Por que a medida que se acelera o progreso tecnolóxico vivimos peor?

Bruno Esperante Paramos

Investigador Grupo HISTAGRA
 

Ao redor desta cuestión tan suxestiva vertébrase o libro do último convidado aos seminarios de HISTAGRA. O economista e profesor da Universidade de León, Alfredo Macías Vázquez,autor do libro“El Colapso del Capitalismo Tecnológico”, editado por Escolar y Mayo no ano 2017.

Alfredo Macías veunos falar sobre a posibilidade de ir máis alá das concepcións ontolóxicas do campesiñado. Que se entende por isto? Segundo Macías, as concepcións ontolóxicas son aquelas que consideran ao campesiñadounha mera clase ou categoría social estanca e determinada por unha concepción ilusoria de que o capital (o valor) é unha exterioridade parasitaria e non unha relación social dinámica. Con esta premisa actúan as propostas analíticas do traballo cognitivo en autores como Negri, Hardt ou Lazzaratto. Tamén están presentes nas análises do traballo doméstico en Federici, ou ben na do proletariado industrial dende a socialdemocracia, ou nas análises das comunidades indíxenas dende as teorías de-colonias e, xa por último, nas concepcións ontolóxicas do campesiñado en autores clásicos como Shanin. En todos estes casos concíbese as clases sociais en termos economicistas segundo a súa predeterminada posición no proceso produtivo.

A crítica principal a estas propostas viría  baseada na diagnose dunha mala interpretaciónproduto de formulacións teóricas  imbuídas pola hexemonía do que chama “canon socialdemócrata”. Isto é, a  concepción de que as clases sociais están dalgunha forma pre-constituídas e  pugnan por tanto pola distribución do valor (o capital), e non tanto por cuestionar a propia categoría de valor. Interpretacións do campesiñado como as de Shanin serían por tanto interpretacións e análises fenomenolóxicos e non categorías, en tanto en canto non entran a cuestionar a propia existencia do valor como categoría.

Por que ocorre isto? Segundo Macías existe unha profunda incomprensión sobre o funcionamento do capitalismo como unha contradición en proceso, baseada no valor como realidade social abstracta, automática e impersoal.

Non é por tanto unha categoría exterior que explota ás clases sociais e pode ser dominada ou anulada facilmente. O capital é unha relación social abstracta difícil de identificar, impersoal, que non sempre se personifica nun grupo social concreto e menos, nunha clase social entendida de forma estanca. De feito, ponse a Revolución Soviética de 1917 como exemplo das dramáticas implicacións da incapacidade por superar a categoría do valor. Os bolcheviques creron arranxar as contradicións do capital cunha reforma do réxime de propiedade. A consecuencia foi a transformación das formas do valor, non a súa destrución. Como resultado, o Comité Central do Partido Bolchevique de Rusia acabaría co tempo converténdose no maior posuidor de capital na Unión Soviética.

É aquí un exemplo da capacidade do valor como categoría abstracta de transformarse a través da súa capacidade impersoal.

En conclusión, a proposta de Macías é un  chamamento a cuestionar a categoría do valor en todo o seu sentido abstracto  e absoluto. Non facelo supuxo consecuencias fatídicas para a Unión Soviética.  No seu libro trata tamén algunhas outras graves consecuencias socio-económicas  de non facelo no futuro. En concreto, sinálase que  dende o fin doFordismona década dos  setenta o capitalismo é incapaz de manter o proceso de acumulación real de  valor. Dende entón aceleráronse cada vez máis os cambios tecnolóxicos e aumentou sen precedentes a masa de valor ficticio. Isto é, o capital financeiro altamente volátil e agresivo socialmente. As consecuencias deste proceso serán socialmente devastadoras. En particular,millóns de traballadores volveranse a un ritmo acelerado superfluos para o sistema. Velaí o cóctel explosivo. Velaí a resposta á pregunta.

PD: Alfredo Macías volverá o día 11 de xaneiro do 2019 a impartir unha segunda parte do seu seminario. Esperámosvos.