Experiencias de investigación na Swedish University of Agricultural Science.
Bruno Esperante Paramos
Dende setembro ate decembro do ano pasado tiven a sorte de gozar dunha estadía de investigación na SLU, acrónimo en sueco da Sveriges lantbruksuniversitet. Esta é unha universidade especializada no campo da investigación nas ciencias agrícolas dende 1977, cando se fusionaron distintos centros de investigación relacionados coa agricultura, a xestión forestal e a veterinaria no campus de Ultuna, radicado a 20 minutos ao sur da cidade de Uppsala e a onde se tarda o mesmo en chegar tanto en transporte urbano como en bicicleta. Por outra banda, na mesma cidade existe outra universidade máis grande e máis antiga, a Uppsala Unversitet, fundada en 1477.
Por este motivo, nunha cidade como Uppsala do redor de 150.000 habitantes e a 80km da capital de Suecia, Estocolmo; o estudantado universitario ten un peso social moi importante a través das irmandades de estudantes chamadas nations. Historicamente estas eran asociacións que se organizaban segundo a orixe dos estudantes suecos chegados de distintas partes do país. Por este motivo, aínda hoxe as nations levan os nomes de rexión suecas como Norrland, Värmaland ou cidades como Kalmar, Stockholm ou Göteborg. Na actualidade calquera estudante internacional pode ser membro destas organizacións. Nelas, cada nation posúe un local no centro da cidade que funciona como restaurante, pub, club ou sala de concertos exclusivo só para a comunidade universitaria. Máis non só, xa que segundo a nation que elixas podes acceder a distintos clubes de fútbol, hokey, baloncesto ou tamén compañías de teatro, grupos corais ou de música etc. Todo isto, enriquece a vida universitaria nesta pequena-mediana cidade sueca.
Si a Uppsala Univesitet é a universidade principal situada no propio centro da cidade, a SLU sitúase como dixen no campus de Ultuna. O nome da zona conservouse do que tiña unha antiga explotación agrícola que se asentaba nas mesmas dependencias que ocupa agora os distintos centros de investigación e facultades. De feito, algúns edificios como a casa dos estudantes, ou algún comedor universitario aínda se atopan en vellos almacéns reformados da explotación. Non obstante, no campus tamén hai modernos edificios feitos nos últimos anos. Entre eles a facultade onde traballei durante os catro meses da estadía e que se chama en sueco Ulls hus, ou o que é o mesmo en galego, “A casa de Ull”. Polo visto, Ull era un personaxe mítico das sagas nórdicas. A excepción desta referencia, todo o demais na SLU está ligado dunha ou doutra forma á agricultura. Si en Galiza a xente pinta e decora os arados e póñenos diante das súas casas, na SLU colocan arados de madeira e leghoñas nos corredores da facultade.
Máis concretamente desenvolvín as miñas labores no Department of Urban and Rural Development, e dentro del, na Division of Agrarian History. Xunto ao noso grupo, coexistían no departamento os grupos de Environmental Communication, Landscape Architecture e Rural Development. A composición do departamento era claramente interdisciplinaria. Na Division of Agrarian History convivían historiadores, con enxeñeiros agrónomos ou xeógrafos. As liñas de investigación non se concentraban nun periodo histórico concreto. Máis ben e pola contra, os proxectos que se desenvolvían eran de distintas épocas históricas.
Algúns casos son por exemplo a tese defendida no mes de outubro por Karin Hallgren: Vegetable growing in the agricultural systema in 18th century in Sweden. Outros exemplos viñeron da man da investigadora post-doctoral Eva-Lotta Päivö, quen pola súa ascendencia familiar de etnia sami, -o pobo nómade que vive ao norte dos países de Noruega, Suecia, Finlandia e na península de Kola, en Rusia- traballaba sobre: Sami reindeer husbandry and the evolution of early modern common property in northen Scandinavia. Por outra banda, a directora do grupo e quen me supervisou durante a estadía, Carin Martin desenvolvía investigacións acerca do sector lácteo en Suecia no século XX. Outras compañeiras e compañeiros cos que tiven a sorte de coincidir foron Kristofer Jupiter, quen estaba a traballar no seu proxecto de tese acerca das transformacións históricas dos lindes de terras en Suecia e tamén a historiadora en etapa post-doctoral, Johanna Widenberg quen desenvolvía as súa liña de investigación sobre a Historia da gandería e saúde animal na época moderna.
Para completar, tamén tería que nomear ao profesor Mats Morell, do Department of Economic History da Uppsala Universitet, quen me axoudou a acceder aos fondos bibliográficos de dita universidade, así como a Per Thunström, namorado da maquinaria agrícola clásica e que me abriu as portas da biblioteca e do arquivo da Royal Swedish Academy of Agriculture and Forestry, en Estocolmo. Dende logo, todas estas persoas que coñecín, así como outras que non mencionei aquí máis que igualmente contribuíron dalgunha forma aos traballos que realicei, axudaron e moito a gozar desta magnífica oportunidade para desenvolver parte do meu proxecto de tese nun entorno internacional. Máis aínda, é agora ao volver a casa cando moitas das experiencias da estadía permiten obter unha visión, enfoques ou puntos de vista que non poderían ter doutro xeito.