“Au bon beurre” ou a prosaica epopeia do mercado negro

Au bon beurre é na novela do mesmo título publicada en 1952 polo prolífico escritor Jean Dutourd (1920-2011) o reino do matrimonio Poissonard, en concreto un ultramarinos de barrio no distrito XVII de París. A parella que o rexenta vai sacar partido das circunstancias extraordinarias da Ocupación para acadar unha prosperidade nunca soñada a base de traficar no mercado negro e aproveitarse das necesidades dos seus veciños. A mentalidade miserenta dos Poissonard é descrita polo miúdo, patente nas súas accións (denuncian ó fillo dunha clienta que se fuga dun campo de prisioneiros en Alemaña e logra regresar ó barrio, explotan a unha rapaza que contratan como empregada) e nas xustificacións que elaboran para tranquilizar a súa conciencia (se non o fan eles faríano outros, os alimentos que venden ilegalmente polo menos non irán parar ós alemáns…). Os riscos non son desdeñables, a actividade febril, o home percorre Normandía e Bretaña coa súa furgoneta mercando carne e queixos que vender fóra das cartillas, pero a recompensa está á altura e os Poissonard van acumulando riquezas.

 

As prosaicas peripecias dos tendeiros ás veces son descritas nun ton cómico, como cando a segunda dependenta que contratan, unha vez a primeira non atura máis os seus abusos, remata por chantaxealos tras descubrir os seus negocios fóra da lei. O mesmo efecto causa a súa viaxe a Vichy para entregar en persoa ó Mariscal Pétain unha modesta mostra dos seus produtos en sinal de adhesión. Malia todo, son máis os momentos nos que o lector sente desacougo perante á exhibición constante de egoísmo e dun individualismo groseiramente pragmático que se non son máis tráxicos é simplemente pola escasa envergadura dos personaxes. En cada conversa prepotente cos clientes, en cada comentario antisemita, en cada desprezo cara ós débiles, en cada mostra de sumisión fronte ós poderosos presentimos o abismo de indignidade moral ó que nos poden asomar as situacións extremas.

Quen non saiban nada do autor poderían deducir que a crítica despiadada destes arquetipos da pequena burguesía, estes tendeiros cuxo horizonte vital non vai máis alá de regatear uns pesos ós gandeiros ou manipular as básculas no seu beneficio, nace de posicións marxistas. Nada máis lonxe da realidade, pois Dutourd era un convencido monárquico e logo gaullista (a forma de monarquía posible na segunda metade do XX), para máis señas resistente (dos de verdade).

¿E que lugar queda por certo para a Resistencia en Au bon beurre? O vulgar pragmatismo dos tendeiros queda compensado pola historia paralela de Léon Lécuyer, o prisioneiro evadido, que logra pasar á zona libre pero remata na cadea tras un torpe intento de asasinar a Laval nun acto de idealismo. Os Poissonard son máis hábiles, posto que nas vésperas da Liberación agochan a un veciño xudeu e proporcionan víveres ós partisanos para preparar o seu volte-face.  A fortuna está da súa parte, xa que ademais o tendeiro consegue encerrar no almacén a Hans, un inofensivo soldado alemán que frecuentaba o seu establecemento enganado polas mostras de afecto que alí recibía, que ás súas costas se convertían en burlas polo seu acento e inocencia. De feito é case o único alemán no que se detén a narración, suliñando a sensación de que o peor da Ocupación é o que saca a relucir dos propios franceses. Unha vez entregado Hans ás FFI os tendeiros poden pasar a engrosar definitivamente as ringleiras dos resistentes da hora once, como se denomina en Francia ós oportunistas que se sumaron ó bando vencedor no derradeiro momento.

A novela remata co trunfo definitivo dos Poissonard, que casan á súa filla cun alto funcionario vichysta que tamén soubo establecer contactos coa Resistencia e axiña chegará a deputado. De orixe nobre, despreza interiormente ós seus pouco cultivados sogros, mais estes poden aportar á unión unha tentadora dote coa riqueza en inmobles e terras froito dos seus negocios ilegais. Nunha metáfora final, un símbolo de quen saíu gañando na realidade por debaixo dos relatos patrióticos, o fillo dos Poissonard, un mantido sen maiores luces, examínase na reválida de bacharelato con Léon, o resistente, convertido en modesto mestre. Léon rexeita o soborno ofrecido a cambio dun aprobado inmerecido e como vinganza os Poissonard recorren ó seu xenro deputado para que sexa transferido a Arxelia.

