Xornada "Innovar e emprender en Humanidades, unha realidade feminina"

Luns 9 de abril

Até tempos ben recentes, a idea do emprendemento ten sido asociada fundamentalmente á transferencia cara ao tecido empresarial de innovacións tecnolóxicas e patentes industriais, asumindo que o espazo natural destas innovacións eran as Ciencias Experimentais ou as Enxeñarías. As Ciencias Humanas, en parte por vontade propia, e en parte polas dificultades de acomodo dun modelo fundamentado na explotación de patentes, teñen estado ausentes nos primeiros anos de desenvolvemento deste terceiro alicerce das Universidade. Con todo, cada vez é máis discutida a necesidade de adaptar o modelo de transferencia a unha área que produce coñecemento que, se ben traballa coas ferramentas do inmaterial, é fundamental para comprender e mellorar o mundo do material: novas metodoloxías, descritores para a análise dos impactos reais dos produtos da cultura, modos de difusión de ideas e ideoloxías, aplicacións e desenvolvementos especificamente pensados para as industrias da cultura e do turismo no seu sentido máis alargado... son algunhas das vías de transferencia abertas desde as Ciencias Humanas. Ao lado deste desafío, encontramos outro que non é menor: o emprendemento en feminino na área de coñecemento coa máis alta porcentaxe de mulleres estudantes e tituladas. A perspectiva de xénero aplicado á comprensión da transferencia da investigación é fundamental, como a exposición de Woman Emprende mostra, para entender todos os ángulos dun fenómeno que se vincula coa empregabilidade e a utilidade dos estudos, mais tamén coas expectativas vitais, a capacidade de adaptación ao medio e a un escenario de crise, coa sustentabilidade dos empendementos e coa resiliencia das emprendedoras. Esta xornada reúne especialistas procedentes de diferentes áreas das Humanidadese das Ciencias Sociais, tanto na súa dimensión máis teórica como na aplicada, así como emprendedoras que reflexionarán e analizarán o percurso desde que unha idea é xerada na investigación básica até que pode ser aplicada na empresa.

Ver programa