O sindicalismo agrario na Galicia da Transición

Lanero Táboas, D. (2023): "O sindicalismo agrario na Galicia da Transición", en Dieguez Cequiel, U-B. (Coord.): A Transición en Galiza, Santiago de Compostela, Laiovento, p. 127-140

A Transición politica entre a ditadura franquista e a democracia é un proceso dunha significación extraordinaria. Tanto pola realidade que deixaba atrás, como por aquela que estaba a se edificar e que chega até os nosos días. Após catro décadas de destrución do tecido organizativo democrático (e da dinámica participativa que no marco da II República se desenvolvera), así como da instauración dunha férrea ditadura militaE na segunda metade da década dos setenta do pasado século os resortes do franquismo estaban a se debilitar. O enorme traballo realizado desde a oposición democrática na clandestinidade, desde o ámbito político-organizativo até o eido cultural, pasando pola enorme relevancia da loita realizada desde o mundo do traballo, sería central para albiscar a posibilidade real dun cambio de ciclo que puxera fin ao devandito réxime. Un traballo que tiña como referente a memoria republicana e un exilio que seguía vivo (aínda que moi avellentado, e sen apenas folgos, o exilio fora quen de manter viva e legar a experiencia democrática republicana, que para o caso galego implicara tamén manter viva a loita pola Autonomía e polo proceso de construción nacional galego).