Au bon beurre obtivo o premio Interallié o ano da súa aparición e a súa popularidade foi revitalizada en 1981 cunha adaptación televisiva. Unha tradución en castelán (Pan, amor y mantequilla) apareceu en Taurus en 1956 pero xa non foi reeditada.

Desde Galicia, estas pouco heroicas Escenas da vida baixo a Ocupación (subtítulo da novela) moven a algunha reflexión específica. Para empezar, o escaso eco na nosa literatura, ata onde chega ó meu coñecemento, da economía intervida e os seus efectos durante a guerra, os anos corenta e os inicios dos cincoenta. Na historiografía coñecemos algo por exemplo dos avatares do pequeno estraperlo grazas entre outros a Raúl Soutelo e o seu recurso á fonte oral, e indirectamente a través das investigacións sobre as Hermandades de Daniel Lanero ou dun artigo de Lourenzo Fernández Prieto sobre a economía de guerra en Grial (nº100, 1988), pero segue sendo en termos xerais unha asignatura pendente. Non contamos con nada semellante ós traballos de Miguel Ángel del Arco ou Óscar Rodríguez Barreira para Andalucía, que teñen establecido en certo xeito un paradigma sobre os efectos sociais, políticos e económicos da intervención no sector agrario que de seguro en Galicia debería ser matizado en aspectos esenciais.

A confusa e cambiante normativa sobre cupos, taxas, reparto de inputs, etc.etc. era a mesma para todas as provincias, pero os seus efectos (desexados e indesexados) eran por forza moi diferentes en función das características de cada zona. Tanto máis, cando a vontade totalitaria de prever e controlar a colleita de cada leira e o rendemento de cada res estaba completamente fóra do alcance da información e da capacidade dun Estado que como maquinaria administrativa seguía a ser moi ineficaz. Abríanse así espazos para a arbitrariedade e a corrupción, pero tamén para respostas insospeitadas, como a que teño comprobado nalgunha documentación para a provincia da Coruña. Refírome por exemplo a alcaldes que tentan mitigar o volume dos cupos atribuídos ós seus concellos, que logo debían ser repartidos entre parroquias, aldeas e finalmente a cada agricultor en concreto. Unha reacción de defensa dos seus administrados fronte ás instancias superiores por parte de corporacións non elixidas que sorprende, pero semellante ás que xa teñen sido sinaladas para a Alemaña nazi ou a propia Andalucía. Cando as protestas non surten efecto mesmo teño atopado evidencias de negociacións entre concellos da mesma comarca para repartirse cupos entre si (centeo por trigo por exemplo se lle esixían o segundo a concellos nos que case non se producía) e amañar no posible os estragos, un verdadeiro mercado paralelo que testemuña á perfección os despropósitos do sistema autárquico.

Para rematar, os estudos sobre os apoios sociais ó franquismo enriqueceríanse introducindo variables derivadas da imposición do modelo económico autárquico. Segundo a lexislación, a totalidade do cereal panificable de cada concello debía forzosamente ser transportado a un único muíño autorizado. Non sabemos nada sobre os empresarios beneficiados por ese inmenso poder, nin da súa procedencia, nin de en función de que criterios obtiñan ese monopolio nin do uso que fixeron del. Tampouco, máis alá das anécdotas transmitidas pola memoria familiar, do funcionamento do pequeno comercio e da hostelería na Galicia das cartillas de racionamento, nin dos economatos das grandes empresas e das institucións (o propio Exército, institucións relixiosas, asilos…). Para Andalucía tense suliñado o rol da intervención e do mercado negro na sumisión da poboación e na prolongación da divisoria entre vencedores e vencidos, para Galicia está pendente aínda a análise dos efectos da longa posguerra económica e dos nosos propios Poissonard.

 

 

Por Miguel Cabo (Santiago de Compostela, 1970)  Doutor de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, coa tese A integración política do pequeno campesiñado: o caso galego no marco europeo, 1890-1939, As súas liñas de investigación son: historia agraria e historia  social, con estudos sobre a acción colectiva, o asociacionismo e a  politización no ámbito rural ou a prensa agraria.