Circulación de saberes e prácticas: ditadura e investigación científica en España

Bruno Esperante Paramos.

Grupo HISTAGRA


No seminario de HISTAGRA celebrado no pasado 15 de febreiro visitáronnos o doutor Lino Campubrí, contratado Ramón y Cajal na Universidad de Sevilla, xunto coa doutora María Jesús Santesmases, investigadora no Centro de Ciencias Humanas y Sociales do CSIC.

Foron dúas intervencións seguidassobre ciencia e investigación baixo o franquismo. O debate de fondo das súas presentacións xirou ao redor dunha polémica actual no seo da historiografía sobre a Ditadura de Franco. Foi un completo ermo científico? Tiveron éxito ou fracasaron as políticas de ciencia e innovación? Pódese falar de apagón tecnolóxico xeneralizado? Cando? Que ciencia se desenvolveu e cal non? Por que?

Comezou o seminario Lino Campubrí cunha presentación do seu libro:

Los Ingenieros de Franco. Ciencia, catolicismo y Guerra Fría en el Estado franquista. Crítica, Barcelona, 2017. Campubrí centrou a súa presentación ao redor dun paradoxo: Si dende a Historia Económica, véxase as aportacións canónicas de Carlos Barciela que ten interpretado o franquismo como un ermo científico, ou un fracaso económico no seu primeiro período 1939-1959; como é posible unha explicación do desenvolvemento económico franquista posterior? Loxicamente sinalouseque as condicións económicas internacionais de finas dos anos cincuenta eran tan favorables á circulación de capitais que, con só a apertura económica da Ditadura co Plan de Estabilización, posibilitouse un desenvolvemento posterior. Porén, interpretou Campubrí, esta explicación non foi suficiente dado que non explica varias cuestións. Por exemplo,óbviase demasiado a miúdo os cambios e transferencias tecnolóxicas e de coñecemento producidos durante a década dos cincuenta. Ademais,o crecemento non puido ser explosivo na década dos sesenta nin a pesar do franquismo. Neste sentido indicouse que habendo innovación e cambios tecnolóxicos de consideración nos anos sesenta, esta tivo que contar pola propia dinámica da innovación, con plans de adaptación e pequenas melloras que si posibilitaron un triunfo consciente e buscado nalgúns campos tecnolóxicos concretos.

Nesta liña de melloras tecnolóxicas concretas foi a segunda presentación de María Jesús Santesmases. No seu caso comezouse por falar do compoñente ideolóxico do primeiro franquismo e o seu impacto simbólico e práctico na ciencia e investigación en España. Sinalouse o importante papel da Igrexa católica á hora de definir as principais liñas de investigación do CSIC fundado en 1939 e que tivo como obxectivo crear unha alternativa ás liñas de investigación desenvoltas anteriormente pola JAE (Junta de Ampliación de Estudios). Para entender aqueles cambios falouse dalabor de varios personaxes importantes do réxime na condución e definición da ciencia no primeiro franquismo. Véxanse os casos de José María Albareda ou José Ibañez Martín. Non obstante, sinalaba Santesmases, os obxectivos concretos da Ditadura víronse paralizados e extremadamente influenciados tanto pola débil situación política da Ditadura entre 1940 e 1950 como, en contraposición, pola forte posición política, tecnolóxica e militar dos Estados Unidos no contexto da consolidación da Guerra Fría entre 1945 e 1950.

Pódese dicir que ambas presentacións enroláronse no debate ao redor da crítica á totalidade do relato dominante sobre a ciencia e investigación baixo o franquismo. Algunhas cuestións concretas finais fixeron referencia ao grado de nacional-catolicismo herdado nas institucións científicas do Estado. Outras, sobre canto hai de autoritarismo e franquismo na tecnocracia española actual. En calquera caso, todas estas cuestións consideráronse dunha clara importancia e atractivo na actualidade, dada a orientación das críticas cruzadas. Entre elas,sobre se sigue tendo sentido unha crítica completa en termos de atraso, retraso, apagón ou fracaso científico do franquismo ou ben, si é necesario un relato que volva a avaliar en termos positivos(?) a ciencia nese período. O debate, por último, tivo unhas innegables implicacións políticas e ideolóxicas que conectan coa actualidade. Por unha parte por unha cuestión de crítica de relatos con cargas xeracionais importantes e, por outra parte, pola situación política e o interese anovado sobre as percepcións do franquismo na sociedade española actual.