Concesión dunha bolsa de investigación da Deputación da Coruña á investigadora de Histagra Araceli Freire Cedeira

As Bolsas de investigación para titulados universitarios que convoca a Deputación da Coruña teñen por obxecto a concesión de dezaoito bolsas de investigación destinadas a titulados/as universitarios/as que pretendan facer un traballo de investigación no período 2014-2015 sobre unha temática relacionada co ámbito territorial da provincia. Nesta ocasión, unha das catro destinadas a estudos en Arte e Humanidades foi para o traballo La construcción histórica de un espacio protegido: el parque natural Fragas do Eume (1901-1997) da investigadora membro de HISTAGRA Araceli Freire Cedeira.

Sobre a o traballo premiado, no proxecto de investigación realizarase unha reconstrución histórica da evolución temporal dos diferentes territorios que integran o Parque Natural Fragas do Eume (Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e Pontes de García Rodríguez. O marco xeral da investigación proposta pretende realizar un estudo do período de profundas alteracións que experimentaron a sociedade rural e o agro ecosistema atlántico do Parque Natural Fragas de Eume, entre finais da década de 1930 e inicios da de 1960 en todos os planos (produtivo, medioambiental, socio-político e cultural), chegando até a actualidade e facendo fincapé nas políticas intervencionistas levadas a cabo sobre o espazo desde a época de entreguerras, do que son exemplo destacado as políticas de repoboación forestal e hidroeléctricas (encoro do Eume). Así, estudaremos as alteracións acontecidas no agro ecosistema atlántico en relación aos custes ambientais, sociais e económicos.

Araceli Freire Cedeira (Arteixo, 1985) é Doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela coa tese Conflictividad social en el medio rural gallego (1939-1975): el caso de los montes vecinales en mano común. Máster en Historia Contemporánea pola mesma Universidade. Entre as súas liñas de investigación destacan a historia agraria, a historia social do mundo rural e a historia medioambiental do periodo 1939-1975. Ten publicado En defensa de lo suyo. Propiedad forestal y conflictividad social durante el franquismo: los montes vecinales de Cerceda.

Ligazóns de interese:
http://histagra.usc.es/es/nova/1c916a778c79/
http://www.dicoruna.es/cultura/bolsas/investigacion/resolucion-adxudicacion-firmada-investigacion.pdf
http://histagra.tumblr.com/