“Historia e memoria”: unha ollada á Praza de Abastos de Santiago vinte anos despois.
Miguel Rodriguez Martinez
Estudante de mestrado. USC
“Aquel espazo reservado para realizar transaccións de produtos de primeira necesidade”. Esta é a idea que nos vén á cabeza cando pensamos nun mercado, un aforo público que tende ao reducionismo terminolóxico no imaxinario popular. Se seguimos adentrándonos nos diferentes procesos e actividades que nel se realizan, comprendemos que estamos ante un auténtico ecosistema onde as variables en canto a protagonistas, labores e funcións plantexan unha complexidade notoria. Nesta ocasión quixemos botar unha ollada a través dunha perspectiva metodolóxica comparada a dous mundos tan próximos coma distantes: a Praza no ano 1999 e na actualidade. Para isto o profesor Lourenzo Fernández Prieto, catedrático da USC xa por entón, cedeu un total de 20 entrevistas datadas de Xaneiro de 1999 que foron realizadas polos alumnos da materia de Sociedades Rurais Contemporáneas da licenciatura de Historia. Estas versaban sobre unha amalgama de propostas vencelladas ás diferentes variables da vida dun vendedor ou vendedora da Praza -tipo de posto, variedade do produto, importancia da actividade na renda familiar, orixe…-, e servirán de punto de partida para comprender as diferentes perspectivas que ocupan un espazo multifuncional.
Nestas recompilacións informativas sobre mulleres da Praza hai unha serie de aspectos en común dos que partir para unha maior comprensión. Das oitenta e catro personas entrevistadas, só habería unha referencia a un home como vendedor, o cal figura xunto ca súa esposa. En canto á idade desta práctica maioría feminina, as baralladas pola entrevista adoitan ser avanzadas, onde nas procedencias das mesmas dominaba a periferia compostelá -Teo, Touro, Ordes, Curtis, Negreira, etc-; así coma outras máis residuais de maior distancia máis senlleiras -Arzúa, Vilagarcía e Vilalba- e, por suposto, orixinais do propio Concello de Santiago. Os produtos máis referenciados foron o queixo, insistindo no problema da persecución dos etiquetados que non permiten vender dacotío os queixos caseiros coma anteriormente; animais vivos, facendo referencia tamén á pérdida que se está a dar desta costume e, por último, os produtos hortícolas e luguminosas.
Outros aspectos comúns destas entrevistas servirannos para comprender, ao final, un dos obxectivos deste artículo: abarcar a importancia da interpretación das fontes na disciplina histórica, neste caso as orais. O primeiro é comprender o mercado como espazo tanto social coma económico xa que namentres os entrevistados respondían ás preguntas, engadían contidos como as relacións que teñen as vendedoras entre elas, inclusive aquelas xa xubiladas que asistían igualmente non tanto a vender como a seguir pertencendo ao colectivo da Praza. Ao mesmo tempo, disociar da información sobre o entrevistado e a contribución do entrevistador, que pode dar lugar a equívocos se non é empregada con cautela. Outro aspecto en común relacionado con isto é que varias continúan no mercado por non haber cotizado os anos pasados, emporiso a necesidade de obter cartos ante a negativa da xubilación. Por último, e talvez o máis importante para comprender o estudo das fontes orais, o recelo e prexuízo a ser entrevistadas.
