Ciclo Pasados Incómodos con Sophie Baby: “En torno ao libro «El mito de la Transición pacífica. Violencia política en España (1975 – 1982)»”
Aldara Cidrás
Grupo HISTAGRA
A excepción da de ETA, na Transición española non houbo violencia. A Transición foi un éxito porque foi pacífica.
Esta afirmación categórica, a día de hoxe, choca e ata resulta incómoda para moitas persoas. Pero hai case dúas décadas, no ano 2000, o contexto era ben distinto e esta máxima era aceptada por gran parte da poboación. O curioso é que aceptaban este discurso da Transición “pacífica” e “modélica” mesmo sabendo que non era verídico porque viviran en primeira persoa a conflitividade dos seus anos, amosando que o pacto do esquecemento ía máis alá do golpe, guerra e ditadura.
Ao albor do cambio de milenio comezaba a investigación para a súa tese doutoral a actual profesora da Université de BourgogneSophieBaby, quen foi a poñente do último seminario de Histagra o pasado xoves 13 de marzo e veu presentar El mito de la Transición pacífica. Violencia política en España (1975 – 1982) (Akal, 2018), ensaio que chega editado en castelán despois da súa publicación orixinal en francés no 2012 e que recolle os resultados de devandita tese doutoral.Mais, cal era a realidade do Estado español no momento no que Baby comezaba a súa investigación?No ano 2000, gobernaba con maioría absoluta o Partido Popular de Aznar á vez que comezaba o auxe do movemento pola recuperación da memoria histórica impulsado pola primeira exhumación pública no Bierzo dunha vítima do golpe de 1936, Emilio Silva (as privadas, como sabemos, sucedéronse xa dende a ditadura). Noutras palabras, a de SophieBaby foi unha investigación que se desenvolveu antes da Lei de Memoria Histórica, da querela arxentina contra o franquismo e da disolución de ETA. Facendo énfase en todo isto, a autora recordábanos o importante que é o contexto histórico nunha investigación; non só en relación ao obxecto de estudo, senón tamén no que se refire á investigadora ou investigador e ao mundo que lle rodea.
O interese inicial da profesora Baby no momento de comezar a investigación xiraba en torno á violencia e en como sae un país dunha ditadura. Fronte aquel relato hexemónico da Transición pacífica (do que ela, ao ser francesa, en realidade nunca fora herdeira), quería cambiar o modelo epistemolóxico do estudo deste proceso enfocándoo dende a perspectiva do conflito. Buscaba, entón, interpretar a violencia que tivo lugar neses anos, mais a falta de calquera tipo de estatísticas sobre o tema obrigouna a contabilizar dita violencia. Ademais, reflexionaba ela, non había nin hai nada mellor que a forza dos números para contrarrestar o relato dominante.
Polo tanto, a violencia política durante os anos da Transición é o obxecto de estudo e eixo vertebrador de El mito de la Transición pacífica. Unha violencia política que é integrada na análise fose quen fose o seu axente executor: tanto a instigada polo Estado como aquela provocada por grupos contestatarios ao novo réxime que se estaba a fraguar. Resultan interesantes tamén as reflexións da propia autora en torno á definición de violencia política, en tanto que as consecuencias desta van máis alá da morte. Por iso, como detrás de cada cifra hai un traballo de interpretación da mesma, inclúe a SophieBaby no libro un amplo capítulo dedicado en profundidade á metodoloxía da investigación e á teoría das tipoloxías que manexa na súa investigación, facendo a obra atractiva incluso para persoas cuxo interese non estea exclusivamente centrado na época da Transición.
En relación á análise sobre a violencia política en España entre 1975 e 1982, outra das ideas fundamentais do libro é a de “mito” (termo que non estaba incluído no título da tese doutoral da investigadora, mais si que aparece xa na publicación en francés no 2012). Con “mito” non se refire a profesora Baby a unha mentira ou manipulación, en tanto que ela non busca facer valoracións políticas da Transición; refírese pola contra a un relato interpretativo dun período histórico que se convirte en hexemónico. Ou dito doutro xeito, para ela, un mito é un metarrelato compartido pola sociedade que inclúe elementos identitarios da mesma e que ademais se vai actualizando segundo as necesidades do presente. Así, o discurso dominante da Transición como pacífica e modélica trátase do mito fundacional da democracia española após 1978.
El mito de la Transición pacífica. Violencia política en España (1975 – 1982)recolle unhas conclusións en moitos aspectos polémicas. A propia autora comentaba á saída do seminario que, a diferenza da recepción do ensaio en Francia, onde pasou a formar parte directamente do corpus académico de obras de referencia sobre a Transición española pero non chegou a penetrar noutras esferas, no Estado español o libro está tendo unha notable incidencia na sociedade (feito do que dan mostra as múltiples presentacións da obra e entrevistas en xornais que está realizandoSophieBabynos últimos meses con motivo da edición de El mito de la Transición pacíficaen castelán). Incidencia nunha sociedade que se sinte directamente interpelada e que se incorpora no debate dende un amplo espectro de posturas, ás veces incluso máis persoais que académicas. E é que o tema da Transición segue estando moi presente na actualidade, como puidemos ver hai pouco coa celebración do 40º aniversario da Constitución do 78: fronte ás voces críticas co relato da Transición modélica, xorden outras aínda máis fortes que o defenden. Porque a forza hexemónica dese discurso, aínda que cuestionada, aínda non desapareceu. É por ese motivo polo que seguimos precisando investigacións que, ao igual que a da profesora Baby, centren o seu foco de estudo neste período para continuar dando respostas a corenta anos de preguntas.