pobres, mantiña un Laboratorio Municipal e vacinaba sen custe a todos os nenos). Pero ao final, foi un fenómeno continxente: chegou e pasou sen cambiar a sociedade, e esta, por decisión ou incapacidade, non se paralizou nin propuxo cambiar os seus hábitos durante meses ou anos por aforrar vidas.

 

Ante a actual pandemia, por sorte[7], decidimos aforralas, pero sabemos que iso custará moitos puntos do PIB, centenares de miles de empregos, e probablemente un período de meses ou anos nos que as actividades colectivas se vexan extremadamente restrinxidas. Todos os días falo con autónomos e empresarios con gastos e sen ingresos, o responsable de Facenda do Congreso da Coruña respondeume nunha entrevista que non pode cuantificar o que suporá isto para as arcas públicas, eu mesmo afrontarei un ERTE. E seguramente tamén lles chegará o turno a funcionarios, e pensionistas, e a sectores públicos que quedarán recortados agora ou cando se complique endebedarse. Alguén o pagará, e agora estase decidindo quen será; algo sobre o que, lamentablemente, a Historia non nos dá as pistas.


 

[1] Expediente sobre los antecedentes relativos a la epidemia de gripe. Archivo municipal de A Coruña, signatura 7561.

[2] La Gripe : charlas médicas y populares , José Rodríguez Martínez, Litografía e Imprenta Roel, 1919, A Coruña.

[3] La población de Galicia, 1860-1991. José Antonio López Taboada, Fundación Caixa Galicia

 

[4]La lucha antituberculosa en Galicia, Enrique Hervada, Tipografía El Noroeste, 1924, A Coruña.

[5]Evidentemente, a letalidade real da gripe de 1918 sería maior, dado que non se infectou toda a poboación.

[6]1 de outubro (1/10) reducción a dúas horas das clases, que pronto se suspenderán; 2/10, prohibición de entrar con cadáveres na cidade; 4/10, rondas para buscar infectados, e o alcalde decreta medidas hixiénicas (por exemplo, confiscáronse galiñas que se criaban dentro da cidade); 5/10, posto de vixianza sanitaria na estación de trenes; 09/10, cancélanse espectáculos públicos e, con dez enterros ao día en vez dos tres ou catro normais, mándase trasladar os mortos ao trote e sen séquito, o que “hiere vivamente los sentimientos religiosos de la ciudad”, segundo La Voz; 14/10, estado epidémico, suspensión dos actos de difuntos e clausura de locais de espectáculos.

[7]Contra os pesimistas, creo que é un signo esperanzador da marcha da humanidade.

 

Enrique Carballo (A Coruña, 1988) é licenciado en Xornalismo (2012 USC) e Máster en Historia Contemporánea (2018 USC). Actualmente realiza a súa tese sobre a criminalidade, a violencia e as actitudes cara estes fenómenos en Galicia entre 1840 e 1936.
As súas liñas de de investigación son a historia do crime, as dinámicas de conflito social na España contemporánea, e a historia da violencia cotiá e a súa representación cultural