Rebeldía galega contra a inxustiza. Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo. VVAA, “De Nós”. Monografías Nº1, 2018.

Miguel Cabo Villaverde
 

Sermos ven de inaugurar unha colección de monografías á que cómpre desexar unha andaina lonxeva e máis aínda dado o panorama actual da divulgación histórica en lingua galega. Faino cunha publicación composta de oito ensaios sobre episodios de represión violenta de protestas rurais ou periurbanas no período da Restauración, dende o motín contra os consumos en Salcedo en 1894 ata a matanza de Sobredo en 1922. Vaia por diante que resultará unha lectura entretida e de interese para calquera persoa interesada no noso pasado. Como toda obra colectiva resulta inxusto facer críticas de conxunto posto que cada capítulo merecería un comentario de seu, pero si que hai uns puntos que considero necesario clarificar. Tamén é moi dispar a novidade dos temas tratados, posto que algúns xa son coñecidos de xeito máis ou menos satisfactorio (o de Nebra de 1916 grazas ás iniciativas por mor do centenario, o de Sobredo de 1922 pola súa condición de lugar da memoria da loita antiforal ou o impacto nas artes grazas ó propio Antón Capelán que xa no seu momento publicara un exhaustivo percorrido polas pegadas da represión antilabrega na literatura galega). Outros en cambio aínda non foron obxecto de estudos á altura da súa relevancia (os disturbios de Narón de 1918, a masacre de Sofán de 1919)[1]. Completan o cadro a masacre de Oseira de 1909 pola resistencia popular á remoción do baldaquino da igrexa do mosteiro[2] e unha verdadeira asignatura pendente, esta si, como é o enfoque de xénero na conflitividade labrega da que se ocupa Lucía Veciño.

Unha primeira limitación do monográfico é a ausencia dunha mínima perspectiva comparativa, xa non con Europa senón mesmo no marco español, para poder distinguir que era orixinal e peculiar de Galicia e que era compartido con outros territorios como mínimo da metade Norte peninsular, xa deixando á parte o Sur latifundista. Ó non facerse así, a brutalidade na resposta ante calquera desafío á orde establecida por parte do Estado restauracionista aparece como algo propio da súa relación con Galicia e pode ser atribuído sen máis á vontade de esmagamento do noso feito diferencial. Cando se amplía un pouco a perspectiva e se incorpora á análise o sucedido en zonas sen referentes nacionais alternativos como Logroño (estudado por Carlos Gil Andrés), Castela (Redondo Cardeñoso e Óscar Bascuñán) ou Aragón (Víctor Lucea Ayala) ou obras de conxunto como as de Eduardo González Calleja, o caso galego perde moito desa suposta excepcionalidade. Xa no seu día Rafael Vallejo adicou por exemplo un artigo ós motíns de consumos dos anos noventa en España no que habería que enmarcar os de Salcedo de 1894, porque o esencial nas causas e nas consecuencias foi compartido por todos eles[3].

No volume subxace unha crítica da historiografía académica, supostamente pouco sensible a estes temas e cómplice do esquecemento na memoria popular destes episodios. En certa maneira son argumentos semellantes ós reproches anos atrás sobre o tratamento na mesma da guerra civil e o franquismo. Vaia por diante que calquera crítica debe ser aproveitada no que teña de valor e que é certo que a divulgación non resulta tan valorada e practicada na universidade como debera. Dito isto, en Rebeldía galega bótase de menos o recurso a estudos académicos dispoñibles sobre eses temas, comezando por unha panorámica de longo percorrido publicada hai xa máis de vinte anos que combinaba datos de gran interese con claves interpretativas que seguen sendo válidas[4]. A revolta de Saviñao contra as requisas en 1946 xa foi tratada nun traballo de M.X. Souto que non se cita[5], sobre Carballo (e daquela Sofán) existe unha memoria de licenciatura por desgracia inédita[6] e dende os anos oitenta publicáronse numerosos traballos sobre o agrarismo e cuestións agrarias que tiñan orixe precisamente en teses ou memorias de licenciatura[7]. Sobre o enfoque de xénero, algo se vai avanzando en tempos recentes, con investigacións en marcha e outras xa avanzadas como as de Ana Cabana.