Esta última cuestión aparecía con tanta frecuencia que nos invitou a reflexionar sobre a mesma: están caendo os entrevistadores, neste caso alumnos de Historia, no tópico do ‘galego desconfiado’? Acaso existía unha desconfianza por ser axentes externos á Praza, ou habería algo máis? Para ampliar o conxtexto, optamos por revisar todas as novas de La Voz de Galicia entre o 1 de xaneiro de 1998 e o 31 de decembro de 1999. Velaí estaba a resposta: un total de 25 noticias nas que a Praza era mencionada -incluindo anuncios, artigos de opinión e circulares do Concello- nas que se comprendía o Mercado de Abastos coma un dos espacios multidisciplinarios da cidade compostelá, a cal estaba sufrindo un cambio. Iso que dende a prensa se denominou “privatización da Praza” ou “novo sistema de xestión” atentaría contra a solvencia das mulleres vendedoras do mercado, que ao seren preguntadas polos pagamentos moitas non contestaban ou asentían non pagar porque non llo demandaban. Tamén aparece a Praza como un espazo politizado, onde as diferentes forzas políticas optaron por recoñecer este espazo como un elemento importante do imaxinario compostelá. Moi ligado ao plantel político e á medida de suposta privatización -que non deixou de ser a asignación da administración da Praza aos propios membros da mesma pese aos eufemismos que se tentaron utilizar para a súa reactivación- aparecen novas vencelladas á normativa de tráfico no Casco Histórico; e por outra banda á denuncia dos carniceiros das matanzas clandestinas. Non estaría máis que xustificada a actitude de desconfianza nun momento de incertidumbre? Velaí a importancia da interpretación das fontes orais acorde ao contexto vivido, pois vemos que no que podería parecer un aspecto ten un significado e un significante senlleiros.
Continuando o fío argumentativo, faremos unha breve comparativa entre aquela Praza e a actual. Trala seleción dunha serie de aspectos comúns entre as entrevistas do ano 99’ e as realizadas para o ano 2019 -un total de 10- para poder formalizar unha comparación o máis clara posíbel. Eiquí atopamos semellanzas e diferencias, mais comezaremos polas primeiras. Unha cuestión moi significativa é a do medio de tranposrte empregado: segue dominando o transporte público -ou Omnibus coma solían dicir nas entrevistas do 99’- no que vemos hoxe en día un elemento sospeitoso: as rutas das principais liñas levan a destinos que, a priori, un pensaría pouco demandados. Até que punto as liñas seguen conservando a traxectoria tradicional das periferias que aterrizaban na Praza? Do Ensanche á Sionlla, de Vite á Rocha… reminiscencias moi presentes. A aportación simbólica da subvención tampouco variaría, xa que tanto nas entrevistas coma na actualidade a negativa é a resposta común inflexible. En canto aos aspectos cambiantes o dominante é, sen lugar a dúbida, a asiduidade: das asistencias alternas dominando martes, xoves e sábado á regularidade diaria -excepto os domingos- de hoxe en día. Igualmente, os produtos en moitos casos pasaron da orixe na horticultura do espazo doméstico ao maiorista, limitando a independencia dos vendedores e normalizando o sector comercial.
Para finalizar, deixamos unha táboa comparativa segundo os prezos recollidos nas entrevistas e os actuais dunha serie de produtos selecionados, así coma o custo da renta de cada un dos postos en función do seu tamaño e localización -táboa 1-. En canto á última cuestión, na entrevista as cifras varían moito entre elas: dende as 10.000 pesetas mensuais á “cantidade simbólica” que outras sinalan fronte os prezos actuais, que rondan entre 105 e 125€ según os entrevistados. O prezo da cesta da compra tamén aumenta sustancialmente se o comparamos co nivel salarial galego de ambos anos, e os produtos non quedan atrás nun cambio sustancial da peseta e o euro.
Chegamos a unha serie de conclusións. Primeiramente a importancia do tratamento das fontes orais a partir destas entrevistas como unha posibilidade que abre novos camiños e perspectivas, xa que lle estamos dando a voz aos propios protagonistas. Moi vencellado a esta atopamos a seguinte reflexión, por moi baladí que pareza: os entrevistados,testemuñas e vivintes do seu contexto, non teñen que dicir necesariamente a verdade. De aí a importancia de complementar as fontes orais con outros medios coma a prensa neste caso, xa que a labor do historiador é a de facerlle preguntas á fonte da que sairán unhas ou outras respostas. E se tras todo isto aínda non logras ver á Praza coma un auténtico motor compostelá, citaremos ao ex-presidente do Fondo Monetario Internacional: “es el mercado, amigo”. Vemos como todo o que estaba por vir formaba parte das sospeitas dunha comunidade que permanecera durante moitos anos desamparados ante o abandono do Concello que, no momento de asignarlles as tarefas de regulación, lograron reactivar un foco tan importante como a Praza de Abastos da cidade de Compostela.