CICLO DE CONFERENCIAS. PASADOS INCÓMODOS. EMILIO MAJUELO (UPNA): “Relatos en conflito sobre o posfranquismo. Unha memoria sen Historia”
Conchi López Sánchez
Investigadora da USC
Grupo HISTAGRA
O profesor da Universidade Pública de Navarra, Emilio Majuelo, foi un dos últimos convidados polo grupo no marco do ciclo de conferencias sobre pasados incómodos iniciado no 2014. O suxerinte título co que presentaba a súa intervención, “Relatos en conflito sobre o posfranquismo. Unha memoria sen Historia”, xunto coa súa bagaxe profesional explican a gran acollida que tivo na nosa facultade. Como doutor en Historia Contemporánea, as súas investigacións céntranse nese marco cronolóxico na senda da Historia Social e Política. De forma concreta, os seus estudos versan sobre os movementos sociais, a violencia da guerra civil e a historiografía vasca moderna. Na actualidade dirixe o proxecto “Fondo Documental de la Memoria Histórica de la represión en Navarra durante la guerra civil y el franquismo 1936-1975”.
Falar de posfranquismo implica mencionar a chamada Transición e así fixo o profesor Majuelo. Dúas son as posicións no debate académico e social en torno a esta etapa política do noso país. Por un lado, a concepción modélica que a entende como o gran logro político que permitiu a instauración da democracia; por outro, o cuestionable significado outorgado e a crítica ao seu proceso de instauración e desenvolvemento. Ao mergullarse neste debate podemos observar como, segundo o profesor, defender a Transición significa defender, tamén, a Constitución actual. Se seguimos este fío argumental, esa defensa deriva cara unha crítica da II República e, polo tanto da Constitución de 1931.
O profesor Majuelo señala como distintos erros e ausencias dese proceso de transición reverteron de forma directa nun actual estudo do 36 problemático. A pouca precisión cronolóxica, certa descontextualización, a falta de fondos e algúns problemas conceptuais e taxonómicos derivan, en gran medida dunha idealización da Transición e da actual Constitución de 1978. Esta visión ofrece unha distorsión das clases sociais, da cidadanía e dos movementos sociais. Polo tanto, denota unha ausente Historia social da “represión” na que o suxeito histórico estaría desvirtuado e as vítimas colaterais serían inexistentes. Ante este panorama o profesor Majuelo critica as tradicionais etiquetas dos actores sociais outorgadas segundo criterios exclusivos de índole política.
No debate posterior, o público asistente interveu facendo referencias a diversas cuestións, todas interesantes e complementarias ás de Emilio. A primeira estivo relacionada coa cuestión dos movementos sociais, ata que punto se poderían desligar os da década dos sesenta cos da década dos oitenta sen reformular a cronoloxía da Transición. Outra idea introducida pola audiencia apelou á construción do suxeito hitórico que englobaría a categoría de vítima por oposición a vitimario. Isto implica a necesidade de introducir nas investigacións académicas e tamén de difundir no debate público e aberto os actores que instauran a violencia do 36, non só aqueles que a sufriron. Ao respecto, o profesor Majuelo deu un apunte esencial para a tarefa do investigador, non empregar como ferramentas analíticas a ética e a moral. El cre necesario desligar a historia política da ideoloxía para escribir algo totalmente diferente sobre o noso pasado. Tamén a cuestión do “medo” saltou no debate como un elemento clave nas herdanzas políticas do 36 que chegan á Transición. Pero, tal e como sinalou o noso convidado, debemos ter en conta que é un elemento que se filtra de xeración en xeración, polo tanto está suxeito a diferentes interpretacións e concepcións.
Semella que no seminario as cuestións “máis relevantes” para o estudo do pasado de España pivotaron entre dúas décadas, a dos trinta e a dos setenta. Non obstante, é preciso matizar que unha amplitude de miras sería moi interesante. As décadas intermedias como os cincuenta e os sesenta son tamén claves para afondar na construción do noso pasado máis recente. Por iso sería revelador que os estudos vaian máis aló da historia política e se establezan pontes cronolóxicas e multidisciplinarias.