Nalgún caso o descoñecemento do estado da cuestión sobre os temas de que se fala é rechamante, como cando se afirma (páx.75) “Non debemos esquecer que a integración asociativa agraria estaba en mans de sindicatos católicos nos que o seu máximo representante era un cura. Un cura liberal e progresista para a época, como pode ser Basilio Álvarez, mais non deixa de ser un cura”. Nun volume no que se tenta presentar a imaxe dun campo galego en rebeldía constante contra a opresión sorprende unha afirmación tan contradictoria con todo o que se viña afirmando ata ese momento (¿os labregos galegos eran rebeldes pero logo asociábanse maioritariamente da man dos curas?) pero que aínda por riba é totalmente falsa. En primeiro lugar o societarismo agrario confesional nunca foi maioritario en Galicia, no seu mellor momento (1920-21) abranguía aproximadamente un terzo das sociedades agrarias existentes, para logo entrar nun devalo acentuado durante a Ditadura de Primo e finalmente a reactivación no clima de polarización política da II República só logrou sacalo da parálise nas provincias de Lugo e A Coruña. Calquera persoa interesada no tema pode comprobalo na monografía de Alberte Martínez[8]. En segundo lugar, nun paradoxo fascinante, a organización que agrupou á meirande parte das sociedades non confesionais (as mal chamadas neutras), a Confederación Regional de Agricultores Gallegos de principios dos anos vinte, era dirixida por un cura, ese Basilio Álvarez que dende a época de Acción Gallega (1912) se movía fóra do control da xerarquía eclesiástica. Tanto é así que noutro capítulo deste mesmo volume Xosé Ramón Ermida lembra que o bispo Ilundáin que desencadeou o conflito de Oseira foi o mesmo que logo promovería a suspensión a divinis do abade de Beiro. Precisamente unha das poucas achegas á cuestión da muller no movemento agrarista é un traballo no que se analiza a promoción no xornal basilista La Zarpa dunha nova imaxe moderna da muller rural como protagonista en primeira liña das actividades agraristas[9].

O monográfico presenta diversos episodios de represión violenta e deixa no lector unha impresión implícita: a opresión dos labregos e as inxustizas intrínsecas ó sistema restauracionista levaban a estoupidos a intervalos regulares cando a xente xa non aturaba máis. A realidade sempre é máis complexa, pero para ir máis alá requírense unhas ferramentas conceptuais ofrecidas por exemplo pola socioloxía dos movementos sociais e a acción colectiva que aquí brillan pola súa ausencia, agás a cita das armas do feble de James C. Scott por Eliseo Fernández (páx.27). Sen elas nin sequera é posible facerse as preguntas axeitadas: ¿Por qué se a opresión era unha constante se producían resistencias abertas nuns momentos dados e noutros non? ¿e por que nunhas bisbarras si e noutras non? ¿Por que nuns casos as autoridades recorren á represión violenta e noutros negocian? ¿A involucración de sociedades agrarias diminuía ou aumentaba a probabilidade dun desenlace violento das protestas? Subxace a idea de que a acción colectiva era a resposta automática ante a opresión e a pobreza, cando a realidade era moito máis complicada. Por exemplo a conxuntura da Gran Guerra provocou efectivamente unha  carestía dos productos da terra que extendeu o malestar que prendeu a chispa dos motíns de Ferrolterra, pero tamén permitíu a moitos labregos acadar ingresos extraordinarios que logo se empregaron nas redencións forais masivas de principios dos anos vinte. Superación do sistema foral na práctica previa ó decreto de 1926 e que se levou a cabo por certo mediante acordos de redención ben individuais ben negociados polas sociedades agrarias que retoricamente defendían a abolición pero na práctica remataban por usala como espantallo para acadar redencións en termos vantaxosos para os foreiros[10].

Un aspecto no que o enfoque desta obra constitúe unha regresión clara é precisamente no tratamento do movemento agrarista, posto que como se facía ata os anos noventa do século XX (cunha visión por certo que no seu día tamén espallaban interesadamente por outros motivos os seus detractores dende os grupos de poder dinásticos) volve identificarse exclusivamente coas protestas, as manifestacións e a “rebeldía” tal como se concibe aquí. O movemento agrarista era iso, pero era moitas máis cousas e moito máis relevantes e se queremos máis “rebeldes” e efectivas que as anteriores, por moi espectaculares que fosen. O agrarismo de todos os días era mercar unha malladora e alugala a ducias de socios rotatoriamente, crear unha escola onde se carecía dela, organizar unha cooperativa de consumo, artellar unha mutua de gando, crear unha parada ou negociar con eficacia coa arma dos votos cos representantes políticos. Aí radicaba a súa trascendencia e o seu maior atractivo para os socios e as súas preocupacións prácticas. A violencia estivo presente na traxectoria do movemento agrarista pero moito máis en forma de armas dos febles contra rendistas ou autoridades ou de presión grupal contra os free-riders reticentes a asociarse que na dos choques violentos, que se chaman a nosa atención é precisamente polo seu carácter excepcional. De feito, por provocativa que resulte esta tese, o sorprendente é que un proceso de tales dimensións de cambio económico, de transferencia masiva da propiedade da terra, de incorporación do campesiñado á vida política activa e un longo etc. como se produciu na Galicia do primeiro terzo do século XX fose acompañado de doses de violencia relativamente baixas nun marco comparativo español ou europeo (por exemplo as loitas campesiñas en Italia ou a revolta campesiña rumana de 1907 que rematou con 11.000 mortos).  

