A Universidade de Minho concedeu o seu grao de doutor honoris causa ao catedrático Ramón Villares

O fundador e membro de HISTAGRA Ramón Villares foi galardoado onte mércores 17 de xuño co Doutorado Honoris Causa da Universidade de Minho, distinción académica que a institución portuguesa outorga a “personalidades de mérito eminente, que se destaquen nos dominios da ciencia, da educación e da cultura, posuidores dun currículo de gran proxección internacional”. O outorgamento desta distinción fora acordada por unanimidade dos membros da comisión científica do Senado Académico da Universidade portuguesa, neste caso, a proposta do seu Instituto de Ciencias Sociais.

No acto de investidura, Villares pronunciou un discurso no que proclamou a necesidade de "desandar vellos camiños e propiciar unhas relacións galaico-portuguesas que recuperen a perspectiva global que defendía Castelao cando falaba dunha Hespanha na que o hispanismo englobase todas as culturas e linguas da Iberia. Esa perspectiva chamouse no século XIX iberismo e algunhas das súas utopías poden ser recuperadas no noso século no que o mundo se cualifica como algo “plano” e “desterritorializado”, isto é, aparentemente sen fronteiras pero necesitado de valores". (El Correo Gallego)
 
Ramón Villares é catedrático de Historia Contemporánea da USC dende 1987 e experto en historia agraria, historiografía e historia xeral de Galicia. Reitor da Universidade de Santiago entre 1990 e 1994, actualmente é o presidente do Consello da Cultura Galega dende 2006. Con anterioridade foi decano da Facultade de Xeografía e Historia (1986-1990) e membro fundador e presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea, así como director en Galicia da (UIMP) e consultor externo de centros de investigación de renome internacional.

Ligazóns de interese:

La Voz de Galicia

El Correo Gallego

El Correo Gallego