Ramón Villares volverá ser presidente do Consello da Cultura Galega

A sesión plenaria extraordinaria do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrada o pasado xoves 22 de maio de 2014 vén de elixir novamente ao membro de fundador de HISTAGRA Ramón Villares Paz como presidente da institución para os vindeiros catro anos.

A candidatura de Ramón Villares acadou vinte e dous dos vinte e tres asistentes. Antes da votación, Ramón Villares tivo unha quenda de palabra na que fixo un balance dos proxectos acometidos na lexislatura saínte e avanzou os que serán os obxectivos para os vindeiros catro anos.

Sobre Ramón Villares:
Ramón Villares Paz (Cazás-Xermade, 1951) é Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987. Director do Departamento de Historia Contemporánea (1983-1986), Decano da Facultade de Xeografía e Historia (1986-1990) e Reitor Magnifico da Universidade de Santiago (1990-1994), membro fundador e Presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea (1996-2002) e Director en Galicia da Universidad Internacional Menendez Pelayo, UIMP (1997-2005). Tamén é Membro Numerario da Real Academia Galega e Investigador Honorario do Instituto de Ciências Sociais (U.Lisboa) (desde 2011). Membro do Consello Editorial de Marcial Pons, Ediciones de Historia (Madrid) e membro do Consello Asesor de revistas como Historia Social (Valencia), Ler História, Análise Social (Lisboa), Ayer, revista de Historia contemporánea (Madrid). Pertence aos patronatos do Museo do Pobo Galego, da Fundación Luis Seoane, da Fundación Otero Pedrayo e da Fundación Juana de Vega. Actualmente é Presidente do Consello da Cultura Galega, desde 2006.

Sobre o Consello da Cultura Galega:
O Consello da Cultura Galega é unha institución estatutaria: a súa existencia vén determinada polo Estatuto de autonomía de Galicia. Foi creado, conforme prevé o artigo 32 deste, por Lei do Parlamento de Galicia (Lei 8/1983, do 8 de xullo). Réxese por esta Lei e mais polo Regulamento desta, aprobado pola Xunta de Galicia (Decreto 162/2008, do 10 de xullo, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do Consello da Cultura Galega). Cun carácter de órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización, ao Consello compételle a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. Está composto por representantes de entidades e por personalidades sobranceiras dos diversos campos da cultura galega.

Ligazóns de interese:
http://www.consellodacultura.org/noticia.php?id=3725
http://histagra.usc.es/es/persoa/ramon-villares/
http://es.wikipedia.org/wiki/Ram%C3%B3n_Villares
http://galegos.galiciadigital.com/es/ramon-villares-paz