Sen o movemento agrarista e a súa multiplicidade de esferas de actuación non se entenderían os cambios profundos na Galicia anterior á guerra civil, que permiten ademais combatir con argumentos históricos a extendida crenza popular no atraso galego, que tería mudado supostamente só a partir dos anos sesenta. Esa tese do atraso resucita en varias ocasións neste monográfico, como cando se afirma (páx. 74) que o conflito do Saviñao de 1946 contra as requisas “malia que tivo lugar a mediados do século XX, podería encadrarse no contexto político e social do Antigo Réxime ou da Galiza decimonónica”. En realidade o contexto era unha economía intervencionista na que o Estado franquista tentaba controlar tanto a producción como a distribución da producción agraria, unha ambición totalitaria que estaba non só fóra do alcance material senón dos propios marcos mentais dun Estado de Antigo Réxime ou liberal decimonónico. Algúns trazos externos da acción poden lembrar outras similares do pasado, pero o contexto e as motivacións eran radicalmente novos e de feito a opción por unha forma primitiva de protesta debíase á desarticulación previa do entramado asociativo que se desenvolvera baixo os rexímenes anteriores. A economía intervida do primeiro franquismo, que por certo está aínda por estudar en Galicia, era algo radicalmente novidoso que rachaba con calquera actuación pública de épocas anteriores e dende logo coa economía moral dos labregos, de aí a resistencia.

Son temas complexos que requiren novas fontes e enfoques. No primeiro aspecto o groso do monográfico baséase en informacións de prensa, que é unha fonte moi útil pero insuficiente, e hai pouca presencia de fontes arquivísticas (municipais, Arquivo do Reino, arquivos xudiciais…) e só referencias non sistemáticas á fonte oral. Entre as fontes novidosas cómpre suliñar unha memoria escrita por encargo da Sociedade de agricultores de Salcedo (páx.11) sobre a súa historia ou o manuscrito inédito dun monaguillo de Sofán (páx.51).

A comunicación entre a historiografía académica e extraacadémica sempre é complicada e ambas partes deben colaborar para que a divulgación sexa eficaz e contribuír a un coñecemento o máis amplo posible por parte do público en xeral do seu pasado, posto que a memoria histórica non debe restrinxirse como decote se fai ós temas relacionados coa guerra civil. Neste caso creo, sen embargo, que non se fixo xustiza ós aportes dende a Universidade precisamente nun eido de estudo que a partir da escola organizada ó redor do maxisterio de Ramón Villares ten sido o eixo fundamental da historiografía contemporaneísta galega nos últimos trinta anos.
 

Citas

[1] Capelán, Antón: Luis Seoane en Compostela e outros ensaios, Bertamiráns, Laoivento, 2010, en concreto pp.69-146. Os outros autores do monográfico son Xosé Álvarez Castro, Xosé R. Hermida, Eliseo Fernández, Francisco Rodríguez, Xan Fraga, Xosé Manuel Suárez e Lucía Veciño.

[2] Casualmente teño xunto con José Ramón Rodríguez Lago no prelo un artigo sobre este episodio, o máis grave en termos de vidas humanas.

[3] Vallejo Pousada, R.: “Pervivencia de las formas tradicionales de protesta”, Historia Social 8 (1990), pp.3-28.

[4] Henrique Hervés, Ángel Fernández, Lourenzo Fernández, Aurora Artiaga e Xesús L. Balboa: “Resistencia y organización. La conflictividad rural en Galicia desde la crisis del Antiguo Régimen al franquismo”, Noticiario de Historia Agraria 13 (1997), pp.165-192.

[5] Souto Blanco, M.X.: “Una ‘revuelta de hambre’ en la Galicia del primer franquismo”, Pasado y Memoria, 2 (2003), pp.241-254 .

[6] Riesgo Rama, Silvia: Transformaciones en la estructura y funcionamiento de una sociedad rural : Carballo, 1880-1936, USC, 1997.

[7] Entre outros Liñares Giraut, A.: O Val de Barcala (1900-1936), Santiago: Feiraco, 1986, Rosende Fernández, A.M.: O agrarismo na comarcad do Ortegal, 1893-1936, Sada. Ed. Do Castro, 1988, Fernández Prieto, L.: Labregos con ciencia, Vigo: Xerais, 1992 ou Domínguez Almansa, A.: A formación da sociedade civil na Galicia rural. Asociacionismo agrario e poder local en Teo (1890-1940), Concello de Teo, 1997.

[8] Martínez López, A.: O cooperativismo católico no proceso de modernización da agricultura galega, 1900-1943, Vigo: Deputación Provincial de Pontevedra, 1989.

[9] Benso Calvo, M.C. e Nogueira Blanco, P.; “La mujer y la prensa agraria en Galicia: Análisis de La Zarpa. El diario de los agrarios gallegos”, en Mujer y educación en España, 1868-1975, 1990, pp.75-96.

[10] Proceso cuantificado e analizado convincentemente por Hervés Sayar, H.: ”A propósito del conflicto antiforal en la Galicia del primer tercio del siglo XX”Áreas, 15, 1993.