A primeira grande guerra do século XXI
Pensábase que as guerras do século XXI estaban caracterizadas polo terrorismo, as guerrillas, o uso da tecnoloxía, os servizos de intelixencia e a produción audiovisual. Sen intención de menosprezar as guerras de Afganistán, Iraq, Siria, e outras dúas ducias de conflitos enquistados, unha nova forma de guerra chegou e, nesta ocasión, non podemos ficar indiferentes: a pandemia. A ninguén se lle escapa que esta crise presenta analoxías cunha guerra. Unha guerra que conta coas súas particularidades, mais tamén certos paralelismos con outras contendas.
Nestes días –líquidos, que diría Bauman- son innumerábeis as alusións á peste negra e á chamada gripe española. Incluso houbo quen lembrou os andazos de cólera morbo no século XIX. O caso do Covid- 19 distínguese destas outras epidemias no cariz bélico da súa erradicación. As decisións políticas estruturan o escenario, mais é na cultura, na sociedade, onde se desenvolve o relato. No imaxinario aparece o símil da guerra coma memoria colectiva que explica a excepcionalidade. Un xeito de vivir episodios inéditos, aferrándonos aos recursos que nos ofrecen as experiencias pasadas. Así, nesta pandemia podemos identificar varios elementos dunha guerra: campo de batalla, combatentes, intendencia, retagarda civil. A primeira liña da fronte bélica está nos hospitais, onde o persoal sanitario exerce de exército de contención. Os batallóns sanitarios precisan máis efectivos, chamando a filas aos reservistas, profesionais xubilados que asumen un risco maior pola súa idade. Tamén recrutan xuventude, que se incorpora sen ter rematada a instrución. Estes combatentes contraen a enfermidade pola exposición á elevada carga vírica, obuses do inimigo nas trincheiras. Ben merecen o noso recoñecemento simbólico, mais tamén unha compensación económica e social. Os aplausos da poboación poden evocar aquelas ovacións multitudinarias ao paso dos soldados que marchaban á guerra. A escaseza de equipos de protección individual (EPI) é comparábel coa demanda de armas e municións nas guerras convencionais. De feito, a reorientación de determinados sectores industriais para a fabricación destas EPIS fainos lembrar unha produción de guerra. Por outra banda, asistimos a unha carreira armamentística na procura dunha vacina ou bomba final que extermine ao inimigo.
En canto á poboación civil, vive baixo a ameaza de contaxio/bombardeo, así que debe permanecer nos refuxios dos seus fogares. Neste aspecto, no confinamento, advírtense os trazos xenuínos da época. O illamento vese atenuado polas relacións sociais a distancia. Os vídeos, grupos, muros e blogs, constrúen unha hiperrealidade que funciona coma sucedáneo das relacións comunitarias no territorio. Isto non é un fenómeno novo, mais agora está amplificado. A frustración do encerro, da incomunicación, alíviase mediante a transformación do suxeito en youtuber. A vida en directo, a exhibición total, coma antítese nunha sociedade obrigada a gardar a debida “distancia social”. Aquela “distancia social” que detectara Simmel na cidade moderna, está agora instituída por decreto. A falta de contacto afonda a diferenciación social, o individualismo e o subxectivismo, tendencias de sobra coñecidas no século XX. Agora ben, o confinamento e a doenza en si do Coronavirus agrava a situación dos sectores máis precarios e marxinais. Pensemos por un instante no traballo doméstico, nas discapacidades físicas e intelectuais, enfermidades mentais, prostitución, “sen teito”. Tamén na violencia de xénero. Unha axenda social en suspenso, aprazada sine die mentres dure esta guerra de catastrófico ámbito mundial.
A rapazada está a vivir esta guerra cunha naturalidade asombrosa. Son fillos/as do século. O uso de móbiles e tablets para formarse, divertirse e comunicarse é algo habitual. Non están pechados ao mundo porque o mundo está a un click de distancia. Estes procesos de transformación nas nosas sociedades xa estaban en marcha. Falabamos frecuentemente da nova revolución industrial ou da era dixital. Agora, por mor desta pandemia/guerra, percíbese unha aceleración no ritmo do cambio histórico. Saltamos de súpeto a un baleiro cifrado. Fíxose forzosa a realidade do teletraballo, da educación a distancia, da compra online. A identidade propia está rexistrada na I.P., nos enderezos postal e electrónico, na tarxeta de crédito: qué consulta, qué consume.
Por outra banda, o estado de separación causa angustia, dicía Fromm. Por iso precisamos disolvernos no colectivo. Os cinco minutos de aplausos son unha terapia que nos devolve un sentido de pertenza á comunidade. Unha liberación emocional que funciona coma aqueles cinco minutos de odio de Orwell, mais que, neste caso, son unha oda á empatía. Que pode reportar este illamento do Coronavirus? Maior atomización ou unha arela comunitarista? Cando remate esta guerra, o mundo volverá a súa actividade frenética. Haberá que sortear a crise económica. Quen máis, quen menos, quererá recuperar o tempo perdido ao xeito duns “tolos anos vinte”. Teremos por diante o desafío de organizar novas formas de vivir. Prepararémonos para novas guerras sanitarias. A distancia social deshumaniza, ao que se engade un trauma colectivo difícil de superar. Aínda que, talvez, teñamos a oportunidade de rehabilitar o sector público, de conservar o comercio local, de arranxar e conectar as casas das aldeas. O medio ambiente pode ter unha oportunidade de ouro. Depende de nós tomar as rendas deste cambio, ou ben deixarnos levar polo hedonismo, ou incluso resistir con reaccionaria nostalxia. Caben diversas opcións, pero non se divisa utopía. Que camiño escolleremos?
Por Silvia Rosende.
Silvia Rosende González (Londres, 1978) é Licenciada en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela (2002), ampliou a súa formación cun enfoque interdisciplinario: varios cursos en Socioloxía, Filosofía e Antropoloxía (Máster, 2006) e Historia Contemporánea (Máster, 2009).
Imaxe recollida de https://www.elespanol.com/ciencia/salud/20200328/deberia-final-confinamiento-gradual-mes-tarde-pensamos/477953371_0.html