Vigo e Porto, cultura e aeroporto*
Francisco García Quiroga
Ben é sabido que o aeroporto Sá Carneiro da cidade de O Porto se ten configurado como o gran aeródromo da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal. Son máis de 6 millóns de habitantes os que viven neste territorio e a través diso poden darse unhas economías de escala que, o veciño país de Portugal foi quen de aproveitar.
Á vez, a Cámara Municipal de Porto ven apostando nos últimos anos por unha política cultural e creativa que busca apuntalar a cidade como un referente no noroeste ibérico na programación e produción creativa. O impulso de festivais de arte, museos de arte contemporánea, convocatorias de residencias, redes de apoio a espazos independentes,… son moitas as accións que están impulsando co obxectivo de crear todo un ecosistema cultural na cidade do Douro.
E mentres Vigo, que fai? A humanización da cidade faise unicamente pola peonalización das rúas, sen ter en conta como a cidade tamén se fai máis humana pola aposta pola cultura. A preocupante situación do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo, sen unha convocatoria da nova dirección, ou a desaparición do emblemático Festival Alternativo de Artes Escénicas de Vigo son mostras da ausencia dunha política cultural, nunha cidade que debería apostar por ser un referente non só no seu contexto máís inmediato senón en toda unha área como é a Eurorrexión.
Pasado o tempo laiarémonos porque Porto se teña confirmado como a capital cultural do noroeste ibérico, con todo o que iso supón economicamente, e mentres os vigueses e viguesas teranse que desprazar máis de 150 kilómetros para poder ir a un espectáculo alternativo de teatro ou poder participar nas diferentes expresións artísticas contemporáneas.
Aínda estamos a tempo de remedialo, mais cómpre un cambio de rumbo dunha política que dignifique a capacidade de facer cultura e que canto menos, deixe facer.
* Este texto foi publicado como carta ao Director no Faro de Vigo do 4 de marzo de 2017