A Historia e a Memoria da disidencia sexual en Galicia: un camiño por percorrer

Ferrández Pérez, D. (2024): "A Historia e a Memoria da disidencia sexual en Galicia: un camiño por percorrer", en Journal of Contemporary Galician Studies, nº 24, p. 6-21
Embora nos últimos anos asistamos a un incremento dos traballos académicos sobre a Historia e a Memoria da disidencia sexual, continúan a ser materias totalmente ausentes tanto das políticas desenvoltas polas administracións públicas como dos currículos educativos. Con todo, a divulgación deste campo de estudos resulta fundamental para estendermos a consciencia social sobre a igualdade e non discriminación das persoas LGBT+, xa que ten a capacidade de ensinar que a diversidade sexual e de xénero non é unha creación do presente, mais si unha característica humana que se expresou de modos diferenciados conforme a sociedade e o contexto. Ensina, tamén, a identificar e (de)construír certas ideas que alimentan discursos LGBTfóbicos, a súa procedencia e o seu significado ao longo da Historia. Situándonos no espazo galego, o artigo tentará desenvolver estas ideas ao redor da importancia da divulgación da Historia e a Memoria da disidencia sexual, tanto para a cidadanía en xeral como para os movementos LGBT+ en particular. Para isto, preguntámonos sobre as chaves conceptuais coas que (re)construír estes coñecementos, coa intención de que a súa recuperación sexa un proceso inclusivo, capaz de sobreporse á omisión e terxiversación. Por último, reflexionaremos sobre a importancia da multidisciplinariedade, o traballo en rede e a colaboración constante cos colectivos LGBT+ na elaboración e posta en práctica destas propostas.