Conferencia de Bárbara van der Leeuw: A representación do “inimigo” en Euskadi e o Ulster durante os anos de chumbo, 1968-1981

Conferencia de Bárbara van der Leeuw: A representación do “inimigo” en Euskadi e o Ulster durante os anos de chumbo, 1968-1981

Jessica Nogueira Castro

Grupo HISTAGRA

 

O curso vai chegando ao seu fin e con el os seminarios de HISTAGRA. O pasado día 23 tivemos a oportunidade de asistir con toda probabilidade ao último Seminario do Ciclo Pasados Incómodos: Guerra, Memoria e Historia. Nesta ocasión da man da profesora Barbara van derLeeuw (EHU) achegámonos a un dos fitos máis controvertidos e arduos na historia do estado español, tanto historiográfica como socialmente: «A representación do “inimigo” en Euskadi e no Ulster durante os anos do chumbo, 1968-1981». A denominación do ciclo, como vemos,  non é nin moito menos retórica.

A profesora da Universidade do País Vasco presentounos a súa investigación en perspectiva comparada centrada na estigmatizaciónque ETA e o IRA fan dos seus inimigos, do “outro” ao que teñen que facer fronte. Partindo das teorías da construción de identidades colectivas e de diferenciación co outro, común por outra banda a todos os movementos sociais, a investigadora busca analizar a estigmatización do inimigo e como esta foi evolucionado de forma parella ao contexto político no que desenvolveron a súa actividade as organizacións armadas, situadas segundo a poñente na terceira oleada terrorista. A través da análise das representacións gráficas —da súa propaganda— as organizaciónsbuscaban unha deslexitimizacióndo inimigo. Para conseguir ese obxectivo facían man de diversos mecanismos:dende a deshumanización, a marxinación, a atribución de certos trazos de personalidade, a “etiquetación” política negativa (predominaban as acusacións de fascistas e nazis) ata a comparación con outros grupos cunha elevada carga de negatividade no imaxinario colectivo.

As conclusións da profesora van derLeeuw xiran fundamentalmente arredor da idea de que tanto o IRA como ETA empregaron ao longo da súa actividade diferentes representacións gráficas nas que o obxectivo era colocar na palestra ao inimigo a bater. Un inimigo que era deslexitimado en cada unha destas representacións de forma constante, incrementándose substancialmente a ofensiva nos momentos nos que a represión estatal se incrementaba. Poucas son as diferenzas sinaladas pola poñente entre os dous casos. Quizais o máis destacado sexa o carácter dos obxectivos das organizacións. Mentres que no caso irlandés o principal obxectivo eran os militares británicos eo UDR (UleterDefenseRegiment) no caso vasco fórono os corpos de seguridade do estado —fundamentalmente Garda Civís. Os ataques recaían nos colectivos encargados de combater ás actividades da organización. En calquera caso, e a pesar da existencia desta diferenza e de algúns elementos específicos en cada territorio —as peticións de amnistía no caso vasco e as folgas de fame en Irlanda, por exemplo— as bases de representación do “outro” coincidían.

Os “outros” eran os invasores sobre os que recaía a primeira acción violenta que en última instancia presentaba ás organizacións —e ao pobo vasco e irlandés— como unhas vítimas que lexitimamente se estaban defendendo. Os “outros” eran presentados como terroristas, ladróns, feos, crueis, agresores, represores, máquinas, fascistas, nazis…A profesora sostén que os estereotipos negativos xa estaban presentes nas tradicións nacionalistas mais adquiriron unha visión extrema durante os anos do chumbo que se difundiu con moito éxito en poucos anos. Deste xeito, a deslexitimización do “outro” foi gañando terreo entre unha parte nada despreciable da sociedade civil, entre outras cousas, polo apoio institucionalizado. Isto é, pola existencia de organizacións políticas vinculadas ás organizacións armadas que actuaban como altofalantes, polo papel ata certo punto tolerante do nacionalismo moderado e polo apoio de certos colectivos coma a igrexa, chave tanto no caso vasco como irlandés.

En termos xerais a palestra tivo un ritmo dinámico na que en todo momento se intentou entrelazar o caso irlandés co vasco, analizando de forma parella os dous contextos e dotando de exemplos gráficos todo o desenvolvemento da argumentación. Agora ben, non sempre se conseguiu artellar perfectamente esta comparación. A que me refiro? É moi frecuente no mundo historiográfico establecer unha comparación entre ETA e o IRA, entre outras razóns porque existiron profundas relacións entre ambas organizacións recoñecidas por elas mesmas. Dende ese punto de vista a comparación é moi oportuna. Con todo, o contexto británico e o español distaban moito de ser semellantes. E quizais neste punto a poñente deixou algúns fíos soltos, como se puxo de manifesto no debate. ETA, a diferenza co IRA, naceu no contexto dunha cruenta ditadura no seo dunha sociedade sometida apenas trinta anos antes a unha masacre sen paliativos nin precedentes. E quizais este punto non se abordou coa suficiente profundidade na palestra.

Neste sentido, considero imprescindible situar as orixes da actividade de ETA no marco da ditadura franquista e en ningún caso minimizar a importancia que este contexto tivo na representación que a organización fixo do “outro”. De feito, resultaría interesante comparar estas representacións coas feitas por outros movementos sociais non armados, como o xa citado movemento obreiro por exemplo. Así poderíamos ver ata que punto o contexto foi fundamental e quizais, aínda que isto é meramente especulativo, nos permitiría retirar exclusividade as representacións que ETA facía do “outro”. En relación a isto, e como se comentou tamén no debate, sería interesante ligar as representacións coas experiencias. É dicir, ata que punto as representacións eran retóricas ou pola contra respondían a unha realidade social. Todo isto, podería mostrar unha imaxe moito máis matizada do que nos ofreceu a profesora.

Estes interrogantes que aquí lle estamos engadindo humildemente as propostas da profesora van derLeeuw parten fundamentalmente do que considero un non total aproveitamento das fontes nun dobre sentido. Por un lado, cómpre achegarse a elas dende unha visión crítica. A ollada do historiador debe empregar as fontes na elaboración do relato histórico dende unha postura analítica, empregando todos os recursos metodolóxicos cos que conta a disciplina, evitando facer unha translación directa dende fontes ao relato histórico. Abordar as fontes coa suficiente mirada crítica evitará caer nas dicotomías empregadas polos propios actores da historia, que non sempre se corresponderon coa realidade. Por outro lado, canto maior sexa a diversidade na orixe das fontes maior será a riqueza do noso relato. Así, quizais as profesora van derLeeuw caeu nun abusivo e acrítico emprega dos testemuñas das vítimas que a levaron a trasladar a imaxe dunha sociedade dicotómica e ríxida. Visión cando menos cuestionable.