O investigador de HISTAGRA Diego Conde Gómez foi recoñecido co Premio de Investigación Jesús García Calvo

O libro Juan Rof Codina. Renovación na veterinaria e gandería galega contemporánea, publicado en 2015 polo membro de HISTAGRA Diego Conde Gómez, foi recoñecido co Premio de Investigación Jesús García Calvo. Un traballo que evidencia aspectos ata agora ocultos da figura de Rof Codina (1874‐1967), esencial para a veterinaria española do século XX, resultou gañador da segunda edición do Premio Jesús García Calvo que convocan o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC e a Fundación Feiraco para recoñecer investigacións que contribúan ao coñecemento e ao desenvolvemento do medio rural e o cooperativismo en Galicia.
O xurado destacou do traballo ‘Juan Rof Codina. Renovación na veterinaria e gandería galega contemporánea ’, publicado en 2015 por Diego Conde Gómez en Edicións Xerais de Galicia, a singular combinación da metodoloxía histórica (Conde é colaborador do grupo de investigación Histagra da USC) e a formación como veterinario do autor. Así mesmo, salientou a relevancia do estudo para comprender o pulo modernizador que a agricultura e o medio rural de Galicia experimentaron no primeiro terzo do século XX.
No libro de Diego Conde Gómez, gañador do premio na modalidade de publicacións de resultados de investigación, faise un percorrido sobre as transformacións que durante ese período se levaron a cabo na gandaría e veterinaria galega da man do que foi un dos seus principais promotores, Juan Rof Codina, que co seu labor pedagóxico soubo canalizar as inquedanzas de renovación que agromaban no ámbito agropecuario e reivindicar o papel protagonista que a profesión veterinaria demandaba para a súa dignificación, xogando un papel protagonista no artellamento do corporativismo profesional galego.
Diego Conde (Ourense, 1977) é Doutor en Veterinaria pola Universidade de Santiago de Compostela (2000). Membro de Historia Veterinaria Galega (HISVEGA). Realizou a Tese Doutoral “Veterinaria e mellora pecuaria na Galicia contemporánea. o papel de Juan Rof Codina”, baixo a dirección de Lourenzo Fernández Prieto e Manuel Cifuentes Martínez. As súas liñas de investigación son: Historia da Veterinaria e a Gandería; Historia Agraria; Historia da innovación e modernización científica no ámbito agropecuario; Guerra Civil e Franquismo.