O Profesor Bartolomé Clavero reflexiona sobre o dereito á Cultura no ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s) do CCG

Bartolomé Clavero, Catedrático de Historia do Dereito e das Institucións da Universidade de Sevilla e membro do Foro Permanente de Nacións Unidas para as cuestións indíxenas, impartirá o vindeiro xoves 9 de febreiro ás 17.00 h. na biblioteca do Consello da Cultura Galega, a conferencia ¿Cómo es que no hay un derecho humano a tu cultura propia?, no marco da inauguración do ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s) 2012.

O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s) é un seminario interdisciplinar sobre os significados da cultura no tempo presente que o Consello da Cultura Galega vén organizando dende 2007. Este seminario, coordinado polo profesor Ramón Máiz, ten como obxectivo abordar os debates e investigacións mais recentes sobre as plurais nocións e prácticas da Cultura en ámbitos tan diversos como a Filosofía, a Antropoloxía, a Arte, a xestión cultural, os estudos culturais, as políticas do multiculturalismo etc. O ciclo contou xa con intervencións de pensadores como Slavoj Zizek, Félix Duque, Alberto Ruiz de Samaniego, Darío Villanueva, Héctor Díaz de Polanco, Josep Ramoneda, Ernesto Laclau,  Fernando Castro Flórez, Anne-Marie Thiesse, José Luis Villacañas,  Anne Phillips, José Manuel Sánchez Ron, Rafael Argullol, William Shea ou Donatella della Porta.

O texto da súa intervención pódese concultar aquí

Breve currículo do relator:

Bartolomé Clavero (1947) é doutor en Dereito pola Universidad de Sevilla, actualmente catedrático de Historia do Dereito e das Institucións desta universidade; profesor eventual de doutoramento noutras universidades; profesor ou investigador convidado na Universidade Libre de Lisboa (Portugal), as de Sassari e Messina (Italia), a Federal de Rio Grande do Sul (Brasil), a de La Cordillera (Bolivia) e as de Chicago, Arizona e California (campus de Berkeley e de San Diego) nos USA.

Cooperante internacional pola Unión Europea como observador electoral en Guatemala en novembro de 1994-xaneiro de 1995 e como xefe operativo da observación electoral no Perú entre marzo e xuño del 2001. Colabora co Alto Comisionado para os Dereitos Humáns de Nacións Unidas no Programa de Formación en Dereitos Humáns para Pobos Indíxenas que se desenvolve na Universidad de Deusto. Actualmente membro do Foro Permanente de Nacións Unidas para as cuestións indíxenas.

Blog: http://clavero.derechosindigenas.org

Debido á capacidade limitada do lugar de celebración do encontro; prégase confirmación de asistencia no enderezo electrónico difusion@consellodacultura.org  ou nos teléfonos 981957209 / 981957210.